O tratamento da hepatite C en Galicia: 3.199 doentes e non tan punteiro

Acción da plataforma na Praza do Obradoiro © Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C

No medio do escándalo pola acusación da Fiscalía á Xunta de homicidio imprudente por atrasar fármacos da hepatite C por "razóns orzamentarias", Feijóo insistiu en presumir do elevado número de doentes atendidos e dos 130 millóns de euros que Galicia destinou en dous anos a financiar os fármacos contra esta doenza, destacando que era un gasto "por riba da media española" e, ademais, "moi por diante de Andalucía". Gabou o traballo do Sergas e con fachenda aludiu aos únicos "intereses dos pacientes" fronte aos "criterios economicistas" que aludía a Xustiza. Agora, e logo da xuntanza coas asociacións de afectados mantida este xoves, a Consellería de Sanidade deita algo de luz sobre esta enfermidade e destaca que tratou 3.199 pacientes desde a implantación do Plan Estratéxico estatal -do 1 de abril de 2015 ao 30 de xuño de 2016- aos que, aclara, "habería que sumar" os 1.137 de antes, facendo un total de 4.336.

O Sergas tratou 3.199 doentes de hepatite C desde a implantación do Plan Estratéxico estatal

Con todo, o número de doentes tratados en Galicia tras a entrada en vigor do plan estatal supoñen o 6,48% dos tratados no conxunto do Estado, segundo os datos achegados polo Sergas na xuntanza. Xa que logo, unha porcentaxe moi semellante ao peso poboacional do país en España, que actualmente rolda o 6% (5,84). "Está ben, pero é unha cifra que contradí algunha fachenda do Goberno, que insistía en destacar que era punteiro no tratamento cando o dato vén sendo o que lle corresponde por número de habitantes", destaca Quique Costas, voceiro da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C e presente na reunión. 

Segundo datos do Ministerio de Sanidade, o número de envases consumidos en 2015 foi de 42,35 por cada 10.000 habitantes en Galicia, "cando a media do sistema estatal de saúde foi de 29,27", tal e como aclara a Consellería. 

O número de tratados en Galicia correspóndese case exactamente co peso poboacional do país no Estado

Ademais, o director xeral de Asistencia Sanitaria e a subdirectora xeral de Farmacia, que está sendo investigada penalmente, explicaron tamén como o tratamento ten unha taxa de máis do 95% de efectividade. "Algo que xa sabiamos e do que levabamos tempo advertindo", insiste Costas, que cre que as cifras achegadas agora pola Xunta "evidencian que a dispensación de tratamentos e a atención aos doentes requirida, tendo en conta oss recursos humanos e os especialistas, era a axeitada". 

A efectividade do tratamento contra a hepatite C é de máis do 95%

Por outra banda, a Plataforma lamenta que Asistencia Sanitaria non lles facilitase a cifra de persoas diagnosticadas noutras fases (F2, F3 e F4), xa que aseguran que son moitos os doentes non diagnosticados. Segundo os cálculos, as máis de 3.000 persoas tratadas serían tan só algo máis da metade do total de enfermos de hepatite C no país. "Responden que están facendo un seguimento e que dependen dun sistema que se está a aplicar dende Madrid... Funcionan como unha delegación do Ministerio e parece que non teñan asumido as súas competencias na materia", explica Costas, que insiste na necesidade de que "agromen" estes doentes non diagnosticados e de que o Plan Estratéxico "se abra a todos os infectados". 

Na mesma liña, lamenta tamén que desde o Sergas non se leve a cabo unha campaña de información e prevención como a que a propia Plataforma fai desde hai xa semanas e que a resposta volva ser que dependen "do que se deseñe en Madrid". "Falta iniciativa propia por parte da Xunta, é cuestión de vontade", quéixase. 

Ao tempo, o voceiro da Plataforma tamén botou en falta información sobre cantos dos 654 reclusos con hepatite C están a recibir o tratamento. Malia que o Ministerio do Interior e Sanidade asinaron un convenio que especificaba que era o Sergas quen levaba a cabo o tratamento nos cárceres galegos, a Consellería non facilitou os datos argumentando que terían que soliciatlos a Institucións Penitenciarias. 

As asociacións de afectados lamentan a falta de información sobre cantos dos 654 reclusos afectados reciben o tratamento

Ademais, Costas manifestou a "intranquilidade" da Plataforma ante o feito de que sexa o Sergas quen faga a prescrición dos fármacos pero finalmente Institucións Penitenciarias quen o dispense. "Sería moito mellor que fose a propia farmacia hospitalaria do sistema público quen o fixese porque así non temos nin datos fieis nin a seguridade do que se está a facer nas prisións", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.