“Os nenos son números”. A visión dun inspector de educación sobre os recortes

O conselleiro Jesús Vázquez, nunha visita a unha escola © Xunta

Un veterano inspector de educación, nunha longa conversa con Praza, realiza un repaso panorámico á situación do ensino público denunciando a “desprofesionalización” que os recortes implican e a “arbitrariedade” na toma dunhas decisións pensadas para a propaganda e non para satisfacer a necesidade social dun ensino de calidade.

Boa parte dos problemas de xestión do ensino sostido con fondos públicos non radica só no decremento dos recursos financieiros que padece a Xunta de Galicia, senón tamén nunha planificación errada e sometida a intereses de partido e mesmo persoais. Polo menos, iso é o que explica o inspector de ensino Ignacio Estévez (o nome é ficticio) nunha longa conversa con Praza, na que sinala a concentración de poder nunha determinada dirección xeral, concretamente a liderada até hai uns días por José Luis Mira, como un dos motivos dunha xestión errática, descoñecedora da realidade dos centros educativos e orientada a unha obsesión por “fabricar e presentar estatísticas, en vez de traballar na calidade do sistema educativo”. A iso uniríanse a “incompetencia técnica” de moitos dos cadros dos cales se rodeou o propio Mira e mais a “intencionalidade ideolóxica de desmontar o ensino público”.

O inspector denuncia a permanente desregulación de Primaria e Secundaria

Unha das primeiras críticas que Estévez deixa caer é que, mentres baixo o mandato de Mira se elaboraron regulamentos para a Formación Profesional ou as Escolas Oficiais de Idiomas, por exemplo, non obstante non houbo o menor interese en facer o propio no caso de Primaria e Secundaria, unha reivindicación que xa vai polos 20 anos e que resultaría necesaria debido ás mudanzas introducidas na lexislación educativa xa desde o ano 1992. Na opinión de Estévez, esta permanencia nunha situación de desregulación dos dous tramos educativos que constitúen a “espiña dorsal” do sistema responde a unha estratexia para manter unha alta marxe de arbitrariedade que lle permite á Administración educativa dar solucións diferentes a casos idénticos, en función dos seus intereses.

 

Recortes de profesorado e desprofesionalización do ensino

No tocante aos recortes, Estévez confirma que os catálogos do profesorado que se lle asignará a cada centro de ensino xa están elaborados e en proceso de negociación coas direccións dos respectivos centros. Indica, tamén, que en Primaria o curso 2012-2013 servirá para “rematar a faena” tras a drástica redución executada no curso que agora conclúe, mentres que en Secundaria haberá unha enorme cantidade de prazas de profesorado eliminadas, o que na súa opinión garante unha “situación de auténtico caos” no comezo do próximo curso escolar. A dilación na publicación deses datos, que Estévez non se atreve a cuantificar con precisión “por unha cuestión de rigor”, respondería a unha estratexia para dificultar o debate social e a contestación do profesorado e das familias, que á volta do verán se atoparían diante dunha situación de “feitos consumados”, polo que Estévez anima as direccións dos centros educativos a “defender as súas necesidades e non aceptar pasivamente o que lles diga o inspector de turno”.

Prevé unha "situación de auténtico caos" no comezo do vindeiro curso ante a redución de profesorado

Porén, isto non significa que a Educación Primaria quede a salvo de futuros recortes: de feito, a Administración educativa galega leva meses traballando nunha proposta para eliminar os servizos de orientación en todas aquelas escolas con menos de 12 unidades –e nese cómputo, non se inclúen os grupos de infantil, que na maioría dos casos soen convivir nos mesmos centros– ben como na supresión total dos especialistas de audición e linguaxe (logopedas), funcións que deberían pasar a ser asumidas polo profesorado a pesar de “carecer da formación de especialista” e de resultar practicamente imposible “dar atención ás necesidades educativas especiais en clases cada vez máis masificadas”, o que redundará nunha “desprofesionalización preocupante e empobrecedora”.

O único ámbito que se libra dos severos recortes é o dos ciclos formativos de FP

A crítica de Estévez é máis acerada cando fala do panorama que se está a deseñar para a Secundaria, xa que ao seu xuízo “suprímense todos os elementos de calidade que proveñen da Logse (atención á diversidade, reforzos, desdobres...) pero mantense o negativo: un exceso –cada vez maior– de protocolo e de burocracia que non redunda na calidade do sistema”. Volve sacar a relucir a súa preocupación, expresada reiteradamente ao longo da entrevista, pola “desprofesionalización” (na que tamén inclúe a propia Inspección Educativa, xa que “moitos inspectores carecen da formación específica necesaria), aspecto que no caso da Secundaria pon en relación de xeito moi especial con dúas medidas: a impartición de materias afíns con criterios puramente economicistas, á marxe de consideracións pedagóxicas; e a desatención aos nenos e adolescentes con necesidades pedagóxicas e terapéuticas específicas, que a cada vez máis serán postas nas mans do profesorado e non dos especialistas.

O único ámbito que se ve libre de severos recortes é, segundo Estévez, o dos ciclos formativos de FP, que si se verán reducidos, pero só en casos de que a demanda non xustifique o seu mantemento. O maior retroceso virá dado polo feito de que non se crearán ciclos novos, unha medida que se se prolonga no tempo pode redundar nunha “falta de adaptación da formación profesional ás necesidades” económicas e laborais.

 

“A escola rural, desde sempre e en calquera goberno, foi vista de xeito despreciativo”

Aínda defendendo a necesidade de pechar aquelas escolas rurais que debido á evolución demográfica do territorio deixan de ter sentido, Estévez alerta de que se está a incumprir a lexislación, que establece en 5 o número mínimos de alumnos para manter unha escola unitaria, mentres que na práctica algúns compañeiros de inspección están a ordenar o peche de escolas que teñen o dobre de alumnos. Critica que iso se faga con base en “criterios ideolóxicos, cando deberían ser decisións fundamentadas tecnicamente” e denuncia que é un exemplo da “discrecionalidade e arbitrariedade” de cada inspector.

Cuestionado sobre o papel dos concellos, que asumen unha parte do gasto xerado por esas escolas, comenta que a súa actitude é ambivalente e van desde a defensa da súa permanencia como elemento de vertebración social até o apoio á súa eliminación como medida de aforro para as arcas municipais. Moi crítico coa “interferencia política de calquera signo”, non morde a lingua ao afirmar que “un alcalde pode salvar ou condenar unha escola, e iso é lamentable, porque non se actúa con criterios técnicos”.

“A escola rural e sobre todo as unitarias, desde sempre e en calquera goberno, foron vistas de xeito despreciativo, porque o rural nunca tivo a valoración que merece”

Segundo Estévez, que centra as súas críticas ao actual goberno galego pero que as fai extensivas aos anteriores, “a escola rural e sobre todo as unitarias, desde sempre e en calquera goberno, foron vistas de xeito despreciativo, porque o rural nunca tivo a valoración que merece”. Fronte a esa concepción, asegura que “as escolas unitarias son unha riqueza que dan calidade ao territorio e á súa xente e que existe noutros países, como Francia”, ao tempo que cuestiona que a integración nos CRAs (Colexios Rurais Agrupados) sexa a única alternativa para o ensino no rural. Conclúe cunha reflexión que esconde un consello: “se a xente do pobo loita, pode manter a escola; se son, van pechar todo por criterios economicistas, sen avaliar a calidade que se perde”. A fin das escolas unitarias que manteñen alumnado abondo para seguiren abertas é especialmente incomprensible para Estévez dado que “contan con todos os equipamentos, incluídas as pizarras dixitais, polo que non é verdade que derivar o alumnado aos CRAs sexa algo que se fai porque alí van ter mellores recursos ou máis calidade de ensino”.

Canto a Preescolar na Casa, un proxecto que a pesar de insistentes reivindicacións nese sentido “nunca chegou a ser integrado no sistema de ensino público, porque ningún goberno entendeu o seu valor” e que agora perde a subvención de fondos públicos, Estévez afirma con rotundidade que se pecha “por simple descoñecemento, e con iso esváese unha aprendizaxe de nenos e de nais” que foi pioneira no mundo e modelo de éxito exportado internacionalmente por Galicia. “Aquí non sabemos valorar o que temos”, remacha.

 

Por riba da lei

Estévez analizou para Praza con detalle a situación de ilegalidade na que se están a adoptar moitas das medidas de axuste impostas pola Consellaría de Educación. Nas súas palabras, “queren convencernos de que a partir de agora as cousas van funcionar así e que non hai nada que facer” e como contan co poder para impoñer as medidas, “nin sequera se molestan en comprobar se a lei o permite ou se necesitarían mudala primeiro”. Alerta de que moitas desas ilegalidades que denuncia xa se veñen practicando desde hai anos, pero que a partir do vindeiro curso serán moito máis frecuentes, ao tempo que se introducirán outras medidas que igualmente carecen de sustento legal ou que mesmo atentan contra o corpo normativo actualmente en vigor.

Pon como exemplos, entre outros, o dos incrementos xeneralizados das ratios en até un 10% a maiores do permitido, a ausencia de oferta suficiente de prazas no sistema público en concellos onde “van sobrar nenos”, os criterios para asignación de materias afíns, a nova disposición sobre a periodicidade das reunións dos departamentos pedagóxicos, a eliminación de escolas rurais unitarias cun número de alumnos maior que o mínimo legal esixido para mantelas ou a falta de control sobre os colexios concertados, aos cales “non lles afectan os recortes e en moitos casos permíteselles que incumpran a legalidade, mentres que nos centros públicos hai moito máis rigor”.

"Á Consellería só lle interesan dúas cousas do ensino: utilizalo para impoñer as súas ideas e facer propaganda"

E conclúe afirmando que “para a Consellaría, os nenos son números. Do ensino só lles interesan dúas cousas: utilizalo para impoñer as súas ideas e facer propaganda do ben que van as cousas, aínda que a realidade sexa moi distinta. Temos aínda un bo sistema de ensino público e debemos defendelo, porque se non o facemos, en pouco tempo podemos perdelo; e cada ano de tempo perdido no ensino, de retrocesos e perda de calidade, custa dez anos recuperalo. O que non podemos é permitir que se potencie o ensino privado con cartos públicos e que mentres tanto se degrade o público con medidas que van ter un impacto terrible sobre o alumnado.” E no referido ao corpo de inspectores ao que pertence, reclama “a esixencia dunha formación técnica específica” e unha “unidade de criterios para evitar as situacións de discrecionalidade e arbitrariedade que hoxe por hoxe son habituais”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.