O home que financiou o 'Sempre en Galiza': Fin de semana para a memoria en Salvaterra

Manuel Puente (con lentes), nun acto con Castelao Dominio Público Asociación Lazoiro

Manuel Puente González naceu na parroquia de Oleiros, en Salvaterra de Miño, en 1890. A principios do século XX emigrou a Bos Aires e, tras aprender o oficio de xoieiro, deu en fundar a que sería unha das maiores cadeas de xoiaría e prataría da Arxentina, ademais de impulsar a primeira fábrica de tecidos de seda do país. A súa é unha das figuras que transitan polo segundo plano da historia do país, pero tivo un papel crucial en momentos ben relevantes e en obras tan senlleiras como o Sempre en Galiza de Castelao, cuxa edición contribuíu a financiar. A súa figura e a doutros dous persoeiros de Salvaterra é lembrada esta fin de semana pola Asociación Lazoiro cunha exposición e un acto de memoria e homenaxe.

Xunto ao labor empresarial Manuel Puente tivo unha fonda implicación asociativa e política. Así, foi parte da Cámara Sindical de Comercio de Bos Aires, pero tamén da Cámara de Comerciantes Republicanos Españoles, ademais de fundar a Unión Progresista de Salvatierra de Miño, da que foi primiero presidente. A finais dos anos 20 inaugurou na súa vila natal a Casa do Pobo e unha década despois, en 1940, púxose á disposición de Castelao e doutros exiliados en Bos Aires. Foi alí onde contribuiu economicamente a financiar a edición do Sempre en Galiza, así como dos Álbumes de Guerra e mais das Cruces de Pedra na Galiza.

Xunto a Puente González, tamén recadador de fondos para crear a Editorial Galaxia en 1950, Lazoiro centra as súas xornadas na figura de Manuel Mariño Méndez, primeiro alcalde de Salvaterra na II República. Vinculado con Puente González, contribuíu a impulsar a Casa do Pobo e en 1936 foi un dos encargados de tentar preservar a legalidade republicana. No entanto, o golpe acabou por obrigalo a fuxir, primeiro en Salvaterra e despois en Portugal, onde foi detido. Tivo que exiliarse e non puido regresar a Galicia ata 1947, aproveitando un indulto para parte dos represaliados, e faleceu a finais dos anos 60 na súa parroaquia natal, Fiolledo.

A asociación Lazoiro organiza esta fin de semana a exposición 'A nosa memoria', que culminará cunha homenaxe con intervencións de Alonso Montero e Paz Antón

Naquel Concello republicano participou tamén a terceira das persoas que serán lembradas por Lazoiro, José Domínguez, tenente de alcalde que tamén comezou a súa mocidade emigrado na Arxentina, onde participou da Sociedad Juventud Progresista Hijos de Fornelos y Anexos e mais da Sociedade Nazonalista Pondal. Tras o golpe de 1936 incorporouse ao Comité de Defensa da República. No entanto, nese verán os sublevados acabaron por detelo e fusilárono, en febreiro de 1937, no vigués monte do Castro.

As tres figuras son as protagonistas, entre este venres e este domingo, da exposición 'A nosa memoria', coa que asociación organizadora procura "dar a coñecer unha parte da historia da nosa vila, descoñecida para moita xente", explican. As persoas homenaxeadas e a súa época son repasadas a través de paneis, fotografías e mais prensa e obxectos da época. A exposición conclúe o domingo, 23 de outubro, cunha homenaxe na que intervirán o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero e mais o historiador e ex-deputado Xosé Ramón Paz Antón. Fernando Abreu porá música á homenaxe.

Manuel Mariño, nunha publicación da época © Asociación Lazoiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.