"O sentido do humor é o sentido da supervivencia humana"

Iván Prado © Pallasos en Rebeldía

Iván Prado non para. Acaba de regresar do Sáhara e México, e este martes marcha a Brasil, a Río de Janeiro, onde participará no Festival de Circo Social, entre outras cousas cunha manifestación de pallasos que percorrerá un barrio ocupado polo exército. En setembro volverá a Palestina (onde hai anos foi encarcerado e expulsado do país polas autoridades israelís) e máis adiante de novo a Brasil, en colaboración co Movemento dos Sem Terra. Non para, e sempre co mesmo obxectivo: levar a súa ferramenta -a risa- a aquelas comunidade, colectivos, países, que pelexan pola súa supervivencia e o seu benestar. A risa como evasión e como catarse, e a risa tamén como arma revolucionaria. 

Para o vindeiro ano Pallasos en Rebeldía traballan na organización dun macroevento, de tres ou catro semanas de duración, no país centroamericano. Será o Festiclown pola Terra, realizado en colaboración coas comunidades indíxena

Percorreu México durante dúas semanas, en escenarios ben distintos: dende o Wurikuta Fest, onde coincidiu con ducias de artistas de primeira fila, como Bunbury ou Calle 13, ante milleiros de persoas. Até actuacións en escenarios máis modestos, en apoio de colectivos sociais ou mesmo no Tribunal Internacional dos Pobos. Para o vindeiro ano Pallasos en Rebeldía traballan na organización dun macroevento, de tres ou catro semanas de duración, no país centroamericano. Será o Festiclown pola Terra, realizado en colaboración coas comunidades indíxenas (por exemplo as de Chiapas, coas que leva máis de 15 anos colaborando).

Como foi a experiencia do Festiclown Wurikuta? En México todo ten unha dimensión diferente, pola súa diversidade, tamaño...?

Os festiclowns sempre teñen moita xente dentro; tanto ten que sexa un festiclown profesional en Galicia ou un altruísta e solidario en Palestina ou México. A experiencia foi excepcional, primeiro porque tivemos a oportunidade de actuar en lugares novos, con xente distinta que non coñecéramos previamente, tamén puidemos estar no Tribunal Permanente dos Pobos, que é unha das institucións de dereitos humanos máis importantes do planeta, porque é fillo directo do tribunal Russell, o pobo xulgando casos de terrorismo de Estado e xulgando os gobernos. Tamén puidemos actuar en Ciudad Juárez, que é unha cidade na que a xente non sae á rúa polo medo aos narcos, no que as mulleres desaparecen por centos... Ou actuamos no deserto, para esas comunidades indéxenas ameazadas pola empresa mineira canadense que os quere botar das súas terras. O que era moi curioso era, despois de horas de testemuñas de dor, facer rir ao público, entrar en catarse e entrar nesa alquimia que provoca o pallaso.

"O que era moi curioso era, despois de horas de testemuñas de dor, facer rir ao público, entrar en catarse, nesa alquimia que provoca o pallaso"

Xa coñecías México, sobre todo co teu traballo en Chiapas...

Si, levo dende o ano 95 vinculado co movemento indíxena zapatista, e xa son quince viaxes, para aprender dese movemento, para sumarme ao soño de construír un mundo diferente. Falar do zapatismo é falar da revolución ou da renovación de todo o discurso de esquerdas a nivel mundial, é falar do nacemento do movemento antiglobalización, é falar da renovación do concepto de democracia e participación. De feito, Pallasos en Rebeldía naceu en 2004 nunha comunidade zapatista

"Mesmo Octavio Paz dixo nos oitenta que os indíxenas mexicanos tiñan que desaparecer para que México fose un país evolucionado. Se iso o di un premio Nóbel, imaxina o que dirá un político corrupto do PRI, do PAN ou do PRD, ou que dirán os narcos"

Cal é a situación dos indíxenas en México?

É un tema moi complexo. Estamos falando de oitenta etnias e ningunha está igual que a outra. Pero en xeral hai un espolio e unha guerra de baixa intensidade contra as comunidades indíxenas e unha persecución contra as súas culturas. Mesmo Octavio Paz dixo nos oitenta que os indíxenas mexicanos tiñan que desaparecer para que México fose un país evolucionado. Se iso o di un premio Nóbel, imaxina o que dirá un político corrupto do PRI, do PAN ou do PRD, ou que dirán os narcos. En Chiapas ou Ciudad Juárez estanos matando, aos Wixárikas a globalización estanos levando a un illamento completo. Pero son eles quen máis están achegando ao enriquecemento da democracia ou á renovación dos valores da República. Eles están levando a cabo unha loita contra unha mineira canadense, pero en realidade é unha loita contra a globalización e o neoliberalismo.

Como vai ser o Festiclown pola Terra? Xa sabedes que estrutura vai ter ou estades abertos ás suxestións que vos fagan?

As dúas cousas. Por unha banda temos claro que imos traballar cos zapatistas en Chiapas, aínda non sabemos de que forma polo de agora, porque os zapatistas están nun profundo silencio e repregue. Tamén estaremos nas serras dos Wixárikas. E posiblemente estaremos en Ciudad Juárez ou co movemento de Atenco, que é un pobo que se levantou contra un aeroporto internacional que quería levantar Vicente Fox. O festival vai ser longo, de tres ou catro semanas, e será semellante ao que fixemos en Palestina. O que si é certo é que os recursos que temos son reducidos, despois de perder todos os festivais en Galicia, que eran a nosa principal fonte de financiamento.

E como foi a vosa participación no Sahara?

Toda a cultura árabe ten un carácter moi hospitalario, pero no caso dun pobo nómade, coma os saharauis, iso multiplícase por dez. A experiencia foi tan boa que non tardaremos en volver e axustarémonos ás necesidades que teñan eles; veremos se o que interesa máis é a formación continua nos campamentos ou un festival, aínda estamos estudándoo. Eu xa tivera unha experiencia cos saharauís no ano 95, e é impresionante, comezando polas mulleres, que teñen unha presenza incrible, con moito poder.

"A risa é un motor de cambio para relativizar as cousas da vida e miralo todo con outra perspectiva. É un grande amplificador de conciencias"

Como é traballar coa risa en lugares no que o sufrimento é tan cotián?

A risa é esa chave que abre o corazón, que esperta a esperanza, que xera novas posibilidades no cerebro humano. A risa é un motor de cambio para relativizar as cousas da vida e miralo todo con outra perspectiva. É un grande amplificador de conciencias. Sempre está presente; lembro como en 2003, mentres bombardeaban Gaza, os palestinos facían bromas sobre os bombardeos. O sentido do humor é o sentido da supervivencia humana, é o que máis conecta os seres humanos, é una ponte. O que eu aprendo nestes lugares, nos que a vida é algo a defender en cada minuto, é que esta xente ri moitísimo.

A risa custa máis ou menos nestes lugares?

Nos lugares nos que hai mortos, represión, violacións..., a risa custa máis, pero tamén se agradece moito máis. A risa, ademais, ten un punto revolucionario, é cuestionadora, desmitificadora, relativizadora... A través da risa aliméntase a esperanza e a utopía. Por iso os gobernos ditatoriais e xenocidas coma o israelí lle teñen tanto medo, por iso metéronme no cárcere e expulséronme do país. Porque para eles o capital simbólico dos pallasos apoiando os palestinos é saturador, insoportable,

 

Un momento do Festiclown Wirikuta © Pallasos en Rebeldía
Cartaz do festival Wurikuta © Pallasos en rebeldía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.