Gandeiros volven á rúa ante o "papel mollado" no que virou o acordo lácteo

Manifestación de Agromuralla en Lugo Dominio Público @RevistaAfriga

A piques de se cumprir un ano do "fracasado" acordo lácteo e doce meses despois de ocupar a Ronda da Muralla, centos de gandeiros desafiaron este martes á calor en Lugo para volver saír á rúa. Nunha marcha convocada por Agromuralla -colectivo xurdido daquelas mobilizacións e que actúa á marxe da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo- e apoiados pola Organización de Produtores (OPL) e gandeiros de diferentes comarcas, sobre medio milleiro de persoas advertiron da grave crise do sector e volveron reclamar solucións. 

Os gandeiros denuncian que o acordo lácteo virou en "papel mollado" e denuncian o peche de 600 granxas nun ano

"Somos gandeiras por pouco tempo", avisaba a pancarta principal. Con dúas vacas liderando a marcha, os gandeiros denunciaron a continua baixada do prezo do leite -o pasado xullo caeu por baixo dos 27 céntimos por litro, menos que nos meses previos ás grandes tractoradas de 2015- e o "papel mollado" no que quedou aquel acordo lácteo que xa se negaran a asinar UUAA e SLG con parte do sector e o Ministerio de Agricultura. 

O colectivo Agromuralla centrou as súas protestas no feito de que unhas 600 granxas pecharan no último ano en Galicia, provocando tamén a perda de 1.000 postos de traballo no rural. E lembraron que, mentres o custo de producir un litro de leite alcanza os 34 céntimos, o importe que se lle paga ás explotacións no país baixou dos 29 de 2015 aos 26 da actualidade. "O compromiso de boas vontades non funcionou, deixóuselles seis meses e ninguén cumpre nada, os prexudicados somos sempre os mesmos", manifestou Odón Castro, portavoz da asociación. 

"O compromiso de boas vontades non funcionou, deixóuselles seis meses e ninguén cumpre nada, os prexudicados somos sempre os mesmos"

"Fixeron uns compromisos que beneficiou algúns pero non a nós", insistiron desde Agromuralla, que censurou a sinatura de contratos á baixa e que non descartou continuar coas mobilizacións nas vindeiras semanas, mesmo en plena campaña electoral. Desde outros colectivos, como Prolega, xa se anima a saír á rúa e "dar un paso máis". 

A conselleira de Medio Rural advirte que "non só se trata de reivindicar, senón de actuar"

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, preguntada polas protestas, considerounas "xustas" pero advertiu que "non só se trata de reivindicar, hai que actuar, e a forma de actuar é como se está a facer desde a Consellería". Ademais, gabou a iniciativa empresarial anunciada pola Xunta para dentro de dous anos e dixo esperar algunha noticia máis nese ámbito axiña. 

 

O SLG censura en Bruxelas as medidas da UE

Por outra banda, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, participou este martes na xuntanza do Observatorio do Mercado do Leite que se desenvolveu aen Bruxelas, convocada pola Comisión Europea. Como parte da representación da Coordinadora Europea da Vía Campesina, a galega denunciou a difícil situación do sector en toda Europa, pero especialmente en Galicia. 

Vilalba lembra que en Galicia hai liquidacións de "até 11 cétimos por litro" por imposición de parámetros, descontos abusivos ou ameazas

Así, destacou que no país cesaron a súa actividade 600 granxas entre xullo de 2015 e xullo de 2016 e incidiu “no peche do 33'56% das granxas de leite nos últimos sete anos". "Aínda que temos un prezo medio preto dos 26 céntimos, hai que denunciar liquidacións de até 11 céntimos por litro, coa imposición unilateral de parámetros de calidade e descontos abusivos por parte da industria, ameazas de non recoller...", dixo. 

Ademais, Vilalba criticou o fracaso das medidas emprendidas até agora pola Comisión Europea para enfrontar a crise, como as destinadas á redución voluntaria da produción: “de xaneiro a xuño de 2016, a produción aumentou un 3'3% con respecto ao mesmo período de 2015, mentres que os prezos seguiron en caída libre”.

A conclusión á que chega a Coordinadora Europea da Vía Campesinaé é que, baixo esta crise, “estase levando a cabo unha profunda reconversión do sector: incentivando o aumento nalgunhas granxas e zonas, ao tempo que se ameaza con deixar de recoller ou se extorsiona con prezos misérrimos a outras explotacións”.

Cartel reivindicativo na marcha de Lugo Dominio Público @RevistaAfriga
Manifestación de Agromuralla en Lugo Dominio Público @RevistaAfriga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.