A Coruña retirará a vidreira franquista que aínda preside María Pita

A vidreira que será substituída, co símbolo franquista no centro © http://vidrierasgalicia.es/

O Concello da Coruña retirará en 2017 a vidreira situada na entrada do pazo municipal de María Pita e na que aínda se pode ver unha águia franquista. Así o asegurou este domingo o alcalde, Xulio Ferreiro, nunha entrevista en Radio Coruña-Cadena Ser. A substitución custará ao redor de 60 mil euros e servirá para cumprir o fixado na Lei de Memoria Histórica, que impón a eliminación de toda simboloxía de exaltación á ditadura.

En 2009 xa se debateu a retirada deste escudo, pero daquela o Goberno municipal liderado polo socialista Javier Losada optou por mantelo como unha "peza de museo inserta no edificio municipal", ao non acandarse un "consenso" entre o comité de expertos que asesoraba o Executivo.

A eliminación deste símbolo franquista recorda necesariamente o sucedido hai uns meses no instituto Lucus Augusti da capital lucense, onde se acadou o consenso de todas as forzas políticas para a retirada de dous escudos do réxime, moi visibles, presentes na fachada do edificio e nunha gran vidreira que ocupaba o teito da entrada ao inmoble.

Nesa mesma entrevista, Xulio Ferreiro anunciou outros avances no cumprimento da lei, coma o cambio de denominación da rúa Cabo Santiago Gómez, que pasará a chamarse Orquesta Sinfónica de Galicia. Haberá outros cambios, segundo adianta La Opinión, entre os que está a retirada dun retrato de Primo de Rivera que aínda ocupa as paredes da Casa do Concello.

 

A vidreira que será substituída, co símbolo franquista no centro © http://vidrierasgalicia.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.