A un paso da rúa con dous pequenos nunha cidade con miles de pisos baleiros

A PAH de Vigo denuncia o caso de Vanesa Dominio Público @PAHVigoTui

O caso de Vanesa é un máis. Grave e paradigma da incomprensible que situación que supón vivir nunha cidade con milleiros de vivendas baleiras e ter que abandonar a túa con dous pequenos porque rematan as axudas sociais para pagala e non hai alternativa nin tes posibilidades de abonar o aluguer. Con dous fillos de 6 e 9 anos, esta muller reside desde 2011 nun piso en Vigo. Grazas á axuda do IGVS, que achegaba o 80% do importe, puido facer fronte ao alugueiro, pero a normativa impedía que esta achega institucional se estendese máis de cinco anos. Deixou de recibila e foi acumulando débedas, polo que en poucos días debería ser desafiuzada. 

Vanesa, con dous pequenos, non pode afrontar o aluguer logo de que o bono da Xunta expirase aos cinco anos

Se cadra non o é aínda. A Plataforma de Afectados pola Hipoteca de Vigo-Tui (PAH) conseguiu un aprazamento provisional do despexo, "pero por moi pouco tempo", e mentres busca unha solución que, tal e como denuncia, non lle dan as administracións. Dos 70 euros que Vanesa pagaba de aluguer  hai tan só uns meses pasouse aos arredor de 400 que ten que afrontar agora. "Os seus ingresos son moi baixos; cobra unha Risga e ten algunha achega máis pero non pode facer fronte ao pagamento sen axuda", explican desde a PAH.

O desafiuzamento da muller foi adiado "pero por pouco tempo"; a opción que lle ofrecen é unha vivenda social noutra localidade

"A Xunta e o PP teñen que entener que o dereito á vivenda non ten prazo, non remata aos cinco anos; as condicións que levaron a Vanesa e milleiros de familias á émerxencia habitacional aínda non desapareceron e son consecuencia da crise que eles crearon", insiste Adolfo Telmo, membro da PAH, que fai repaso da morea de liñas de axuda anunciadas polo Goberno galego que, segundo di, "non acaban de concretarse" ou ser solución, cando menos en casos como os desta muller de 35 anos. Bonos alugueiro, plan Aluga, acordos coa Fegamp, coa Sareb, con Abanca...

Con todo, Concello e Xunta recoñeceron non hai moitos meses que Vigo a falta e vivenda pública malia os múltiples casos de desaloxo que se levan producindo durante anos. Ademais, e segundo datos do INE, na cidade hai preto de 20.000 vivendas baleiras. A PAH reunirase nesta semana co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) na procura dunha alternativa. A única que está asegurada para Vanesa é a dun inmoble, pero a bastantes quilómetros do actual, xa ao carón da fronteira portuguesa. "Ten nenos en idade escolar, uns lazos de amizade e familiares... Non é a solución máis axeitada", insisten desde a Plataforma, que volve poñer o foco na contradición de vivir nunha urbe con milleiros de pisos baleiros e non ter opción para esta muller. 

Vigo ten unhas 20.000 casas baleiras e Concello e Xunta recoñecen a falta de vivendas sociais

A PAH tamén ten solicitado para estes días unha xuntanza co alcalde da cidade, Abel Caballero. Tal e como lembra Telmo, recordaranlle aquelas palabras nas que aseguraba que era el quen negociaba directamente coa PAH, ademais de amosar a súa colaboración plena con esta entidade para arranxar os desafiuzamentos. "Tal e como el dicía, nós levantamos o teléfono e pedimos a reunión; a ver agora que fai", din. 

A PAH Vigo-Tui convoca para o vindeiro venres 13, no MARCO, unha rolda de prensa e concentración para visibilizar o caso de Vanesa e outros. Ser ás 12 do mediodía e aproveitarán para denunciar tamén casos de veciños que foron desafiuzados das súas casas, "inmobles que agora están derrubándose, abandonados e entre silveiras". "É cruel", explican. 

A PAH de Vigo denuncia o caso de Vanesa Dominio Público @PAHVigoTui

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.