O PP négase a que Almuíña compareza no Parlamento polas novas imputacións no caso da hepatite C

Doentes de hepatite protestan no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Toda a oposición pide -e pedirá oficialmente- que Núñez Feijóo ou o conselleiro de Sanidade comparezan para dar explicacións tras a imputación por un posible delito de homicidio imprudente dos dous altos cargos do Sergas por, presuntamente, ter atrasado a prescrición de medicamentos contra a hepatite C por razóns económicas. O xiro xudicial ao caso provocado polo auto da Audiencia Provincial supón que o actual xerente da área sanitaria de Vigo e ex-director xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, e Carolina Gómez-Criado, subdirectora xeral de Farmacia, afronten penas de entre 1 e 4 anos de cadea e inhabilitación para cargo público e profesional. 

Os dous altos cargos do Sergas afrontan penas de entre 1 e 4 anos de cade a inhabilitación para cargo público e profesional

Con todo, nin o presidente da Xunta nin Vázquez Almuíña, titular de Sanidade, dixeron nada desde que o pasado venres se coñecese o auto que amplía a imputación dos dous cargos do Sergas de prevaricación administrativa a homicidio logo de que seis doentes de hepatite C falecesen por, presuntamente, non térselle administrado a tempo a medicación que os podía curar por razóns orzamentarias.

Mesmo o BNG cre que habería marxe legal para convocar a comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade no pleno do martes desta mesma semana, unha opción que sería vetada polo PP, tal e como advertiu o seu voceiro parlamentario. Pedro Puy cre que non hai motivo para que Almuíña se explique na Cámara e considera que "o que cómpre é esperar á resolución xudicial". Ademais, asegura que "as cifras desementen que se aplicasen criterios económicos e non médicos" á hora de dispensar os medicamentos. "1.000 millóns duntotal de 9.000 no ámbito sanitario foron destinados a gasto farmacéutico", lembra. 

O PP nega a comparecencia urxente de Almuíña, cre que non hai motivo para que se exlique e prefire "esperar á resolución xudicial"

A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, no entanto, insiste en que si se podería convocar o conselleiro de maneira urxente para que fale xa no Parlamento e insta o Goberno galego a "asumir responsabilidades políticas e ser máis sensible". "Detrás desta demana están as persoas afectadas polos recortes pero a Xunta amosa a súa insensibilidade desde o punto de vista social", engade quen pide a Feijóo que aclare se coñecía a forma de proceder dos responsables do Sergas no caso da hepatite C.  

Xa antes, toda a oposición saíra conxuntamente a reclamar explicacións e pedir comparecencias parlamentarias. Desde En Marea, o seu portavoz Luís Villares pedía a comparecencia de Almuíña ou do presidente da Xunta como algo "imprescindible" e "urxente", ao igual que desde o PSdeG. O seu voceiro de Sanidade no Parlamento, Julio Torrado reclamou “explicacións públicas urxentes” e a “depuración de responsabilidades políticas” tras un caso que ambos cualifican de "gravísimo". "Xa é tarde", engadiu. No BNG, a voceira de Sanidade na Cámara, Montse Prado, afondou na mesma liña, pedindo que Feijóo ou Almuiña comparezan xa.  

En Marea e BNG piden o "cesamento inmediato" de Rubial Gómez-Criado

En canto á situación dos dous altos cargos imputados agora tamén por homicidio, tanto En Marea como BNG son moi claros ao esixir o seu "cesamento inmediato". Para Luís Villares, parece evidente que "a sociedade non pode confiar en persoas que están a ser investigadas por incumprir deberes profesionais tan básicos, por non priorizar a saúde da xente". Mentres, Montse Prado lembra que tanto Rubial como Gómez-Criado "seguen a ser cargos de confianza do presidente da Xunta", polo que non só deben ser destituídos senón que a responsabilidade debe caer tamén no xefe do Executivo. 

Desde o PSdeG, no entanto, non reclaman aínda a destitución dos dous altos cargos, pero lembran que o xiro xudicial “supón consecuencias políticas inapelables e inaprazables” logo da “sospeita fundada” dun atraso deliberado dun tratamento por razóns de aforro orzamentario que podería ter suposto o falecemento de varios pacientes. Ademais, advirten que esta situación está a provocar unha quebra da confianza da cidadanía nos responsables da sanidade pública que debe ser restaurada de inmediato.

Alén disto, En Marea vincula con claridade a situación cos "continuos recortes orzamentarios en Sanidade impostos polo PP", que "están a provocar unha situación intolerable na que a vulneración de dereitos fundamentais como o dereito á saúde e os propios dereitos humanos están a ser vulnerados desde a propia Administración pública". 

O Bloque cre que Feijóo é "o responsable máximo" por premitir esas políticas sanitarias e "ratificarse no feito"

Montse Prado, do Bloque, responsabiliza directamente a Feijóo por priorizar criterios económicos nas súas políticas sanitarias. "O responsable máximo é el porque, ademais de permitilo, ratificouse no feito", engade. 

 

Feijóo vía a denuncia un "disparate" e un "insulto"

Para a Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C (PAHC), a virada xudicial "esixe" que "dúas persoas ás que se atribúe xudicialmente a comisión de delitos graves sexan inmediatamente apartadas dos seus cargos", toda vez que "o argumento ao que o presidente da Xunta se aferraba ten sido, tamén, rebatido". Quique Costas, voceiro do colectivo, considera que a nova imputación "ratifica" o que sempre denunciou o colectivo: "que os recortes matan e que estas mortes foron inducidas pola Administración".

Feijóo cualificara de "indignas", "disparate" ou "insulto" as denuncias dos médicos e as acusacións da Fiscalía

Tanto a PAHC como a oposición recriminan a Núñez Feijóo as súas duras palabras tanto contra as denuncias como contra os médicos que as impulsaron, cualificándoos de "indignos". Desde a Xunta, tanto o presidente como Sanidade defenderon que "sempre" se usaron criterios clínicos para a atención de pacientes.

O propio xefe do Executivo fora moi duro e mesmo cualificara de de "insidias" as acusacións de que a decisión de non aprobar tratamentos provocara o falecemento de pacientes. Atribuía as demandas a "leas que hai nos hospitais entre servizos e nos mesmos servizos" e mesmo fora máis aló ao atribuír á oposición as acusacións da Fiscalía e cualifícalas de "disparate" e "insulto" mentres se gababa de "pagar" os tratamentos. "Por dous ou tres pacientes, non me parece lóxico relacionar esas denuncias coa austeridade", sentenciara. Desde o venres, Feijóo mantén o silencio sobre o xiro que vén de dar o caso. 

Almuíña, de costas, diante de Feijóo © Xunta
Villares, Leiceaga e Pontón CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.