0 Gardados para despois

Desmontando prexuízos sobre as enfermidades mentais

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


"Á marxe da propia doenza, da insuficiencia de recursos ou da necesidade dunha atención integral, os afectados por unha enfermidade mental teñen que afrontar tamén os prexuízos dunha sociedade que descoñece a súa realidade". Desde Feafes Galicia (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental) advirten da problemática extra que soportan milleiros de persoas e familias no país. 

"Os afectados por unha enfermidade mental teñen que afrontar tamén os prexuízos dunha sociedade que descoñece a súa realidade"

Co gallo da celebración este luns, 10 de outubro, do Día Mundial da Saúde Mental, Feafes vén de lanzar unha campaña co obxectivo de "desterrar os prexuízos que hai cara ás persoas con problemas de saúde mental". Actores e xornalistas galegos participan nun vídeo no que convidan os espectadores a cuestionarse o xeito que teñen de xulgar as persoas. Eu non teño prexuízos, ti si?, é o lema desta iniciativa que advirte dos estigmas sobre quen sofre este tipo de enfermidades.

As enfermidades mentais afectan unhas 30.000 persoas en Galicia e un de cada catro cidadáns padecerá  un problema idéntico

"Quixemos dirixirnos á cidadanía", explica Ana Escrigas, coordinadora da campaña, que advirte que calquera afectado por unha doenza mental "estando estabilizado e medicado, atópase logo co problema de que a sociedade o mire dun xeite inadecuado". Estes prexuízos maniféstanse, ademais, en múltiples ámbitos como o educativo, o sanitario, o laboral ou os medios de comunicación. E xorden, habitualmente, de quen descoñece a realidade. Esa que di que as enfermidades mentais afectan arredor de 30.000 persoas en Galicia ou que son a segunda causa de discapacidade despois da física. Unha de cada catro cidadáns padecerá un problema de saúde mental ao longo da súa vida.

Coa campaña, Feafes advirte do "trato inxusto que restrinxe os dereitos das persoas con problemas de saúde mental", facendo "que se sintan inferiores e que non poidan gozar dunha calidade de vida axeitada". Isto, xunto ás dificultades da propia enfermidade, crean obstáculos para poñer en marcha un tratamento efectivo e lograr unha boa recuperación.

"A enfermidade mental non nos diferencia. A túa mirada si", advírtese no vídeo no que actores e xornalistas únense a persoas afectadas. Na campaña participan Antonio Mourelos, Irene Lourido, Antonio Durán Morris, Camila Bossa, Monti Castiñeiras, Diego Viaño, Sheyla Fariña ou Sabela Arán. Ademais, esta complétase cunha completa web que serve como apoio informativo e unha guía unha guía que derruba oito falsas crenzas asociadas ás persoas con problemas de saúde mental contrastándoas con datos e feitos obxectivos.

A campaña busca desmontar mitos falsos como os que din que as persoas con enfermidade mental son violentas, non poden traballar ou nunca se recuperan

Trátase de estereotipos e falsidades como a  que di que as persoas con enfermidade mental son violentas e perigosas, que non poden vivir cos demais, que nunca se recuperarán, que en moitos casos consomen drogas, que as súas doenzas causan discapacidade intelectual, que non poden traballar, que non afecta a infancia ou que "a min non me pode tocar". Cada un destes mitos falsos acompañados con datos obxectivos e contrastados que os desmenten, con recomendacións sobre o que facer ante eles e mesmo bibliografía para coñecer máis. Outra forma de desmontar prexuízos. 

Eu non teño prexuízos

© Feafes Galicia

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.