0 Gardados para despois

As razóns do rexeitamento ao proxecto de vertedoiro de Lousame

Redacción | @prazapublica

Entidades ecoloxistas, plataformas sociais e forzas políticas levan semanas mobilizándose contra o proxecto de instalar en Lousame un centro de tratamento de residuos industriais que acumularía nun vertedoiro máis de 77 mil toneladas de lixo cada ano. Critican que este vertedoiro contravén o obxectivo de evitar o soterramento de residuos e xeraría grandes riscos de contaminación ás explotacións agrarias e ás fontes de auga da comarca.

 

Incumprimento da normativa de residuos e falta de información

As entidades ecoloxistas ADEGA e Verdegaia denuncian que o proxecto incumpre a normativa galega, española e europea de xestión do lixo, que indica que se debe tender a minimizar o soterramento de refugallos. Verdegaia sinala que o Centro de Xestión Ambiental de Lousame "en realidade é fundamentalmente un vertedoiro de residuos e non un centro de valorización de residuos. Medio Ambiente non debería nin sequera tomar en conta este tipo de proxectos.". Das 100.000 toneladas de residuos que acollería anualmente, o 80% rematarán no vertedoiro.

ADEGA e Verdegaia denuncian que o proxecto incumpre a normativa galega, española e europea de xestión do lixo, que indica que se debe tender a minimizar o soterramento de refugallos

Verdegaia critica ademais as inconcrecións que ao seu xuízo existen no proxecto: "este proxecto de Lousame falsifica a información referente aos regatos e nacentes no entorno, afastándoos do vertedoiro. Tamén falsea o estudo xeolóxico, e deixa para máis adiante o estudo da permeabilidade das rochas sobre as que se asenta. Ademais, non define o destino final dos lixiviados". E engade que "os valores ambientais do terreo correspóndense cunha realidade moito máis rica que a que se expón non proxecto, e que parece que se tratou de ocultar mediante o desbroce da finca. Os núcleos de poboación no proxecto aparecen máis afastados do vertedoiro que na realidade". "Non sabemos (tal é o grao de indefinición do proxecto) nin de onde virán os residuos que pretenden verter en Lousame. Este dato, cremos que é fundamental para avaliar o impacto ambiental dos mesmos. Non se informa tampouco acerca de en que plantas vai producirse a valorización enerxética dos residuos, e podería darse o caso que o consumo enerxético do seu transporte fose superior á suposta valorización", salienta finalmente.

Verdegaia critica ademais as inconcrecións que ao seu xuízo existen no proxecto: "Non sabemos nin de onde virán os residuos que pretenden verter en Lousame"

De igual xeito, Terra de Lousame critica que o Goberno municipal da vila fixese o posible por "ocultar" á cidadanía este plan. Unha denuncia na que tamén incide Xente de Rois, que sinala que "o Concello de Rois non informou sobre o asunto aos veciños da zona", lembrando que o proxecto -no límite entre Lousame e Rois- podería afectar moi directamente ás aldeas de Moares e O Barreiro (xa en Rois).

 

Balsas de lixiviados e contaminación de augas

A instalación tamén xestionaría e almacenaría temporalmente residuos perigosos "maioritariamente de orixe industrial", cun máximo de 60 toneladas por un período de seis meses

Un dos aspectos nos os que partidos políticos, sindicatos e grupos ecoloxistas centran as súas críticas e alarmas é o risco de que os elementos contaminantes que o vertedoiro xestionaría ou almacenaría poidan afectar á contorna. E non só á contorna máis inmediata, senón a toda a comarca, a través da rede fluvial próxima ou de filtracións ao subsolo. A propia solicitude de Autorización Ambiental Integrada recolle que a parcela proposta para o vertedoiro se sitúa na conca hidrográfica do río de Vilacoba, moi ampla, e que se estende varios quilómetros, ata a ría de Noia.

A vertedoiro prevé almacenar ata 700.000 toneladas de residuos en dez anos. Aínda que os elementos que se almacenarían de forma permanente teñen a consideración de non perigosos, a instalación tamén xestionaría e almacenaría temporalmente residuos perigosos "maioritariamente de orixe industrial", cun máximo de 60 toneladas por un período de seis meses. O proxecto tamén prevé que os lixiviados se acumulen en dúas grandes balsas, de 5.417 e 3.778 metros cúbicos.

Verdegaia alerta de que "a bacía na que poderían acabar estes lixiviados vai dar en primeiro lugar a un río do que se abastece a vila de Noia, e despois a Ría de Muros-Noia, fonte de riqueza económica para toda a bisbarra". A Asociación Ambiental Petón do Lobo e a Sociedade Histórica e Cultural 'Coluna Sanfins' advirten de que o vertedoiro "sería unha bomba de reloxería que podería afectar a saúde de toda a comarca".

Verdegaia alerta de que "a bacía na que poderían acabar estes lixiviados vai dar en primeiro lugar a un río do que se abastece a vila de Noia, e despois a Ría de Muros-Noia, fonte de riqueza económica para toda a bisbarra"

Estas dúas entidades, o mesmo que AGEe -que elevou unha pregunta ante a Comisión Europea- tamén denuncian a falta de controis por parte da Consellaría de Sanidade, despois de que a Consellería de Medio Ambiente lle reclamara a que elaborase un informe sobre o posible risco para a saúde humana e os impactos sobre a poboación. Sanidade limitouse a emitiu un informe dunha páxina escasa, no que obvia totalmente o solicitado e simplemente recomenda que a auga de abastecemento das instalacións empresariais do macrovertedoiro deberá ser apta para o consumo humano e que a auga quente dos baños dos vestiarios do persoal deberá cumprir os criterios hixiénico-sanitarios.

Neste senso, a coordinadora da Plataforma contra o Novo Verquedoiro de Residuos Industriais de Lousame sinala que “na parcela na que se construiría o vertedoiro e nos seus arredores existen multitude de fontes. Existe un risco importante de contaminar as augas”.

 

Explotacións agrarias

O SLG fai fincapé nos posibles prexuízos para a ducia de explotacións agrarias que funcionan na contorna máis próxima e que xeran "case un cento de empregos" nos concellos de Lousame e Rois

O Sindicato Labrego Galego (SLG) fai fincapé nos posibles prexuízos para a ducia de explotacións agrarias que funcionan na contorna máis próxima e que xeran "case un cento de empregos" nos concellos de Lousame e Rois. O SLG destaca que "centos de hectáreas de terreos contiguos ou próximos ao vertedoiro son o sustento fundamental das explotacións que se concentran nas aldeas veciñas" e sinala que "mesmo a parcela de 20 hectáreas na que se pretende instalar o vertedoiro está clasificada como solo rústico de especial protección e forma parte da base territorial dunha granxa de vacas cachenas que, probablemente, se vexa obrigada a pechar ao extinguirse o arrendamento da finca". En contraposición, o vertedoiro xeraría apenas 13 empregos durante dez anos.

Só as explotacións agrícolas de Lousame xeran 311 postos de traballo a tempo completo, fronte aos 13 empregos que achegaría o novo centro de tratamento de residuos

Lousame é un concello declarado “zona de especial interese agrario" e as explotacións agrícolas deste concello xeran 311 postos de traballo a tempo completo (datos do IGE de 2012). O sindicato subliña especialmente o lugar de Fontefría, que concentra "boa parte das cabezas gandeiras e empregos agrarios directos do Concello de Lousame" e que se atopa a menos de 400 metros da parcela onde se pretende instalar o vertedoiro. Tamén sinala que algunhas das explotacións da contorna, como a cooperativa Tubío Busto de Fontefría, ou a cooperativa Cesares Holstein de Vilar de Reconco, foron seleccionadas entre as mellores explotacións de Galicia en 2015 pola Federación Frisoa Galega e galardoadas como "mestres criadores" pola Confederación de Asociacións de Frisoa.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.