A vidreira franquista da Coruña (e a súa polémica) ten os días contados

Escudo franquista na vidreira do pazo de María Pita © Marea Atlántica

Hai agora unha semana, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, anunciaba que o goberno local restauraría a vidreira que cobre a entrada do pazo municipal de María Pita para retirar así o escudo franquista que nela permanece e cumprir así coa Lei de Memoria Histórica. Para estas obras, o proxecto de orzamentos da Marea Atlántica reserva unha partida de algo máis de 60.000 euros, unha cantidade que lle parece excesiva ao PP, que xa pediu que non se suprimira o símbolo do réxime fascista e mesmo que se "devolvesen" eses cartos ás "entidades sociais".

O PP non quere que se retire o escudo franquista da vidreira e pide que os 60.000 euros da obra "se devolvan ás entidades sociais"

Co apoio do BNG -e co silencio do PSOE-, a Marea Atlántica xa advertiu de que o proxecto seguirá adiante, mentres o PP volve negarse á retirada dun símbolo franquista, como xa fixera noutras ocasións desde que o goberno local apostase por mudar o rueiro que mantiña alusións ao fascismo ou como cando en 2010 amosou o seu rexeitamento á retirada da estatua de Millán Astray da actual praza das Atochas. 

Nesta ocasión, a portavoz municipal dos populares, Rosa Gallego, alude a unha maioría do comité de expertos que asesorara ao goberno de PSOE e BNG e a unha "decisión xa acordada" de non retirar a vidreira. Manuel Monge, quen fora presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e membro daquela comisión, acusa o PP dunha "manipulación total" daqueles feitos de 2009 e "mesmo do que di o informe".

Os populares aluden a unha decisión do comité de expertos, en cuxo informe de 2009 houbo un empate entre os que optaban pola retirada e os que non

"Nunha primeira reunión, un dos membros do comité pediu poder reflexionar máis a súa decisión final e na seguinte convocatoria toma posición pola retirada e prodúcese un empate", lembra Monge. Ante a imposibilidade de chegar a un acordo, o goberno daquela decide manter a vidreira como unha "peza de museo inserida no edificio municipal". Agora, a Marea Atlántica aposta pola retirada do símbolo fascista, en cumprimento co prometido no seu programa electoral coa Lei de Memoria Histórica, o último escudo do réxime franquista que queda na sede do Concello e de entre os edificios públicos da cidade. 

A vidreira, que será restaurada para eliminar a simboloxía preconstitucional, non é orixinal do edificio municipal. Colocouse máis tarde para cubrir o que en orixe era un patio aberto e onde tamén se construíu unha nova escaleira, exclusiva para que o ditador Francisco Franco non empregase a que era común dos empregados e visitantes do pazo. 

Para Manuel Monge, a polémica sobre a vidreira é excesiva porque "a parte que se ten que retirar é unha superficie mínima comparada co conxunto, unha ducia de pezas dunha obra total con máis dun cento". E propón non só que non sexa destruída, senón que "sexa incorporada a un futuro museo da cidade, xunto ao resto de simboloxía franquista que se foi retirando". Para o que fora membro da comisión de expertos, o uso que o PP fai do gasto previsto na retirada é "pura demagoxia" e lembra que na Academia Militar de Toleda, e contra a opinión dos cargos militares, o Goberno de Zapatero retirou unha vidreira enteira que mantiña símbolos fascistas. "Custou 240.000 euros e o conxunto foi enviado ao museo nacional do vidro", lembra. 

Monge cualifica de "pura demagoxia" a actitude do PP: "sempre estiveron en contra da retirada de símbolos franquistas"

O PP coruñés advirte que cons 60.000 euros destinados á vidreira poderíanse dar "20.000 comidas na Cociña Económica". Monge responde que con outro exercicio semellante, e pídelle á voceira popular no Concello que "pense nos programas especiais de armamento de Defensa". "Co dedicado a 168 avións de combate EF200, poderíase dar 10.000 comidas diarias durante máis de cen anos", retruca. 

"O PP da Coruña trata de agochar, usando un informe da comisión de expertos e o tema da vidreira, que sempre estiveron en contra da retirada de símbolos franquistas; opuxéronse a que se mudase o nome do hospital Juan Canalejo ou contra a retirada da estatua de Millán Astray e cualificaron a comisión de expertos de 'sainete e bufonada", lembra Monge, que se pregunta por que a formación conservadora mantén na cidade da Coruña "cargos e membros nostálxicos do franquismo que van mesmo en contra do proceder do seu partido noutras localidades ou ámbitos". 

"O PP foi convidado á inauguración do monumento á memoria dos asasinados polo fascismo e foi o único grupo municipal que non asistitiu, ao igual que á condena por parte do pleno do golpe militar", engade Monge, que tamén fora concelleiro na Coruña, e que considera que a formación local "mantense  na reserva espiritual do franquismo". "Mesmo o Parlamento galego convidou nunha declaración a retirar a simboloxía fascista, pero eles opóñense", remata. 

Vidreira no pazo municipal de María Pita © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.