Arte na rúa para implicar os mozos na memoria histórica

Mural sobre a memoria histórica pintado en Fene © Pinta Pasado, Crea Futuro

Un novo achegamento á memoria histórica, unha novidosa homenaxe ás vítimas da represión franquista. Iso foi o que buscou John Thompson, profesor universitario estadounidense, decepcionado como estaba ao se decatar do escaso interese que as novas xeracións tiñan sobre o acontecido tan só unhas décadas atrás.

Mozos de entre 15 e 18 anos plasmaron nun mural un proxecto de memoria histórica que incluíu debates e coloquios durante un mes

Cinco rapaces de entre 15 e 18 anos acabaron plasmando nun mural en Fene un proxecto no que traballaron un mes e que incluíu tamén coloquios, proxeccións audivisuais e debates con protagonistas daquela época de sufrimento, profesores ou historiadores. Insipirado naqueles murais nos que minorías étnicas de Los Ángeles se implicaban para descubrir a historia silenciada dos EUA nos 70, os impulsores do proxecto Pinta pasado, crea futuro buscan tamén que esta idea se espalle polo Estado adiante. 

"Unha nova forma de involucrar a mocidade na memoria histórica: o novo xénero de arte pública", define Thompson, que mantén vinculación con Galicia desde hai xa anos. "Preocúpame o crecente desinterese dos mozos nestes períodos e o progresivo afastamento dos feitos históricos, o que incide na indiferenza de boa parte da cuarta xeración, cuxos bisavós e bisavoas presenciaron esta historia", explica o profesor, consciente de que "a represión e o exterminio masivo levado a cabo polo bando nacional adoita interesar menos que os episodios históricos nos filmes de Hollywood". 

O profesor Thompson inspirouse no "novo xénero de arte pública" impulsado en Los Ángeles nos anos 70 a prol das minorías

Chegou á conclusión e decidiu facer algo logo de anos de investigación sobre monumentos conmemorativos da memoria histórica espallados por toda Galicia. Censou as obras e filmou testemuños dos implicados pero, ao volver visitar eses lugares, atopouse "co abandono en case todos os casos: pintadas fascistas que ninguén quitaba, un símbolo que servía de urinario para os botellóns, outro cuberto de excrementos de cans ou inscricións oxidadas que xa non se podían ler". Doutra volta, decidiu parar os paseantes que camiñaban ao carón do monumento de Acisclo Manzano, en Compostela, para preguntarlles se sabían que conmemoraba. "Ninguén soubo relacionalo coa memoria histórica"

O abandono dos monumentos da memoria histórica e a indiferenza que provocaban na sociedade inspirou a Thompson

"A creación destes lugares non se fai duha maneira inclusiva; son visións individuais que non tiveron en conta a receptividade da cuarta xeración", explica Thompson, que concluíu que "fai falta unha nova forma de creación que inclúa os mozos e a sociedade en xeral no proceso memorialista". Así, apostou por unha nova ollada e baseouse nese Novo xénero de arte pública xurdida a finais dos anos 70 nos barrios pobres de Los Ángeles e impulsado polas artistas Susan Lacy e Judith Baca. Alí, implicouse a mozos latinos, afroamericanos e doutras minorías étnicas a participar nun proxecto para pintar murais e "representar as historias silenciadas -que sufriron estas minorías- polo Estado norteamericano". 

"Trátase dunha arte ao servizo do activismo político de esquerdas e faise en equipos de colaboración", resume. Coa axuda do director da radio pública do municipio de Fene e da artista Laura Bouza, con experencia na arte de compromiso mesmo con instalacións sobre torturas no franquismo, Thompson púxose mans á obra coa axuda do propio Concello, que tamén colaborou no proxecto. 

Durante as dúas primeiras semanas de xullo leváronse a cabo charlas e obradoiros de creación artística. Os mozos interactuaron con testemuñas directas da represión franquista, representantes de asociacións de memoria histórica, escritores, profesores ou sindicalistas na ditadura. Ao tempo, Bouza guiou o proceso de creación e animou os participantes a debuxar e achegar ideas que ían saíndo dos coloquios. "Os novos foron os protagonistas; todo o que se pintou no mural, durante a terceira e cuarta semana, foi froito da súa imaxinación e das decisións que tomaron conxuntamente". Na pintura, alusións ás fuxidas en barco ante o acoso fascista, á República, ao fallido Estatuto de Galicia, ao sindicalismo ou aos fusilamentos masivos. 

"É obvio que os mozos que representaron as súas visións no mural veranse moito máis reflectidos no que en calquera outro monumento erixido nos últimos anos. Con todo, o elemento máis enriquecedor foi o proceso: as experiencias de escoitar testemuños de pesoas que levan anos loitando pola xustiza histórica e os debates nos que os colaboradores consensuaron diferentes interpretacións", explica Thompson, que ve en iniciativas coma esta unha oportunidade para toda España.

Os impulsores do proxecto pretenden que se espalle por todo o Estado porque "son necesarias novas pedagoxías que ofrezan aos mozos novas oportunidades para crear o seu propio patrimonio republicano"

"Levouse a cabo para que outras parecidas se realicen polo Estado español. É hora de que o problema da crecente desconexión entre a cuarta xeración e a memoria histórica vire na preocupación central de todas as entidades cuxo obxectivo é conseguir que os valores democráticos e revolucionarios da Segunda República, así como a memoria dos horrores que provocou o franquismo, articulen os pensamentos dun número maior de cidadáns", insiste Thompson. "Son necesarias novas pedagoxías que ofrezan aos mozos oportunidades para crear o seu propio patrimonio republicano, o que levará a sentilo máis seu e que queiran ser divulgadores del", remata. 

John Thompson, en Fene © Pinta Pasado, Crea Futuro
Mural sobre a memoria histórica pintado en Fene © Pinta Pasado, Crea Futuro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.