0 Gardados para despois

SOS Racismo critica a absolución dos policías acusados de apuntar cunha pistola a un inmigrante

Redacción | @prazapublica

O 4 de agosto de 2011 A.G., inmigrante, denunciou que un policía local lle apuntara na cabeza e no peito coa súa pistola, en presenza doutro axente. En xullo, case cinco anos despois do sucedido, celebrouse o xuízo, que rematou coa absolución -coñecida a pasada semana- dos policías, para os que se pedía dous anos e medio de inhabilitación e un e dous anos de cadea. O xuíz fundamentou a súa decisión nas supostas "contradicións" existentes no relato das testemuñas dos feitos e tamén no cambio que se producira no carácter das acusacións (primeiro, un delito de tortura e lesións, finalmente un delito de atentado contra a integridade moral).

SOS Racismo valorou este luns a sentenza, sinalando a "frustración" en relación co desenlace do proceso, pero sobre todo coa "tramitación do procedemento" e coa actuación da Fiscalía

SOS Racismo valorou este luns a sentenza, sinalando a "frustración" en relación co desenlace do proceso, pero sobre todo coa "tramitación do procedemento" e coa actuación da Fiscalía, á que acusan de ter "escaso interese dende o primeiro momento da instrución, en levar a cabo unha investigación dos feitos". "A pesar de existir indicios razoables da comisión dun delito por parte dos axentes, xa que entre outras probas se dispoñía da declaración dunha testemuña totalmente allea, a Fiscalía optou por solicitar o arquivo da causa, sen chegar probablemente a facer un estudio da mesma", sinala a entidade, que tamén critica que o Ministerio público renunciase á declaración da vítima.

Fronte ás discrepancias sinaladas entre os relatos das dúas testemuñas, SOS Racismo subliña que ambas as dúas "confirman a versión do denunciante de ser apuntado con unha pistola por parte dun dos axentes da policía local, e en modo algún tal actuación quedou xustificada". A entidade conclúe que "a xustiza e cega, mais non porque non vexa, senón porque non quere ver".

Con todo, SOS Racismo di que prefire quedar coa parte positiva deste proceso: "Preferimos lembrar que, grazas ao valor deste rapaz en situación de vulnerabilidade extrema, desde o momento da imputación destes dous axentes da policía local da Coruña pola Audiencia provincial hai dous anos e medio ata o pasado mes de agosto, non volvemos a ter coñecemento de ningunha outra intervención irregular na zona onde aconteceron aqueles feitos".

 

Informe SOS Racismo 2016

O pasado venres SOS Racismo presentou o seu informe anual, que recolle 247 incidentes racistas producidos en todo o Estado o pasado ano e case 100 casos dentro da categoría de delitos de odio, "que visibilizan en persoas de carne e óso unha realidade oculta da nosa sociedade". O número total mantense estable con respecto a anos anteriores. A este respecto, Mikel Mazkiaran, secretario xeral da entidade, sinalou que isto "non significa que non aumentasen, senón que permanecen invisibles ben porque se normalizou o acto discriminatorio e non se percibe como un delito, ben polo descoñecemento das vítimas".

Entre os casos recollidos, o 22,86% son denuncias de racismo institucional e outro 18% problemas coa seguridade pública

Entre os casos recollidos, o 22,86% son denuncias de racismo institucional e outro 18% problemas coa seguridade pública. De igual xeito, para SOS Racismo resulta significativo o número de casos de discriminación racista e xenófoba vinculada á denegación acceso a establecementos de lecer como bares e discotecas, servizos inmobiliarios ou alugueiro de vehículos.

Galicia non se atopa entre os territorios nos que se recollen máis denuncias (encabezados por Aragón e Cataluña) e en total aparecen seis casos descritos na nosa comunidade. Entre eles atopamos catro agresións racistas e dúas denegacións de acceso ou de prestación de servizos. Entre as agresións figura o ataque sufrido por un varón, que a primeira hora da mañá foi golpeado por un home ebrio, primeiro cunha botella rota e despois cunha barra de metal, necesitando un total de 31 puntos de sutura. Ademais, un vendedor ambulante foi golpeado en Vilagarcía cando lle reclamou a unha persoa o pagamento por un artigo que lle acababa de mercar. Tamén figuran as ameazas proferidas de forma moi violenta na porta da casa dunha familia, golpeada ao berro de "voy a matar a todos los marroquíes". 

En Galicia denunciáronse catro casos de agresións ou ameazas

Outro dos casos presentes no informe é a denegación de acceso á discoteca My by DUX situada no centro comercial de ocio Los Cantonés Village da Coruña. E tamén a deficiente información facilitada por La Caixa a unha persoa migrante que necesitaba abrir unha conta bancaria para poder domiciliar o pagamento da axuda de emerxencia do Concello da Coruña, sendo informado de forma incorrecta que pola súa situación de irregularidade era obrigatorio que contratase un Seguro Dental da empresa Adeslas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.