Lanzan dende Vigo un 'Manifesto pola recuperación dos centros sanitarios privatizados'

Instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

As xornadas A privatización da Sanidade na Unión Europea, organizadas por Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) en colaboración coa Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo pecháronse este sábado co lanzamento dun Manifesto pola recuperación dos centros sanitarios privatizados.

O documento, elaborado e presentado por Manuel Martín -presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) e voceiro de SOS Sanidade Pública- denuncia que "a privatización do Sistema Sanitario Público que se esta producindo no Estado Español de xeito progresivo, no que a denominada Colaboración Público Privada (CPP) representa un dos alicerces fundamentais desta estratexia", salientando que os modelos CPP supoñen "un encarecemento moi importante da atención sanitaria, un recortes de recursos, unha diminución da calidade da mesma, e unha total ausencia de transparencia, avanzando cara ás constitución de oligopolios de provisión sanitaria en mans de multinacionais, construtoras, bancos e fondos voitre".

Pídese que estes instrumentos sexan reintegrados ao sistema público, algo para o que "é esencial a mobilización social e profesional" acompañadas da intervención das administracións públicas, "impulsando unha lexislación que garante o carácter público da provisión e da xestión do sistema sanitario público e derrogue a Lei 15/97". Finalmente, as entidades asinantes do manifesto comprometéronse a potenciar "unha rede de organizacións e plataformas que integren sectores sociais e profesionais máis amplos contra a privatización dos centros sanitarios, para evitar novas privatizacións e promover a reintegración dos centros privatizados mesmos ao sistema público".

No peche do encontro, a eurodeputada de AGEe Lidia Senra denunciou que "os partidos que abrazan o neoliberalismo están dispostos a promover reformas nos sistemas públicos de saúde para convertela nun suculento negocio para as grandes empresas e os investidores”. E subliñou que "poñeremos toda a carne no asador para contribuír na loita que se está a dar contra este atentado contra a saúde das persoas, tanto colaborando na divulgación do que está acontecendo como poñendo en marcha todas as iniciativas que estean ao noso alcance para seguir facilitando debates deste tipo e levando iniciativas ás institucións nas que estamos presentes”.

Instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas
Manuel Martín e Lidia Senra © AGEe
Algúns dos e das participantes nas xornadas © AGEe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.