Unha enquisa a dúas mil persoas afondará no acoso sexual na Universidade de Vigo

María Lameiras, Yolanda Rodríguez e María Victoria Carrera, directoras do estudo © Universidade de Vigo

O Grupo de Investigación en Sexualidade, Xénero e Saúde da Universidade de Vigo levará a cabo un detallado estudo sobre o acoso sexual, por razón de sexo e orientación sexual entre a comunidade universitaria co obxectivo último de previr e erradicar estes comportamentos na institución académica. A investigación, encargada pola Unidade de Igualdade da institución, abrangue a realización de enquisas a dúas mil persoas -1650 estudantes, 350 membros do colectivo de persoal docente e investigador e 300 do de persoal de administración e servizos-.

“O acoso sexual, por razón de sexo e orientación sexual é unha realidade da que lamentablemente se fala pouco pero que está moi presente, pois vivimos nunha sociedade sexista, homófoba e discriminatoria e a universidade non deixa de ser parte desa sociedade”

“O acoso sexual, por razón de sexo e orientación sexual é unha realidade da que lamentablemente se fala pouco pero que está moi presente, pois vivimos nunha sociedade sexista, homófoba e discriminatoria e a universidade non deixa de ser parte desa sociedade”, destaca María Lameiras, directora do estudo xunto a Yolanda Rodríguez e María Victoria Carrera. Lameiras explica que moitas veces as institucións (coma as propias universidades) rexeitan falar deste asunto ou evitan investigar se se produce no seu interior: "en xeral non queren falar del porque consideran que facelo réstalles prestixio”. Porén, engade, “non hai nada máis prestixioso que deixar claro que este tema lle importa á Universidade e que quere combatelo”.

Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade, subliña neste senso que a Universidade de Vigo “aposta por enfrontarse a este tipo de violencias e afianza o seu compromiso de tolerancia cero con calquera tipo de acoso baseado no sexo ou xénero". Penín comenta que no ámbito universitario “reprodúcense os mesmos comportamentos que no resto da sociedade, non somos lugares illados, impermeables ás situacións de acoso e violencia”. De aí a necesidade de levar a cabo esta investigación, unha "avaliación-diagnose da situación a partir da que poder establecer a folla de ruta que permita deseñar as estratexias de detección, prevención e intervención máis axeitadas".

"Quérese deseñar e publicar un manual de boas prácticas para toda a comunidade universitaria, así coma unha proposta de estratexias e actuacións a desenvolver cos tres colectivos encamiñadas a súa sensibilización/formación neste tema"

O estudo quere coñecer polo miúdo a realidade destas situacións entre a comunidade universitaria, determinar as súas percepcións e crenzas sobre estes comportamentos, identificar as súas actitudes fronte a eles e determinar o coñecemento, así como a percepción das fortalezas e debilidades, que estes colectivos teñen das normativas, protocolos e recursos dispoñibles neste eido. Tamén se quere deseñar e publicar un manual de boas prácticas para toda a comunidade universitaria, así coma unha proposta de estratexias e actuacións a desenvolver cos tres colectivos encamiñadas a súa sensibilización/formación neste tema.

O cuestionario será anónimo e confidencial, pedíndose aos centros a súa colaboración na iniciativa e aos e ás participantes que respondan "con sinceridade e tendo en conta que non hai respostas correctas e incorrectas, que o que interesa é que manifesten o que pensan sobre este tema". Na enquisa pregúntase se algunha vez sufriron na Universidade acoso sexual (que inclúe calquera comportamento, verbal ou físico, de natureza sexual que teña o propósito ou produza o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa) ou agresión sexual (considérase como tal comportamentos que, mediante violencia ou intimidación na súa realización e sen que exista un previo consentimento da vítima, atentan contra a liberdade sexual desta). Na batería de preguntas terán que responder a cuestións diversas, desde se os e as tocaron algunha vez de forma non desexada ata se foron tratados ou tratadas de forma negativa por non ser “o suficientemente masculino” ou “o suficientemente feminina”. 

Na batería de preguntas terán que responder a cuestións diversas, desde se os/as tocaron algunha vez de forma non desexada ata se foron tratados/as de forma negativa por non ser “o suficientemente masculino” ou “o suficientemente feminina”

En decembro de 2014 a Universidade de Vigo aprobou un Protocolo marco de actuación para a prevención e sanción do acoso sexual e por razón de sexo. Este protocolo inclúe unha declaración de principios, explicita o marco normativo e fixa uns determinados compromisos por parte da institución, tanto na realización de campañas, cursos e actividades de sensibilización coma á adopción doutras medidas para previr estas prácticas. De igual xeito, establece unha serie de órganos competentes para a aplicación deste protocolo (a Comisión contra o Acoso Sexual e por Razón de Sexo da Universidade de Vigo). Finalmente, define os procedementos á seguir á hora de presentar unha denuncia e a maneira de actuar da institución ante elas.

En 2015 denunciáronse en Galicia 54 agresións sexuais con penetración, sete máis que as 47 que se rexistraran en 2014

Segundo un informe realizado pola Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea, cando menos un 6% das mulleres residentes en España de entre 18 e 74 anos viviu algún suceso de violencia sexual despois dos 15 anos. Datos recentes do Anuario estatístico do Ministerio do Interior indican que en 2015 denunciáronse en Galicia 54 agresións sexuais con penetración, sete máis que as 47 que se rexistraran en 2014. Tamén se incrementou en Galicia a frecuencia doutros delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual, que inclúen outro tipo de agresións e abusos sexuais sen penetración e acoso sexual. Con todo, o acoso sexual vai moito máis aló das violacións e das agresións físicas. E, ademais, en moitas ocasións non se denuncian.

 

María Lameiras, Yolanda Rodríguez e María Victoria Carrera, directoras do estudo © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.