O 'caso Leonilda': un máis da exclusión que a reforma sanitaria provoca en Galicia

Presentación do informe de Médicos do Mundo © Concello da Coruña

Leonilda de Amaral ten 84 anos. De nacionalidade brasileira e casada cun galego da Agolada que botou case 60 anos no Brasil, vive en Galicia en situación regular, con autorización de residencia pero sen tarxeta sanitaria desde 2012 por mor da reforma impulsada polo Goberno de Mariano Rajoy a través do Real Decreto Lei 16/2012. Malia contar co cartón do Sergas desde que veu e ser atendida con normalidade polo médico de cabeceira, hai xa catro anos deixou de ter asistencia no sistema público. Coas doenzas propias da súa idade, non hai moito foille detectado untromboembolismo pulmonar bilateral. Grazas a un médico obxector recibiu a atención necesaria. Catro anos despois de que lla quitaran, conseguiu a tarxeta. 

O caso de Leonilda, brasileira e muller dun galego emigrado, quedou sen tarxeta sanitaria tras a reforma do Goberno de Rajoy

"Sen a actuación dese doutor, hoxe non estariamos contando a súa historia porque Leonilda non tiña acceso á atención sanitaria por ningunha vía dentro do sistema". Este é un dos varios casos que Médicos do Mundo recolle no seu informe Catro anos de reforma sanitaria en Galicia e no que se fai unha avaliación do acceso das persoas inmigrantes aos servizos de saúde no país durante 2015 e as consecuencias daquel Real Decreto Lei que retirou a tarxeta sanitaria a 800.000 persoas no Estado. 

Leonilda foi unha delas. Foi atendida por un médico voluntario da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) a través de Médicos do Mundo. Nin o goberno de Brasil nin o de España nin o de Galicia lle prestaron atención sanitaria. Malia que foi integrada no Programa Galego de Protección Social á Saúde Pública que intentaba evitar, precisamente, casos como o seu, ao pouco tivo que solicitar a atención sanitaria a través do Instituto Nacional da Seguridade Social porque lle acaba de chegar a regularidade e o devandito programa só era aplicable para persoas en situación irregular. Foi en 2014. 

Malia ter tarxeta e médico de cabeceira desde 2010, a entrada en vigor da reforma deixouna sen asistencia médica

O INSS esixiulle un certificado no que constar a non exportación do dereito á asistencia por parte do goberno brasileiro, un documento que fai referencia ao convenio bilateral de Seguridade Social entre España e o Brasil, que estaba suspendido. Desde o Goberno español seguíronlla reclamando malia que, logo de múltiples papeleos e peticións sen responder, o Estado brasileiro recoñeceu que non se podía facilitar o reclamado tras suspenderse acordos sanitarios entre ambos executivos. 

"Se soubésemos que España estaba tan mal, quedabamos aló", chegou a dicir o marido da afectada, tal e como relatou este xoves na Coruña o seu sobriño José Blanco, que leva anos loitando contra a situación. "Acabaron tendo medo; se isto non se arranxaba, eu tíñalles que dicir que marchasen outra vez", explicou quen lembra a "decepción" que supuxo para un emigrante "que viaxou por todo o mundo" ao bater con problemas "que nin tan sequera atopou en Suráfrica cando tivo un grave accidente en plena época do apartheid". 

"Se soubésemos que España estaba tan mal, quedabamos aló", chegou a dicir o marido da afectada

O caso de Leonilda -contado con detalle nun blog- é un máis do informe onde, en realidade, "non se recollen as persoas que quedan fóra pola aplicación da reforma, senón as que deberían estar dentro por diversas excepcións que o propio texto contempla para garantir unha mínima asistencia e, aínda así, non o están", destaca Médicos do Mundo, que insiste na "vulneración dos dereitos" que se dan mesmo con embarazadas, menores de idade ou vítimas de trata. Ademais, a asociación lembra que o diálogo co Sergas foi sempre proveitoso ata que, de súpeto, deixou de selo. Víronse na obriga de denunciar ante a Valedora do Pobo diferentes casos. "Pero a Consellería de Sanidade continúa sen responderlle ás solicitudes", explican logo de insistir en que numerosos organismos interancionais e informes contrastados botan por terra os argumentos económicos do Goberno central. "Está demostrado que resulta máis barato para o sistema dar asistencia normalizada que a traés de urxencias; non hai aforro ningún", engaden. 

Médicos do Mundo insiste en que non só quedan fóra milleiros de persoas senón moitas que están incluídas entre as excepcións que contempla a norma

Na presentación do informe na Coruña, Médicos do Mundo contou co apoio do Concello, representado pola súa concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, que lembrou o "imprescindible" de entidades como esta, así como "a firme defensa da sanidade pública e universal" que fai a administración local, que anunciou un Plan de Acollida ás Persoas Migrantes, “que ten por obxectivo favorecer a igualdade e a cohesión social, así como asesorar esta parte da veciñanza”

Ademais, no acto tamén houbo representantes de Viraventos, da Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública ou de Amnistía Internacional.  Xa á tarde, en Compostela, lévase a cabo outra presentación do inforem así como a presetnación da moción pola universalidade da saúde no pleno do Concello santiagués, metres que en Vigo se celebra un acto na rúa con representación de casos atendidos  polo colectivo no intento de acadar a asistencia sanitaria en Galicia. 

Leonilda do Amaral e o seu marido © Médicos do Mundo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.