O vertedoiro de Bens: 20 anos da avalancha que removeu (algo) as conciencias

Captura de imaxe da TVG en Bens, tras a caída do vertedoiro © TVG

Hai 20 anos, A Coruña asistía avergoñada, triste e asustada a unha das maiores catástrofes ecolóxicas de Galicia. Aquel 10 de setembro de 1996, pola mañá, o vertedoiro de Bens derrubábase esparexendo monte abaixo 200.000 toneladas de lixo que alcanzaron o pequeno peirao do Portiño e sepultaron para sempre un veciño que lavaba o seu coche na zona. 

Hai 20 anos, o vertedoiro de Bens derrubábase vertendo sobre O Portiño e o mar 200.000 toneladas de lixo e matando un veciño

Aquela montaña de refugallo, que acumulaba os desperdicios da cidade e de toda a súa contorna, foi acumulando lixo e terra desde que se creara a finais dos anos 70. Milleiros de toneladas que acabaron levando por diante coches, algunha embarcación, casas e a vida de Joaquín Serantes. E que cuestionou o modelo de xestión de residuos. Un alude de porcallada que chegou ao mar e obrigou a desaloxar as 300 persoas que ocupaban o poboado. Ramón Pérez Basich era unha delas e o representante dos veciños. "Estaba traballando e entereime de que houbera un desprendemento; respirei cando cheguei alí e comprobei que a avalancha non chegara xusto ao barrio porque tiña moito medo pola miña familia", relata agora. 

"Respirei cando cheguei alí e comprobei que a avalancha non chegara ao poboado; tiña moito medo pola miña familia", di un veciño

Pérez Basich lembra aquel día, e os sucesivos, "con moita amargura" e asegura que no poboado sabían que aquela desgraza podía ocorrer. "Temiamos que puidera pasar porque sabiamos que a empresa levaba tempo avisando ao Concello do risco, pero o alcalde non fixo nada", asegura quen mesmo di ter no seu poder documentación sobre as comunicacións que a concesionaria enviaba a María Pita "advertíndolles do perigo". 

Refugallos tras a caída do vertedoiro de Bens © TVG

Todo apunta a que un incendio poucos meses antes acabou por desestabilizar o terreo dun vertedoiro que levaba anos saturado. Ata que caeu, provocou o desprendemento e encheu a cidade dun cheiro pestilente que fixo que, durante moitas semanas, moitos veciños empregasen máscaras pola rúa. Desde aquela, na Coruña non é difícil escoitar a expresión "cheira a Bens" cando os caprichos do vento empurran cara a dentro da península os olores fedorentos que -seica- chegan desde a planta de Nostián. 

Os veciños aseguran que a empresa levaba tempo "advertíndolle do perigo" do vertedoiro ao Concello

Esa foi a infraestrutura que substituíu o delirante sistema de almacenamento de lixo que se mantiña na cidade e en moitas partes de Galicia. Aquela desgraza axitou conciencias e mesmo tornou a Francisco Vázquez nun "ecoloxista". O seu goberno apostou pola planta de reciclaxe e compostaxe de residuos de Nostián, inaugurada en xaneiro de 2002 logo dun investimento de máis de 46 millóns de euros. 

"Ese punto de inflexión non foi suficiente; o derrubamento foi moi escandaloso no seu momento, pero esqueceuse axiña", lembra Amancio Sotillo, responsable na cidade de Adega, organización que este sábado celebra un acto reivindicativo en Bens denunciando a "preocupante" situación da xestión do lixo na Coruña vinte anos despois. "Aquilo supuxo dar pulo a outro modelo, pasando dun vertedoiro sólido a unha planta de reciclaxe que tiña moi boas intencións pero que non cumpre co que se prometera", explica.

"O punto de inflexión non foi suficiente; foi escandaloso pero esqueceuse axiña; apostouse por outro modelo que non cumpre"

As auditorías encargadas polo Concello hai dous anos aclaraban que, nos seus primeiros doce anos de vida, a planta de Nostián deixara sen reciclar o 80% do lixo recibido, malia que Albada, empresa concesionaria do servizo, comprometérase a superar o 34% de reciclaxe. Catro de cada cinco toneladas das que entraban acababan en vertedoiros. Na actualidade, os cálculos sitúan esta reciclaxe entre o 13% e o 15%, cantidade que denuncia Adega. "A maior parte do lixo segue indo a vertedoiros, sexa en Nostián (vertedoiro aínda sen pechar) ou noutros puntos de Galiza como Sobrado ou Cerceda", di. "Hai que mellorar a calidade da recollida selectiva para que o sistema funcione como debería, a selección ten que parir do primeiro momento, xa nos fogares, e fai falta moita campaña de concienciación", engade Sotillo.

Refugallos tras a caída do vertedoiro de Bens © TVG

A planta de Nostián, sistema de xestión de residuos xurdido tras o accidente de Bens, tan só recicla o 15% do lixo recibido

"Residuo cero"

Desde o Concello, a concelleira de Medio Ambiente, María García, aproveitou o 20º aniversario do derrubamento do vertedoiro de Bens para insistir na aposta do goberno local polas "estratexias de residuo cero, para que nesta cidade nunca volva darse unha situación semellante”. Así, aclarou que a administración local ten distintas frontes de traballo "cuxos obxectivos son optimizar a xestión de residuos que se fai na cidade”. “Temos varios obxectivos, como son, reducir a cantidade de residuos, sensibilizar á cidadanía e mellorar tanto as técnicas de recollida como as de tratamento”, indicou tras enumerar varias das iniciativas levadas a cabo neste ámbito. 

O goberno local da Coruña aposta por "estratexias de residuo cero, para que nunca volva darse algo como o de Bens"

“O fundamental é seguir apostando por un modelo de xestión de residuos baseado na compostaxe e no residuo cero, abordándoo dende unha visión integral, poñendo en marcha plans que axuden a mellorar o tratamento dende as casas até a planta de reciclaxe”, insiste García, que apunta o parque de Bens como "un dos grandes pulmóns verdes da cidade" e que, lembra, "naceu, precisamente onde se derrubou o vertedoiro". 

Unha zona verde de 600.000 metros cadrados inaugurada hai xa quince anos, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, e baixo o que se selou o antiguo vertedoiro e se aproveitou o biogás resultante para a produción de enerxía. Un parque que, para Pérez Basich, foi "unha maneira de lavar a imaxe de Paco Vázquez" e sobre o que pide unha reflexión. "É enorme e está un pouco abandonado, non adoita haber moita xente máis aló dos que van alí pasear os cans", di. 

Precisamente, o Concello vén de abrir un proceso participativo para que a veciñanza "defina os usos" desta parque de Bens, aínda que "garantindo que sempre se respectará o seu uso público e para esparecemento da cidadanía". Desde moi preto, Pérez Basich aínda lembra aqueles días. "Pasámolo moi mal porque nos trataron como cans; estivemos moitas semanas desprazados e, mentres aos donos ricos dos chalets afectados os metían nun hotel, a nós, os pobres, déronnos un pavillón e presionábannos para que volveramos alí con toda aquela porcallada", quéixase dúas décadas despois.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.