Os deberes como "falso debate" ou como síntoma dun "sistema que falla"

Alumnado nun colexio galego © Xunta

Diferenzas nas formas, na idoneidade da mensaxe ou no enfoque do debate. Son as únicas. Se as diferentes confederacións de anpas en Galicia (Confapa e Confederacións de Anpas Galegas) e Nova Escola Galega acababan coincidindo na necesidade de afrontar o futuro dos deberes desde a raíz e indo á problemática que a deriva, a dun sistema educativo con demasiadas eivas e recortes, agora son tamén os sindicatos do ensino os que comparten diagnose. Máis aló das diferenzas nos métodos empregados para facer agromar a polémica, todos entenden que as queixas polas tarefas escolares son un síntoma máis dun ensino que sofre varias vías de auga. 

Así o asegura, por exemplo, Luz López, secretaria xeral da Federación de Ensino de CCOO-Galicia, que entende que a campaña levada a cabo pola Ceapa e a Confapa "abriu un debate que, lonxe dalgunhas asociacións corporativas que buscan un enfrontamento entre familias e docentes, vai moito máis aló". "Quérese visibilizar un problema que é de fondo, dunha lei educativa e dun sistema que falla, cuns currículos tan amplos nalgúns casos que os profesores arrastran os alumnos a tarefas extras; ou cunha falta de medios que leva á supresión de coordinación entre docentes e que provoca que non se poñan de acordo e enchan de deberes aos rapaces", explica. 

Desde CIG-Ensino, Anxo Louzao, secretario nacional, cre que o debate sobre os deberes "é importado" e considera que a campaña levada a cabo, así como a folga, "vén marcada desde fóra". "En todo caso, é un tema que, de ter que tratalo, hai que tratalo desde Galicia, que é onde hai competencias sobre a materia", insiste, tras coincidir tamén en que a problemática "é de fondo" e que o ensino no país conta con moitas eivas a resolver. 

"Quérese visibilizar un problema que é de fondo, dunha lei educativa e dun sistema que falla", di CCOO

O STEG vai moito máis aló e, malia coincidir nas críticas á situación do ensino, cre que o dos deberes "non é o debate". "De termos en conta o retroceso acontecido no ensino público de Galiza dende a chegada do PP á Xunta, concluiremos que a cuestión dos deberes é só unha cortina de fume que vén agochar o verdadeiro debate: pode haber un ensino público de calidade coas agresións que se lle perpetraron nestes últimos anos dende o Goberno? Pensamos que non", di o comisionado nacional nun comunicado

A CIG considera o debate "importado" e coincide tamén en ir "ao fondo" da cuestión

Así, para o STEG, e ante a situación de numerosos "recortes" e a aplicación da denunciada Lomce, é "algo frívolo suscitar un debate sobre a cuestión dos malchamados deberes, habendo problemáticas tan perentorias". Mesmo sendo esas problemáticas as mesmas que, por exemplo, denuncia CCOO e das que cren que se derivan outros problemas como o exceso de tarefas escolares fóra das horas lectivas. 

Para o STEG, "a cuestión dos deberes é só unha cortina de fume que vén agochar o verdadeiro debate: as agresións do PP ao ensino público"

"É un debate moito máis profundo do que sae na superficie e é un debate que hai que dar porque todo acaba no mesmo: os recortes continuos no ensino e esta pésima lei educativa crean moitos problemas e un síntoma de todos eles é a polémica dos deberes", insiste López, de CCOO, que advirte que "hai rapaces da ESO que, despois de 32 horas semanais no instituto, realizan tarefas por dez horas máis na casa e acaban superando o que sería unha xornada laboral". E insiste noutra queixa recorrente: hai deberes positivos porque reforzan o que se traballou e non precisan axuda allea, pero hai outros que supoñen unha discriminación porque hai alumnos que poden recibir axuda na familia ou en academias e outros non". 

Da mesma idea é Louzao, que lembra tamén a necesidade de afrontar o problema dos currículos amplos "e inabarcables" que acaban por trasladar tarefas á casa pero que entende que o primeiro paso sería definir con detalle "que se consideran deberes". "Todo debería basearse en non sobrecargar os alumnos e facer as cousas baixo o criterio do profesorado e de acordo coas familias", di. "O que non pode ser é que esas tarefas externas substitúan a misión que ten a institución escolar, o que non quita que se poidan atender certos aspectos a reforzar", engade.  

"Os recortes continuos no ensino e esta pésima lei educativa crean moitos problemas e un síntoma de todos eles é a polémica dos deberes"

Con todo, e malia considerar que o dos deberes non é o debate que se debe dar, o STEG propón "actividades debidamente contextualizadas conforme aos principios de adecuación, motivadoras e que promovan a autonomía e iniciativa persoal do alumnado e o interese do mesmo en afondar por si mesmo naquelas cuestións e temas traballados na escola". Unha reivindicación común en sindicatos e anpas. 

O sindicato lembra que "o problema para unha escola que precisa ser transformada non son os deberes", senón "que se quere afogar o ensino público". "O que urxe é que a Xunta garanta os recursos humanos e económicos que a escola precisa para poder ofrecer un ensino público de calidade, que contribúa a exercer de elemento reequilibrador das desigualdades sociais existentes", di o STEG. 

 

"Éxito rotundo" da primeira fin de semana de folga

Por outra banda, a Ceapa, onde se integra a Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos (Confapa), cualificou esta primeira fin de semana da campaña un "éxito rotundo" aínda que non hai datos sobre o número de familias que apoiaron a folga de deberes. Os pais que a secundan envían dous formularios ao centro, un ao director e outro ao titor do alumno, no que explican a súa negativa a que os fillos faganos deberes nas fins de semana. No caso de que llelos envíen igual, as familias informan a través dun xustificante de que o cativo non fixo as tarefas. As catro federacións provinciais en Galicia irán recollendo os resultados para, ao igual que a nivel estatal, ir contabilizando o seguimento da campaña. "É moi desigual porque hai pais que teñen certo temor e rapaces que si queren facer algún tipo de tarefas", lembraba en Praza Helana Gómez, presidenta da Confederación, que insiste en que abrir o debate sobre o tema era o propósito principal e ese está máis que conseguido. 

Alumnado nun colexio galego © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.