"Buscamos construír un espazo de traballo común para facer presente o feminismo no día a día"

Presentación da asemblea constituínte da Plataforma Feminista Galega © PFG

A Plataforma Feminista Galega celebrará este sábado 22 en Santiago de Compostela, no Espazo Matadoiro a súa asemblea constituínte. Búscase conformar "unha das ferramenta necesarias para traballar dende un feminismo unitario na Galiza", un "espazo plural" que vén funcionando dende o ano 2015 e que en boa medida naceu a partir da práctica de traballo conxunto de moitas activistas e entidades mobilizadas en contra do recorte do dereito ao aborto que emprendera o PP en 2013.

De momento xa están inscritas máis de cen persoas para participar nos actos e debates previstos para o sábado, cunha presenza maioritaria de activistas novas

"En 2013, ante a reforma da lei do aborto, moitas de nós comezamos de novo a coordinarnos, tanto a nivel nacional como estatal, para unirnos e loitar ante unha nova situación de emerxencia contra os dereitos das mulleres. Un ano despois vimos como Gallardón dimitía, e o seu anteproxecto de lei era desbotado. Coa súa dimisión vivimos unha vitoria dos feminismos, que nos fixo conscientes da precisa unidade para acadar os nosos obxectivos. Polo tanto decidimos pornos a traballar nun novo proxecto, unha plataforma que tiña moi claro o seu fin: establecer un programa conxunto que nos encamiñara a consecución dos obxectivos comúns dos feminismos na Galiza", destacan.

"Houbo que encaixar moitas pezas, houbo moito debate, moitos puntos de vista distintos á hora de formala", lembran

"Houbo que encaixar moitas pezas, houbo moito debate, moitos puntos de vista distintos á hora de formala", lembran. Agora búscase reforzar e consolidar este proceso: "precisamos da forza de todas, dar unha resposta unitaria ante calquera agresión ós nosos dereitos", sinalan.

De momento xa están inscritas máis de cen persoas para participar nos actos e debates previstos para o sábado, cunha presenza maioritaria de activistas novas. O obxectivo desta asemblea consituínte é legalizar e estruturar a entidade, escollendo en asemblea unha coordinadora, e fixando liñas de traballo para os vindeiros meses, respectando o xeito de actuar que ata agora caracterizou a Plataforma, "un funcionamento asembleario para construírmonos de forma diversa, para coidarnos e para traballar xuntas dende a unidade", explican.

"É imprescindíbel incorporar o enfoque feminista nas políticas económicas, nos servizos públicos, na creación doutro modelo de cidade e nas políticas ambientais"

"Buscamos construír un espazo de traballo común, buscando facer do feminismo algo transversal e presente no día a día da política", subliñan. "É imprescindíbel incorporar o enfoque feminista nas políticas económicas, nos servizos públicos, na creación doutro modelo de cidade e nas políticas ambientais, construíndo unha sociedade na que o importante sexamos as persoas e non os mercados", din, reivindicando ademais "a visibilidade do traballo de coidados que realizamos as mulleres, dándolle unha proxección política". "Queremos unha sociedade diversa onde se respecten as múltiples formas de de vivir o sexo e a sexualidade. As persoas somos donas do noso propio corpo, por iso somos libres para decidir sobre el, gozar e relacionarnos con quen nos dea a gana", engaden.

 

Presentación da asemblea constituínte da Plataforma Feminista Galega © PFG
A asemblea constituínte terá lugar no Espazo Matadoiro de Compostela © PFG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.