A AGAL aproba a confluencia das normativas reintegracionistas nunha única norma

Xuntanza da asemblea da AGAL en Pontevedra © AGAL

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) aprobou o pasado sábado en asemblea e por unanimidade a confluencia das dúas normativas que coexisten no reintegracionismo desde sempre para optar desde xa por unha única proposta ortográfica e morfolóxica. Esta unificación das dúas tradicións normativas dan lugar á denominada, provisionalmente, Ortografia Galega Moderna convergente com o português no mundo

A AGAL aproba a confluencia das dúas normativas do reintegracionismo e optar por unha única proposta ortográfica e morfolóxica

A nova normativa, tal e como anuncia a AGAL, vai ser lanzada nunha aplicación para móbil e tamén nunha wiki-faq onde xa hai unha primeira versión que será tamén editada nun libro con exercicios prácticos o vindeiro mes de xaneiro. 

Como lembra a AGAL, "desde o nascimento do movimento reintegracionista contemporáneo, conviviam nele duas sensibilidades, com usos gráficos mais ou menos convergentes com o português no mundo". Usábanse, xa que logo, dúas normas independentes con diferenzas, as principais delas entre o uso de diferentes formas para o indefinido feminino (uma / umha) e tamén para a terminación pronunciada en Galicia -om / -am que nunha das normativas escríbese con til (ão) e na outra sen el (om / am).

A confluencia supón unha ampliación das vellas normas da AGAL, incluíndo as "duplicidades justificadas nos usos conscientes das pessoas reintegracionistas"

Na práctica, a confluencia normativa supón unha ampliación das vellas normas da AGAL, que deste xeito "passam a incluir mais algumhas duplicidades, aquelas que estám justificadas nos usos conscientes das pessoas reintegracionistas". Con todo, relegaranse algúns trazos gráficos "que nom se justificam no uso atual do reintegracionismo", tales como o ç no inicio de palabra ou a forma irmám acabada en -am. 

A AGAL advirte que este proceso é "em certo modo paralelo" ao que se deu na normativa ILG-RAG do galego en 2003 e na que tamén conviven as terminacións ble-bel ou eria-aria. A Associacçom recoñece que a normativa "deve acompanhar a realidade, admitindo os usos reais, porquanto era evidente que cada vez mais reintegracionistas faziam uso de formas que nom recolhia a norma da AGAL agora ampliada".

As pequenas diferenzas serán agora esquecidas e divulgarase un novo texto normativo de carácter orientativo que segue a tradición doutras linguas que, como no caso de inglés, "nom contam com normas prescritivas (apenas descritivas)" e si "com duplicidades que só o uso das pessoas irá resolvendo".

A nova normativa pretende "reivindicar o reconhecimento da prática reintegracionista polos organismos públicos, assumindo que o que este documento contém é tanto português como galego"

Nas aclaracións previas desa nova proposta ortográfica da AGAL xa se especifica que a normativa debe dar cabida "a todos os usos conscientes das pessoas que se exprimem na ortografia essencialmente comum do galego-português, independentemente de que uns poucos traços sejam mais ou menos convergentes com as normas afro-luso-brasileiras". 

Ademais, insístese en que a nova proposta "deve servir de alicerce para o espalhamento da ortografia comum galego-portuguesa e para criar ferramentas pedagógicas e tecnológicas que facilitem o uso da língua escrita". E tamén "para reivindicar o reconhecimento da prática reintegracionista polos organismos públicos, assumindo que o que este documento contém é tanto português como galego". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.