Ourense mobilízase contra o colapso e as eivas do servizo de urxencias do CHUO

Complexo Hospitalario Universitario de Ourense © Aidhos

"Non deixes que se destrúa a sanidade pública. En calquera momento podes ser vítima desta situación". Con esta mensaxe vén de lanzarse en Ourense unha campaña de recollida de sinaturas para denunciar a situación de "colapso" que en moitos momentos sofre o servizo de Urxencias do Hospital de Ourense (CHUO). A campaña, impulsada por SOS Sanidade Pública, instalará un punto informativo e de recolla de apoios este mércores ás 18.30 horas na Rúa do Paseo, xunto ao centro cultural Ángel Valente.

Hai uns días a Comisión de Centro presentou unha denuncia ante a Fiscalía ante o "colapso" que se produciu o pasado 14 de novembro e unha serie de "irregularidades" detectadas polo persoal

Xa hai uns días a Comisión de Centro, integrada pola Xunta de Persoal e os sindicatos UGT, CIG, CCOO, CSIF, Omega, SAE, SAGAP e Satse, presentou unha denuncia ante a Fiscalía ante o "colapso" que se produciu o pasado 14 de novembro e unha serie de "irregularidades" detectadas polo persoal. De ser admitida, Xerencia de Xestión Integrada e a propia xerente do CHUO, Eloína Núñez, terían que responder das eivas que as centrais sindicatos, un bo número de pacientes e a propia Plataforma pola mellora e defensa da sanidade pública de Ourense levan tempo sinalando.

SOS Sanidade Pública considera que "os feitos acadan niveis de moita gravidade e polo tanto pódese estar atentando contra os dereitos básicos das persoas que precisan atención sanitaria". "Entendemos que agardar unha media de entre sete ou nove horas para ser atendido, non é razoable. Entendemos que permanecer agardando por unha cama en salas onde os pacientes, están amoreados, ou en corredores onde os profesionais traballan en condicións técnicas e laborais moi precarias, onde non se pode respectar a intimidade, non se corresponde cun hospital do século XXI e que pretende publicitarse como pioneiro en tecnoloxías punta de Europa", explican.

O persoal do centro e os sindicatos que os representan sinalan que a situación de "sobregacarga" é habitual nos últimos tempos no centro: "nin se está atendendo ben os pacientes, nin se trata ben os traballadores, que están desbordados", destacan. Detallan algúns casos, nos que "25 pacientes foron ingresados nunha mesma sala, sen ventilación nin baño" e moitas situacións de enfermos que ingresan, se que sexan ubicados en ningún espazo do hospital, enchendo estas habitacións ou os propios corredores.

Representantes de SOS Sanidade Pública subliñan que "non queremos fomentar alarmismos, nin desacreditar o noso Sistema Público de Saúde"

No escrito presentado ante a Fiscalía detallábase que o Servizo de Urxencias do CHUO conta con 19 boxes para atender as urxencias. E explicábase que o 14 de novembro (sinalado como o momento de maior caos), 17 deles estaban ocupados por pacientes en observación ou ingresados. Así mesmo, sinalábase que os espazos se atopaban tan saturados que o persoal sanitario non podía acceder aos e ás pacientes. Ademais, 14 pacientes foron trasladados a unha Sala de Tránsito e outros 24 a unha Sala de Preingreso que "non dispoñen de mobiliario adecuado, nin dependencias de aseo e hixiene". A Comisión do Centro denuncia que hai dúas unidades de hospitalización que se atopan pechadas e que poderían achegar unhas 60 camas "que aliviarían moito a situación". E concluía advertindo de que a Xerencia non habilitara plan ningún "para previr este colapso".

Denuncian que os xestores do SERGAS "parece que están a traballar para que os usuarios se busquen camiños alternativos de atención, mediante a contratación de seguros privados ou pólizas con hospitais e centros sanitarios fora do sistema público"

Representantes de SOS Sanidade Pública subliñan que "non queremos fomentar alarmismos, nin desacreditar o noso Sistema Público de Saúde", defenden os e as súas profesionais e recursos e denuncian que os xestores do SERGAS "parece que están a traballar para que os usuarios se busquen camiños alternativos de atención, mediante a contratación de seguros privados ou pólizas con hospitais e centros sanitarios fora do sistema público". "Pechan camas, reducen persoal, non invisten na Atención Primaria, non se potencia a capacidade resolutiva da urxencia nos PACs, non se desenvolve a atención domiciliaria, descapitalizan a lei de dependencia, seguimos con infraestruturas moi obsoletas", enumeran. De igual xeito, critican que neste caso concreto a Xerencia "negue a maior" (a través de varios comunicados de prensa negou todas as acusacións) a pesar de que "a cidadanía coñece moi ben o que acontece nese servizo".

 

Mobilización de SOS Sanidade Pública © SOS Sanidade Pública
Cartaz do acto de recollida de sinaturas © SOS Sanidade Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.