"Os problemas da sociedade son problemas políticos e é na política onde os debemos solucionar"

A Coordinadora agrupa 45 organizacións galegas © CONGD

A Coordinadora Galega de ONGD celebra neste 2016 o seu 25 aniversario. A entidade naceu o 1 de xuño de 1991 en Compostela, froito do impulso de dúas organizacións xa desaparecidas, Comisión Galega pro-Amazonia e Estudantes Solidarios. Dende entón a plataforma que agrupa as asociacións que en Galicia traballan en cooperación internacional e axuda ao desenvolvemento foi crecendo, ata dar cobertura a 45 entidades, a maioría galegas, ademais de delegacións de organizacións de ámbito estatal ou internacional. Entre todas representan unhas 43 mil socias e socios.

Para conmemorar este 25 aniversario a Coordinadora publicou este luns unha curta documental, Inconformistas: 25 anos de andaina solidaria, producida por Agareso e que percorre a historia da entidade. Dende uns inicios modestos, nos que a cooperación internacional estaba fóra das axendas das administracións e da maior parte de forzas políticas, ata unha época máis propicia, coincidindo coa primeira década deste século, na que o apoio institucional acadou o seu punto máximo, coa sinatura do Pacto Galego de Loita contra a Pobreza ou cos Orzamentos da Xunta de 2009, que lle dedicaban o 0,1% do total a proxectos de cooperación. Despois, os recortes limitaron moito estas achegas, obrigando a moitas ONGs a reformular o seu funcionamento. Falamos con María Paz, actual Vicepresidenta da Coordinadora, en representación de Solidariedade Internacional

Como cambiou o traballo en cooperación exterior en Galicia dende ese ano 1991?

Nas orixes entendíase a cooperación como un acto de caridade, asistencialista, que tiña como obxectivo último mellorar as condicións de vida das persoas dos países pobres, pero sen incidir directamente nas causas. Eran políticas paliativas que non cuestionaban os modelos políticos que estaban alimentando esas situacións e perpetuando esa pobreza. Así nos vía moita xente, pero o certo é que dentro das nosas propias organizacións tamén había en parte esta concepción. Ademais, era un momento en que na política galega non se concibía a cooperación como algo propio dunha administración autonómica ou local. Todo iso estaba máis vinculado a ministerios de asuntos exteriores ou a organizacións supranacionais. Tivemos que facer pedagoxía e un exercicio de reivindicación de que todos os gobernos de todos os niveis se implicasen na loita contra a pobreza e a desigualdade

Todo iso mudou no cambio de século? 

O paso do tempo foi demostrando que esa maneira de intervir non era eficaz. É certo que se melloran as condicións, pero non se alteran as causas que xeran os problemas. Comezamos a apostar por un desenvolvemento no que as sociedades empobrecidas sexan as verdadeiras protagonistas dun cambio que nós as organizacións poderemos apoiar e acompañar tecnicamente e con recursos económicos pero cunha relación moito máis horizontal, de recoñecemento das capacidades de calquera pobo de procurar o seu propio desenvolvemento e da nosa capacidade para afondar nas causas. De afondar politicamente nas solucións a eses problemas.

"Comezamos a apostar por un desenvolvemento no que as sociedades empobrecidas sexan as verdadeiras protagonistas dun cambio que nós poderemos apoiar e acompañar tecnicamente e con recursos económicos pero cunha relación moito máis horizontal"

Créase unha Dirección Xeral de Cooperación, apróbase o primeiro Plan Director de Cooperación, en 2009 os orzamentos da Xunta para proxectos de axuda ao desenvolvemento chegan ao seu máximo, asínase o Pacto Galego contra a Pobreza... A finais desa década viviuse o mellor momento?

Todo iso supuxo un gran revulsivo para as organizacións, impulsamos os proxectos máis grandes ata entón. Foi un bo momento polas capacidades que lles permitía ter ás entidades, que xestionabamos o 80% dos recursos da cooperación pública galega, a Xunta achegaba uns 12 millóns de euros, case tres veces máis que agora... Porén, foi tamén o tempo no que a xestión de todo isto, de toda esa burocracia, nos retirou das rúas e nos afastou da sociedade, para moitas persoas convertémonos en simples xestores de subvencións.

Despois chegaron a crise e os recortes, que vos afectaron moi especialmente a vós... Como actuou nese momento a Coordinadora?

Os recortes en 2010, 2011 e 2012 chegan a sumar o 64% da dos fondos que xestionabamos en 2009. Todo iso implicou a desaparición de organizacións e o peche de delegacións de organizacións con sede noutros lugares e supuxo unha diminución moi grande de recursos humanos. Tivemos que facer da necesidade virtude, e animounos máis a xuntarnos e a reivindicar de maneira colectiva o que estaba a suceder. Creo que nese momento a Coordinadora xogou un papel fundamental para que os recortes se conxelasen a partir de 2012, e facendo tamén incidencia política a nivel parlamentario e a nivel local, para que Galicia seguise contribuíndo de forma pública á loita contra a pobreza.

"Tivemos que facer da necesidade virtude, e animounos máis a xuntarnos e a reivindicar de maneira colectiva o que estaba a suceder"

Decote reividicades que as ONGD non só realizades un traballo no exterior, sobre o terreo, senón que é fundamental a vosa actividade en Galicia...

Nestes últimos anos o funcionamento das organizacións mudou moito: mantemos a nosa presenza sobre o terreo, incrementando a nosa relación cos nosos socios locais, pero agora o rol fundamental xogámolo nas nosas sociedades. Os problemas que nos afectan a todos e a todas, os problemas da sociedade, son problemas fundamentalmente políticos e é na política onde os debemos solucionar, nunha política cada vez máis globalizada, na que a nosa participación é fundamental. Moitos dos problemas que agora están afectando ao Estado Español xa os vimos nos anos setenta en países de América Latina. De igual xeito, a perda de dereitos das mulleres afrontámolos día a día en moitos países. As loitas son as mesmas, só cambia o contexto no que esas loitas se desenvolven. Visibilizar estes problemas e as súas causas e poñer a disposición da sociedade as posibles solucións é tamén unha función das nosas entidades.

"Moitos dos problemas que están afectando ao Estado Español xa os vimos en países de América Latina. De igual xeito, a perda de dereitos das mulleres afrontámolos día a día en moitos países. As loitas son as mesmas, só cambia o contexto"

Como respondedes a algunhas críticas, habituais, que moitas persoas lles fan ás ONG, como 'isto non serve para nada' ou 'para que loitar contra a pobreza noutros países cando hai pobres aquí'?

Aquela persoa que polo que sexa non quere colaborar e participar na transformación social busca a xustificación á súa decisión onde pode. Moitas veces esa xustificación atópaa no 'total os cartos non chegan alí' ou en 'total isto non vai cambiar nada'. Esta pasividade é completamente perversa, porque é a que contribúe a que se poñan en marcha políticas que nos afectan de maneira terrible. O de 'para que marchades axudar a persoas a outros lugares cando aquí hai xente que o pasa mal?' é quizais un tema máis complexo: explicar por que é importante axudar a unha persoa que o está pasar mal, por moi lonxe que estea. Pero ás veces é máis fácil que por unha cuestión de solidariedade o entenda un cidadán que un político. E nós neste aspecto queremos centrarnos nos políticos: que non sexan precisamente os nosos representantes os que apoien este discurso e o empreguen para xustificar decisións que son moi inxustas.

"Esta reacción visceral e humana [ante unha catástrofe] é positiva e non debemos quitarlle importancia. Quédanos dar ese outro pasiño que ten que ver coa racionalización diso"

Dende as organizacións percibides os altos e baixos no interese que a xente ten por determinadas catástrofes en determinados momentos, moitas veces en función do interese neles dos grandes medios de comunicacións? Como o valorades?

É necesario recoñecer e non menosprezar o positivo que ten que a xente responda dunha maneira emocional ante catástrofes mediáticas, cando aparece un neno morto na praia ou cando un terremoto leva un país por diante. Esta reacción visceral, humana, é positiva e non debemos quitarlle importancia. Quédanos dar ese outro pasiño que ten que ver coa racionalización diso. Cando doamos cartos ante unha catástrofe, estamos exercendo unha solidariedade curtopracista e debemos ser quen de ir un paso máis aló, que ten que ver co compromiso político. Os problemas do mundo soluciónanse politicamente e temos que conseguir estimular a participación política da cidadanía para que as transformacións sociais teñan máis calado.

"É necesario un optimismo polo cambio. Se non cremos que o que facemos ou o que queremos conseguir é posible, nunca seremos quen sequera de intentalo"

Dende o 2013 a Xunta deixou de recortar o financiamento, e manteno practicamente conxelado, con pequenas subas. Como analizades a situación actual?

É certo que a situación mellorou algo, xa non se recorta máis en cooperación, pero non podemos baixar a garda. As ONGs seguimos reivindicando unha política pública galega de cooperación de calidade. E a calidade implica recursos e financiamento. Seguimos reivindicando o 0,7% e lembramos que hoxe Galicia está no 0,06%. Dende a Coordinadora imos seguir traballando para elevar a nosa voz ante as distintas administracións, tendo en conta que representamos a 46 organizacións que agrupan a 43.000 persoas socias en Galicia, que apostan pola loita contra a desigualdade e a pobreza no mundo. Para calquera persoa ou colectivo que queira mudar as cousas é necesario ter un optimismo polo cambio. Se non cremos que o que facemos ou o que queremos conseguir é posible, nunca seremos quen sequera de intentalo. Optimismo, polo tanto, porque entre todos e todas as cousas pódense facer.

A Coordinadora Galega de ONGD celebrou neste 2016 o seu 25 aniversario © CONGD
María Paz é vicepresidenta da Coordinadora, en representación de Solidariedade Internacional de Galicia © CONGD

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.