0 Gardados para despois

A Xunta accede a primar a calidade sobre o prezo na compra de agullas para doentes de diabetes

Redacción | @prazapublica

O Goberno galego aceptou convocar un novo concurso para a compra de agullas para que os a as doentes de diabetes se inxecten insulina, unha convocatoria na que, ademais, mudan os criterios para escoller a oferta máis vantaxosa, primando agora a calidade sobre o o aforro económico. Fíxoo despois de que un bo número de pacientes, así coma as asociacións que os agrupan (Federación Galega de Diabéticos, Asociación Compostelana de Diabéticos...), presentasen numerosas denuncias polas deficiencias que presentaban as agullas que o Sergas estaba a empregar, que provocaban dor, un incorrecto cálculo da cantidade administrada e mesmo chegaban a romper.

Á vista das denuncias, a Xunta accedeu a modificar o seu proceso de contratación, asumíndose "a proposta relativa a que nos criterios de selección se outorgue un maior peso á proba do produto por parte dos doentes"

Neste cambio de postura da Xunta foron determinantes estas reclamacións, que deron lugar á denuncia que o pasado mes de setembro presentou SOS Sanidade Pública contra o Sergas. A maxistrada Ana López-Suevos acordou sobreseer esta causa despois de comprobar que a Consellería de Sanidade acordara modificar os criterios de contratación dos novos lotes de agulla, aceptando implicitamente as demandas da plataforma e dos e das pacientes afectadas. 

SOS Sanidade Pública e a Asociación Compostelana de Diabéticos sospeitaban que no procedemento de contratación subxacían "intereses espurios ou alleos á consecución do produto sanitario idóneo para os doentes", dise na sentenza, unha circunstancia que explicaría que estes procedementos de licitación culminasen cunha adxudicación en favor da empresa Productos Sanitarios Gallegos, Prosaga S.L., "nos que por certo o criterio de valoración determinante era sempre a oferta económica, sendo a daquela empresa sempre a máis ventaxosa", engade a xuíza. 

En base ás moitas denuncias de pacientes que acompañaban a demanda, o xulgado incoou dilixencias previas para investigar un posible caso de prevaricación. Ao parecer, á vista das denuncias, a Xunta accedeu a modificar o seu proceso de contratación, asumíndose "a proposta relativa a que nos criterios de selección se outorgue un maior peso á proba do produto por parte dos doentes". Ademais, decídese que esta avaliación do produto, antes realizada por profesionais sanitarios/as agora será responsabilidade dun grupo de cen pacientes.

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela entende que o Sergas "recoñece a veracidade da denuncia presentada" e manifesta a súa "satisfacción porque se muden os criterios de selección das adxudicatarias destes productos, atendendo aos efectos secundarios dos mesmos e non só a criterios económicos". A plataforma e a Asociación de Diabéticos/as sinalan que “estaremos vixiantes para que o SERGAS cumpra o seu compromiso recollido no informe que presentou o xulgado".

SOS Sanidade Pública entende que o Sergas "recoñece a veracidade da denuncia presentada" e manifesta a súa "satisfacción porque se muden os criterios de selección das adxudicatarias destes produtos"

Con todo, a SOS Sanidade Pública critica que o Goberno galego recorra “á mentira institucional, poñendo en cuestión as probas presentadas, logo de recoñecer implícitamente a súa veracidade, até o punto de abrir un novo concurso e mesmo mudar os criterios de selección". Ademais, fai fincapé na nota de prensa remitida aos medios hai uns días na que a Consellaría de Sanidade celebraba o sobresemento da causa e recoñecía que a Administración sanitaria tivera "en conta as reclamacións que recibira sobre a calidade das agullas á hora de convocar un novo procedemento de contratación".

Nesa nota, Sanidade sinalaba que no proceso xudicial a parte denunciante utilizara "probas falsas", en concreto unha imaxe radiolóxica na que se sinalaba "a existencia de fragmentos de agullas nalgún doente cando, realmente, na imaxe que se estaba a ver eran grampas que habitualmente se utilizan nalgún tipo de intervencións cirúrxicas". A plataforma reafírmase na veracidade desta proba, adxuntando un informe do médico de cabeceira da paciente afectada no que afirma que esta non foi obxecto de operación cirúrxica ningunha.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.