As manifestacións reducíronse en 2015 por segundo ano consecutivo

Manifestación en defensa do sector do mar, o pasado 27 de febreiro © PDRA

En 2015 convocáronse en Galicia menos manifestacións que en 2014 e 2013, segundo os datos ofrecidos polo Ministerio do Interior no seu Anuario Estatístico. A cifra, con todo, é aínda superior á de 2012 e máis que duplica os datos de 2011, 2010 e anteriores. No conxunto de España o número total de manifestacións encadeou o seu terceiro ano consecutivo de descensos, dende o máximo acadado en 2012. Porén, ao igual que en Galicia, a cantidade é aínda moi superior á que se rexistraba antes de 2011.

En canto ás entidades promotoras das manifestacións en Galicia, sindicatos e asociacións cidadás son as convocantes da inmensa maioría das marchas. Obsérvase un descenso claro nas mobilizacións impulsadas por partidos políticos, entidades ecoloxistas e tamén por grupos independentistas. Crecen en 2015, en cambio, as manifestacións convocadas por asociacións estudantís.

Finalmente, no que respecta ás motivacións das marchas, segundo as categorías coas que o propio Ministerio do Interior clasifica as manifestacións, vemos que os temas laborais son os que están detrás de case a metade das mobilizacións, aínda que o seu número descende dende o ano 2013. A segunda motivación máis frecuente, pero tamén en descenso, é a das marchas contra medidas políticas e lexislativas. Redúcense igualmente as manifestacións por temas de ensino. Si crecen as protestas veciñais, agrarias, sanitarias e contra a violencia de xénero.

Manifestación en defensa do sector do mar, o pasado 27 de febreiro © PDRA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.