A Coruña diralles adeus a Arteijo, Villa de Lage, Mellid ou Río Jallas

Rúa Pontedeume CC-BY-SA Praza Pública

Adeus á Avenida de Arteijo, adeus á rúa Mellid, adeus á rúa Río de Jallas. O goberno local da Coruña vén de iniciar o proceso para a regaleguización do nome de 22 rúas, prazas, avenidas e travesías da cidade, que conservaban tanto no rueiro coma na súa sinaléctica a denominación castelanizada. Os cambios xa foran aprobados polo pleno municipal hai anos, a través dunha moción presentada polo BNG. Porén, nin o Goberno bipartito liderado por Javier Losada, nin o do PP de Carlos Negreira aplicaran o mandato do pleno.

As modificacións non serán inmediatas, pero completaranse ao longo de 2017. Fontes do Goberno municipal explican que estes procesos en ocasións atopan obstáculos, pois obrigan a cambios na numeración das vías que é necesario solucionar. Tamén se substituirán as actuais placas cos nomes incorrectos, unha actuación que se realizará gradualmente e que necesita un mínimo investimento que está garantido.

Estas son as denominacións que serán modificadas, tanto nos rexistros coma na sinaléctica fixa: Arteijo (Arteixo), Baldayo (Baldaio), Baños de Arteijo (Baños de Arteixo), Cabañas (Cabanas), Cangas de Morrazo (Cangas do Morrazo), Faro Finisterre (Faro Fisterra), Finisterre (Fisterra), Forcarey (Forcarei), Mellid (Melide), Monasterio de Jubia (Mosteiro de Xubia), Monasterio de Toxos Outos (Mosteiro de Toxosoutos), Noya (Noia), Orense (Ourense), Oza de los Ríos (Oza dos Ríos), Puentedeume (Pontedeume), Rianjo (Rianxo), Río Jallas (Río Xallas), Sobrado de los Monjes (Sobrado dos Monxes), Tuy (Tui), Villa de Lage (Vila de Laxe) e Villa de Órdenes (Vila de Ordes). Entre elas hai pequenas rúas situadas no interior dos barrios, pero tamén importantes vías, coma a Avenida de Arteixo, a Avenida de Fisterra ou a céntrica Praza de Ourense. 

Estes cambios farán que finalmente estes lugares normalicen a todos os efectos a súa denominación, axustándose á legalidade. O artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística de 1983 sinala que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega". A estas decisións, que xa foran aprobadas polo pleno, poderían sumarse outras, pendentes aínda de estudo e debate, e que van máis aló da toponimia, buscando a galeguización doutros nomes e a superación de nomenclaturas deturpadas

Este proceso unirase á desaparición do rueiro coruñés das denominacións que homenaxeaban a persoeiros da ditadura, levada a cabo o pasado ano. As prazas General Millán Astray e General Mola, as rúas Teniente Coronel Teijeiro, General Sanjurjo, Gómez Zamalloa, Cabo Santiago Gómez, División Azul e Alférez Provisional ou a Avenida de los Caídos forman xa parte do pasado, recuperando moitos deses lugares a súa denominación tradicional.

No 2017 tamén se decidirá a ubicación de 22 novos nomes de vías e lugares, que foron aprobados por unanimidade polo pleno municipal do pasado 7 de novembro. Así, no rueiro coruñés terán un espazo, a petición da Marea Atlántica, Lois Pereiro (solicitado conxuntamente co BNG), Luisa Villalta, Marcela e Elisa (solicitado conxuntamente co PSOE), Sinfónica de Galicia, Oito de Marzo e Pucho Boedo; Alfonso Castro Beiras, Caio Servio Lupo, Federico F. Amor-Calvet, Francisco Balmis, Irmáns Maristas, Manuel Martín Ferrand e Milagros Rey Hombre (a petición do PP); Anxo Guerreiro, José Luis Muruzabal e Rosalía Mera (a petición do PSOE); e Ánxel Casal, Elvira Bao, Manuel María e Marcelino Liste (a petición do BNG).

 

A Avenida de Fisterra CC-BY-SA Praza Pública
Rúa Río Xallas CC-BY-SA Praza Pública
Avenida de Arteixo CC-BY-SA Praza Pública
Rúa Noia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.