Voces refuxiadas: testemuños desde Grecia

Captura de imaxe dun dos vídeos dos testemuños Dominio Público Praza Pública

Heterotopias refuxiadas, o proxecto de Praza que desde Grecia afonda na situación destas persoas fuxidas e atrapadas aló, tráenos desta volta os testemuños de dúas delas. Sara, de 24 anos, que fuxiu de Irán; e Farhar, de 28, que escapou de Afganistán ante as ameazas do Daesh e dos talibáns. Unha vídeorreportaxe na que contan as súas historias, a súa odisea para chegar ao país heleno, o sufrimento na súa terra e todos os atrancos para conseguir o desexado asilo.  

 

"Non hai elección en Irán, non hai ningunha oportunidade para vivir aló"

Sara é unha refuxiada iraniana de 24 anos. Chegou a Grecia hai un mes acompañada da súa familia. En Irán sufrían a persecución do réxime dos Aiatolás. Parte da súa familia está na cadea e condenada a morte por formar parte da oposición. Marchar da súa casa non foi unha elección, foi unha obriga para salvagardar o dereito á vida. "Tivemos que marchar de Irán. Nós non queríamos". Despois dunha longa travesía por Turquía, Sara e a súa familia atópanse bloqueados en Grecia á espera de solicitar asilo. Os servizos gregos están desbordados. Dende hai tres semanas, todas as mañás van á oficina do Greek Forum of Refugees para tentar conseguir unha entrevista, pero é imposible. Queren viaxar a Finlandia ou a Alemaña. Queren estar a salvo. Sara non sae diante da cámara porque ten medo a denunciar a súa situación pero non renuncia a empregar a súa voz.

 

"Os talibáns e o Daesh ameazáronme. Só quero vivir en paz"

Farhar ten 28 anos e é afgano. Hai nove meses tivo que fuxir da súa cidade natal coa súa muller e o seu fillo porque os Talibán e o Daesh ameazaron con matalos. Farhar era profesor nunha escola de UNICEF. Os señores da guerra advertíronlle da gravidade de traballar para o “inimigo”. Tras pagar 15.000 dólares a unha mafia, o mozo afgano, a súa muller embarazada de 6 meses e o seu fillo de 2 anos puxeron rumbo a Europa. Camiñaron 12 horas ao día durante 3 meses até chegar a Turquía. Alí a muller sofreu un accidente e case perde ao meniño. Hoxe vivien no campo de refuxadas de Eleonas en Atenas. O fillo menor, que naceu nunha tenda de campaña, ten un traumatismo facial grave debido á violencia do golpe cando estaba na barriga. Farhar só quere ir a Alemaña para vivir en paz e ver como os seus fillos estudan.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.