Persoal do hospital de Vigo alerta dunha "epidemia" de bacterias por pouca limpeza e a Xunta négao

Instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

CIG, CGT e CCOO veñen de denunciar unha epidemia bacteriolóxica no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e da que culpan á "falta de limpeza" no centro. Representantes das tres centrais advirten que máis dun cento de persoas atópanse illadas por mor dun brote que "pon en grave risco a saúde de traballadores, usuarios e pacientes". Non obstante, a Xunta "desmente a existencia de calquera epidemia". 

Un cento de persoas atópanse illadas por un andazo que "pon en grave risco a saúde de traballadores, usuarios e pacientes"

Trataríase dun andazo causado pola bacteria Kebsiella, que xa causara problemas desde o pasado mes de abril cando xa se contabilizaran uns 130 casos de persoas infectadas no hospital, segundo as centrais. Na actualidade, sin os sindicatos, son 110 as que se atoparían illadas por unha doenza que afecta persoas que padecen infeccións previas e que adoita causar pneumonías. 

A Xunta, no entanto, nega problemas e asegura que "a presenza da bacteria Klebsiella ou outras resistentes é algo común en todos os centros de internamento, tanto no hospital Álvaro Cunqueiro coma en calquera outro hospital da nosa contorna" e nega que a súa aparición estea relacionada coas condicións hixiénicas do centro "senón co uso inapropiado dos antibióticos". "Os servizos do CHUVI cumpren os protocolos que regulan os controis hixiénicos-ambientais e os parámetros de bioseguridade requiridos e esixibles os centros hospitalarios", insisten no Sergas, que engade que "a maior parte dos illados no non son por Klebsiella, senón polas propias condicións clínicas do paciente". 

Os sindicatos relacionan a aparición da bacteria cos "problemas" na limpeza derivados da "falta de persoal e redución de orzamento"

Os representantes sindicais compareceron xunto a varios traballadores de Acciona, que é a contrata da limpeza do Álvaro Cunqueiro. Segundo denuncian, a aparición da bacteria está relacionada cos "problemas" existentes neste servizo de limpeza por "falta de persoal e redución do orzamento do servizo", casos que xa causaron protestas e unha convocatoria de folga. Malia o cambio de contrata, as centrais aclaran que xa advertiran que  "o prezo do concurso non daba para garantir a prestación do servizo". "Continúa a falta persoal, hai zonas que non se limpan e incúmprense os protocolos de prevención”, advirten. 

Os sindicatos acusan o Sergas e a concesinaria de incumprir os protocolos e, por exemplo non limpar dúas veces os cuartos das persoas contaxiadas, ademais de non subministrar a información necesaria aos novos traballadores adscritos ao servizo de limpeza. Mesmo aseguran que non se controla os familiares dos pacientes, "co conseguinte risco de que a epidemia se estenda". 

A Xunta asegura que a aparición da bacteria é "algo común" e nega que teña que ver coas condicións hixiénicas do hospital

Así, insisten en que as partidas orzamentarias diminuídas para o servizo de limpeza impiden as "frecuencias" axeitadas de limpeza, ao igual que o persoal suficiente. Segundo din, no antigo hospital Xeral cada traballador limpaba arredor de 15 cuartos, fronte ás 24 do Cunqueiro. Ao tempo, denuncian tamén a posible contaminación da roupa de traballo polo escaso espazo das taquillas ou as deficiencias no peche dos contedores ou na limpeza dos baños públicos. 

O Sergas, ademais, carga contra os sindicatos e cualifica de "reprobable" a "utilización de temas asistenciais para xustificar calquera tipo de reivindicación laboral" e fai "un chamamento e unha apelación ao sentido común e á sensatez nas declaracións relativas a este tipo de temas, dado que poden  contribuír a xerar unha alarma inxustificada na poboación". 

O Sergas cre "reprobable" que se "utilicen temas asistenciais para xustificar calquera tipo de reivindicación laboral"

A Klebsiella é unha bacteria intestinal que poden portar persoas que non desenvolver infeccións urinarias, pneumonía ou a septicemia que adoita provocar. Afecta especialmente os pacientes inmunodeprimidos, moito máis proclives a desenvolver as infeccións, e o seu contaxio xorde co contacto intestinal, de aí que a hixiene sexa fundamental. 

Os sindicatos xa puxeron o caso en coñecemento de Inspección de Traballo, que enviou "requirimentos" á empresa, pero esixen "sancións económicas" ante a gravidade dos feitos. 

Hai agora un ano, a aparición de varias colonias do fungo Aspergillus no Hospital Álvaro Cunqueiro obrigara a paralizar o traslado ao novo centro hospitalario, cuxas numerosas eivas -denunciadas por usuarios, pacientes, traballadores, sindicatos e formacións políticas- causaran importantes protestas, unha enorme manifestación en Vigo e a destitución da daquela conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.