Xornada de mobilización contra a pobreza enerxética e os abusos das eléctricas

Mobilización contra a pobreza enerxética © ODS Coia

Coincidindo co comezo do inverno, este mércores cidades e vilas de toda España acollen manifestacións contra a pobreza enerxética e os abusos das eléctricas que, entre outras medidas pedirán a regulación dos prezos, unha tarifa social e unha auditoria ás principais empresas do sistema. Tamén a fin dos cortes de subministro, unha medida que podería estar moi preto, se se confirma o principio de acordo ao que este mércores chegaron PP e PSOE.

En Galicia as mobilizacións terán lugar en Ferrol (19 horas, Praza Amada García), Compostela (20 horas, Praza de Galicia), Ourense (20 horas, Praza Maior) e Vigo (20 horas, Vía Norte)

En Galicia as mobilizacións terán lugar en Ferrol (19 horas, Praza Amada García), Compostela (20 horas, Praza de Galicia), Ourense (20 horas, Praza Maior) e Vigo (20 horas, Vía Norte). As entidades convocantes denuncian que a pobreza enerxética, que en Galicia afecta a entre 65 mil e 110 mil fogares, está provocada por un entramando político-legal que na última década beneficiou ás grandes compañías eléctricas españolas, que nos últimos anos sumaron máis de 58.000 millóns de euros de beneficios "a costa de vulnerar un dereito fundamental das persoas, o acceso a un ben esencial como é a electricidade".

Demandan que se prohiban legalmente os cortes de luz ás familias con problemas económicos, que se poña fin "aos abusos tarifarios" co "establecemento de prezos alcanzables e accesibles regulados polo Goberno", que se cree unha nova tarifa social de carácter reducido asumida polas eléctricas, que as grandes compañías eléctricas devolvan "os 3.500 millóns de euros cobrados indebidamente", que se promova unha "exhaustiva auditoria ao sistema eléctrico" e "unha profunda reforma do tratamento fiscal mediante a aplicación do IVE superreducido, 4%, en tanto se trata dun ben esencial e básico para a cidadanía".

Ademais da fin dos cortes de subministro, demándase a regulación dos prezos, unha tarifa social e unha auditoria ás principais empresas do sistema

As organizacións convocantes fan un chamamento a acompañar estas manifestacións cun apagamento eléctrico de 19:00 a 20:00 horas deste mércores 21 de decembro. Estenden especialmente este chamamento "a concellos e institucións públicas" co fin de que "fagan visible este compromiso apagando a iluminación de edificios públicos, monumentos e espazos emblemáticos así como a iluminación do Nadal".

 

Principio de acordo de Goberno e PSOE

Este mesmo mércores Goberno e PSOE anunciaron un acordo para modificar a Lei do sector eléctrico r prohibir por lei os cortes de subministro de luz a persoas en situación de vulnerabilidade. O ministro de Enerxía, Alvaro Nadal, non quixo poñerlle á entrada en vigor destas medidas, pero estimou que necesitará ao redor de tres meses para que pase por ditames de comisións e polo Consello de Estado, ademais de ser negociado coas autoridades comunitarias.

O acordo foi criticado por Unidos Podemos, que o cualificou de "chanchullo", criticando que "está baleiro de contido". A formación lembrou que xa o pasado 29 de novembro o Congreso aprobou por ampla maioría (tan só o PP votou en contra) unha moción para prohibir os cortes de subministro eléctrico.

 

Mobilización contra a pobreza enerxética © ODS Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.