ADEGA iniciará un programa de compostaxe caseira na cidade da Coruña

Cartaz do programa de compostaxe de Feáns e Mesoiro © ADEGA

Nas vindeiras semanas iniciarase nos núcleos de Feáns e Mesoiro, na Coruña, un proxecto de compostaxe caseira, impulsado por ADEGA e co financiamento da área de Medio Ambiente do Concello da Coruña, ao abeiro da subvención para asociacións sen ánimo de lucro en materia de cultura e educación ambiental. 

O obxectivo é implantar a compostaxe nas hortas comunitarias da Asociación de hortas do Val de Feáns por unha banda e por outra repartir 15 composteiros individuais á veciñanza da contorna. Os requisitos a cumprir son ser veciña/o de Feáns ou Mesoiro, que a vivenda sexa a vivenda principal, ter horta ou xardín e asistir a un curso de formación. Nestas 15 vivendas comezarase o proxecto de compostaxe, no que as persoas participantes recibirán un composteiro de 320 litros, un manual de compostaxe e a formación correspondente para facer un bo uso do composteiro. Un tempo despois da instalación recibirán unha visita dunha educadora ambiental de ADEGA co obxectivo de resolver dúbidas e observar o proceso.

Este é un programa de educación ambiental de acompañamento domiciliario cuxo obxectivo é mudar hábitos, mellorar a separación xeral dos residuos e demostrar a viabilidade da compostaxe doméstica como xestión dos residuos orgánicos. As persoas implícanse na solución a unha problemática actual como é a gran xeración de residuos e o non tratamento dos mesmos. Para anotarse a este proxecto soamente teñen que escribir un correo a compostaxe@adega.gal  indicando nome, enderezo e teléfono. Ou ben no teléfono 981570099.

 

Compostela, na Rede Estatal de Entidades Locais pola Compostaxe

O Concello de Santiago vaise sumar, a partir do 1 de xaneiro de 2017, á Rede Estatal de Entidades Locais pola Compostaxe Doméstica e Comunitaria. Xan Duro, concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, explica que, con esta incorporación, "Santiago asume o compromiso de desenvolver políticas locais que impulsen a compostaxe doméstica e comunitaria, a través de campañas educativas e informativas, e de experiencias piloto".

Duro salienta igualmente o proxecto que ten en marcha o seu departamento, para a instalación de tres illas de compostaxe comunitarias en Galeras, Santa Marta e Salgueiriños. Ademais, sinala que "a compostaxe estará recollida no novo prego do servizo de residuos sólidos urbanos, que debe entrar en vigor en 2018". O edil insiste en que a directiva europea de residuos do ano 2008 sinala que, en 2020, o 50% dos residuos domésticos deben ser reciclados ou recuperados, "e iso só se pode conseguir actuando coa compostaxe sobre os restos orgánicos, que supoñen practicamente a metade da bolsa do lixo das familias".

 

Cartaz do programa de compostaxe de Feáns e Mesoiro © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.