O programa 'A Flote' para impedir desafiuzamentos na Coruña, "bloqueado" por PP e PSOE

'A Flote' é un dos programas de acción social da Fundación Emalcsa © Emalcsa

A Flote é un programa de integración social que foi posto en marcha o pasado mes de xuño polo Concello da Coruña en colaboración coa Fundación Emalcsa (dependente da empresa pública de xestión de auga). Entre as súas actividades nos últimos meses destaca a axuda prestada a 69 persoas (entre elas 27 menores de idade) que estaban en risco de ser desaloxadas das súas vivendas, evitando os desafiuzamentos ou proporcionando unha alternativa habitacional inmediata en casos inevitables. O programa está deseñado para atender a situacións de risco de exclusión que non poden ser atendidas por outras vías de intervención pública e que teñen carácter urxente, puntual ou transitorio. Tamén para evitar situacións de desprotección derivadas de requisitos de carácter formal ou a problemas de procedemento.

A continuidade deste programa depende da aprobación, polo padroado da Fundación Emalcsa, do Plan de Acción para o ano 2017, que prevé unha dotación de 192 mil euros para estas actuacións

A continuidade deste programa depende da aprobación, polo padroado da Fundación Emalcsa, do Plan de Acción para o ano 2017, que prevé unha dotación de 192 mil euros para estas actuacións. O que parecía un trámite sinxelo, virou este luns nun obstáculo, despois de que os representantes de PP e PSOE no padroado se negasen a discutilo, alegando que a entidade aínda non ten aprobados os seus orzamentos. Marea Atlántica acusa a populares e socialistas de "bloquear a acción do goberno en todos os ámbitos, buscando réditos políticos, sen importarlles paralizar a cidade".

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, denunciou así mesmo que PP e PSOE "foron os que se negaron a debater os orzamentos de Emalcsa o pasado venres, no último consello de administración da empresa municipal de augas”. A loita política trasladaríase polo tanto fóra do pleno, chegando tamén a organismos coma a Fundación Emalcsa. O Plan de Acción paralizado tamén prevé destinar 240 mil euros á iniciativa Cultura Accesible e Inclusiva, que busca garantir o acceso das persoas con problemas de diversidade á vida cultural e artística da cidade.

Marea Atlántica acusa a populares e socialistas de "bloquear a acción do goberno en todos os ámbitos, buscando réditos políticos, sen importarlles paralizar a cidade"

O programa A Flote é unha das ferramentas postas en marcha polo Concello da Coruña para loitar contra os desafiuzamentos e axudar as persoas que os sofren. Tamén funciona dentro da Empresa Municipal de Vivenda e Servizos (EMVSA) unha oficina de mediación e asesoramento xurídico na busca de potenciar as políticas de dereito á vivenda. E, igualmente, un Programa de Aloxamentos Temporais para as persoas que quedan sen vivenda. Nos Orzamentos de 2016 tamén destaca o incremento dos fondos que o Concello lle entrega a entidades como Cáritas, que recibe unha partida de 200 mil euros anuais para o financiamento do programa de axudas sociais dirixido a persoas en situación de necesidade. Nos orzamentos de 2015, últimos aprobados polo Goberno municipal de Carlos Negreira, esta cantidade era exactamente a metade (100 mil euros). E nas contas anteriores (2014 e 2013) a cantidade era aínda menor (60 mil euros).

 

'A Flote' é un dos programas de acción social da Fundación Emalcsa © Emalcsa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.