Unha axuda para libros de texto que non o é tanto

Aula dun colexio galego © Xunta

A candidata socialista ferrolá Eva Martínez acusa a Xunta de discriminar o alumnado que recibe os libros de texto dos fondos que gardan os centros para as familias que teñen dereito a recibir axuda para os mesmos –dun xeito específico ao de 3º e 5º de Primaria-, xa que non os modificaron en función dos cambios establecidos pola LOMCE, denuncia. Así, acontecerá, explica, que haberá nenos e nenas que acudan a clase co libro LOE de Coñecemento do Medio –os que terían dereito ás axudas, que quedan cos que hai nos centros, por outra banda insuficientes-, mentres que aquel alumnado que teña libros novos terá dous: Ciencias Naturais e Sociais (as que marca a LOMCE).

Para Martínez, este feito amosa “o que lle importa ao Partido Popular o ensino público”, puntualizando que “é o PP o que modifica dun xeito unilateral a Lei educativa e, aínda por riba, non fai o desembolso necesario para garantir que todos os rapaces e rapazas teñan o mesmo material de ensino”. “O feito de permitir esta situación é gravemente discriminatorio e afecta á calidade educativa, posto que resulta moi difícil adaptar os contidos nas clases”, asegurou a candidata socialista.

Así, esixiu que se dea resposta dun xeito inmediato ás necesidades de todos os nenos e nenas dos centros de Ferrol para que o día 12 de setembro acudan a clase en igualdade de condicións, “o mínimo que se lle pode esixir a unha administración pública”.

Ademais, Eva Martínez lembrou que durante o Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño se implantou un sistema de préstamos de libros de texto universal, que “funcionou perfectamente durante os anos nos que se aplicou”. Polo tanto, e dentro do obxectivo de promover un ensino público de calidade, universal e que garanta a igualdade de oportunidades, a candidata afirmou que se Xoaquín Fernánde Leiceaga é presidente da Xunta se retomará este sistema de préstamo, “sen dúbida máis xusto, equitativo, eficiente e rendible”.

 

Aula dun colexio galego © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.