SOS Sanidade alerta de "presións" tras denunciar a mala calidade das agullas para doentes diabéticos

Radiografías dunha paciente con, segundo SOS Sanidade, 5 agullas aloxadas no seu abdome. Segundo o Sergas, son grampas. © SOS Sanidade Pública Compostela

SOS Sanidade Pública Compostela vén de denunciar o intento da Fiscalía e da Xunta de Galicia de substituír á xuíza Ana López Suevos, encargada de instruír a denuncia presentada pola plataforma contra o SERGAS pola mala calidade das agullas dispensadas aos e ás enfermas de diabetes para realizar inxeccións de insulina. O Xulgado número 1 de Santiago admitiu a trámite a denuncia presentada hai dúas semanas, encargándolle o caso á maxistrada. Porén, a Fiscalía recorreu esta designación aludindo un defecto formal e de procedemento interno. Posteriormente, a Consellaría de Sanidade uniuse ao recurso. A Audiencia Provincial da Coruña deberá decidir agora sobre a continuidade da xuíza.

Xosé María Dios (SOS Sanidade Pública) salienta a importancia de que López Suevos sexa a encargada de instruír a denuncia, dada "a súa gran sensibilidade coas causas sociais"

Xosé María Dios (SOS Sanidade Pública) salienta a importancia de que López Suevos sexa a encargada de instruír a denuncia, dada "a súa gran sensibilidade coas causas sociais". E, ademais, láiase de que estas manobras están atrasando a resolución desta problemática. Enmarca ademais o recurso presentado pola Consellaría de Sanidade nun ambiente de "moitas presións" que -destaca- a plataforma está recibindo dende que decidiron facer público este asunto e levalo pola vía xudicial. 

Nos últimos meses a plataforma fora recollendo as queixas de máis dun cento de pacientes na área sanitaria de Santiago e da propia Asociación Compostelana de Diabéticos alertando de que as novas agullas proporcionadas polos centros da Consellaría de Sanidade presentaban numerosas deficiencias, provocando dor no momento de usalas, hematomas e chegando mesmo a romperse. Na denuncia, SOS Sanidade Pública incorporou varios destes casos, documentados, e por exemplo unha radiografía practicada a unha usuaria na que se observan os restos de cinco agullas aloxadas no seu abdome.

Xosé María Dios laiouse dos intentos de "desacreditar" esta proba, da que -explica- dende algúns ámbitos se afirmou que a imaxe só correspondía ás grampas que se colocan nunha operación. "É falso. Son agullas e a paciente está disposta a declarar no xuízo", salienta.

Enmarca ademais o recurso presentado pola Consellaría de Sanidade nun ambiente de "moitas presións" que -destaca- a plataforma está recibindo dende que decidiron facer público este asunto e levalo pola vía xudicial

Hai tres anos o SERGAS adxudicou o contrato de subministro de agullas a unha nova empresa, que lle ofrecía un prezo menor, co consecuente aforro económico. Porén, semella que a calidade ofrecida non está á altura dos anteriores instrumentos, segundo denuncia SOS Sanidade Pública. Nos últimos meses a plataforma  xa alertou desta situación á Consellaría e á Xerencia de Atención Primaria de Compostela, sen obter unha solución. Tamén presentou unha reclamación ante a Valedora do Pobo, que lla trasladou ao Goberno galego, desbotando finalmente a petición, unha vez que dende a Xunta se argumentou que o contrato destas axudas fora adxudicado por unha comisión e mediante un procedemento axustado á lei.

 

Radiografías dunha paciente con, segundo SOS Sanidade, 5 agullas aloxadas no seu abdome. Segundo o Sergas, son grampas. © SOS Sanidade Pública Compostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.