Alertan de que o abuso tecnolóxico aumenta o risco de ludopatía na mocidade galega

Unha moza atende ao teléfono móbil Dominio Público DariuszSankowski

O abuso tecnolóxico e a facilidade de acceso á Rede incrementan o risco de sufrir ludopatía entre os máis pequenos. Así o advirte Agalure (Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados), que presenta nestes días os resultados dos estudos realizados en diferentes centros de ensino para coñecer a predisposición dos adolescentes á adicción ao xogo. Insisten en que non pretenden crear alarma pero si "advertir dos perigos e da necesidade da prevención". Segundo as investigacións levadas a cabo, case catro de cada dez rapaces están en risco. 

Agalure será a destinataria dos fondos que recade o programa solidario A Radio Conta

A asociación aproveita para difundir os datos e as conclusións dos seus estudos aproveitando que é a protagonista e destinataria dos fondos que se recollan este martes na cuarta edición d'A Radio Conta, iniciativa onde profesionais das sete emisoras de radio da Coruña se unen para realizar un programa conxunto con entrevistas, humor, convidados especiais e música en directo. Será no teatro Rosalía de Castro de 17.30 ás 20 horas e emitirase simultaneamente en Radio Galega, Radio Marca, Onda Cero, Cope, Radio Voz, Radio Coruña-Cadena SER e RNE.

Un estudo en centros de Secundaria consluíu que case catro de cada dez atópanse en risco de padecer ludopatía no futuro

O colectivo celebra charlas en colexios e institutos, lugares onde tamén leva a cabo investigacións para coñecer o risco ao que están sometidos os adolescentes ou as adiccións nas que poden caer. Os datos son moi reveladores. Nun destes estudos, realizado o curso pasado en estudantes de Secundaria da provincia da Coruña, chegouse á conclusión de que o 37,4% dos alumnos atópanse en risco de padecer ludopatía no futuro, aínda que iso non quere dicir que vaian caer. Dos 830 alumnos nos que se centrou o traballo, 314 deu positivo nos test. Noutro realizado na provincia de Lugo, e á falta de cifras definitivas, a porcentaxe sitúase sobre o 30%. 

É o segundo ano que realizan estas investigacións. "Estamos a falar dunha predisposición ao xogo, aos videoxogos ou a nivel xeral", explica Francisco Gil, presidente de Agalure, que aclara que os datos refírense "a aqueles rapaces que teñen risco, pero iso non quere dicir que vaian desenvolver a ludopatía". "Non é que haxa unha problemática pero o que deixamos claro que é importante a prevención e explicarlle á xente nova os riscos que corren", engade. 

De entre os rapaces que foron sometidos ao estudo, o 10% din xogar a apostas deportivas malia estar prohibido para os menores de idade. Dos que dan positivo, responden positivamente a preguntas como se chegan tarde a sitios por estaren xogando ou se deixan de facer labores habituais por centrarse nos xogos.

"Non é que haxa unha problemática nin que todos os que teñan risco vaian caer, pero é importante previr e explicar o que hai" 

Malia non ser aínda o tipo de ludopatía máis habitual, os casos vinculados ás apostas online medran a moita velocidade, especialmente as deportivas e entre persoas moi novas. As adiccións máis habituais son as do xogo, malia habelas tamén por compra compulsiva. O perigo acentúase cando ao problema de ludopatía se lle suman as importantes débedas que se acumulan. É aí cando moitas familias se decatan do que está a ocorrer. 

A facilitade que a Rede ofrece para apostar é unha das causas de que aumente tanto a adicción, que segue a ser liderada polas máquinas comecartos, e que os riscos aumenten entre os máis pequenos. "A tecnoloxía é moi accesible porque os rapaces teñen mobil e acceso a internet constantemente; non podes illar un rapaz pero si establecer medidas de control parental ou facer un seguimento... Non se lles pode dar carta libre", explica Gil, que pon exemplos de casos extremos: un rapaz de 19 anos que chegou a Agalure con seus pais e acumulaba unha débeda de 100.000 euros ou outro de tan só 11 que gastou 4.000 euros a través de xogos no teléfono móbil. 

A accesibilidade á Rede desde moi novos aumenta o risco de caer en adiccións ao xogo: "Non se pode illar o rapaz pero si controlar"

Son extremos, pero existen. Agalure atende unhas 120 persoas cada ano e a media de débeda de cada un deles supera os 14.000 euros. Ao facer balance de 2016, a débeda conxunta das persoas a tratamento no colectivo é de case 2 millóns de euros. A media de idade dos atendidos é de case 35 anos e o 56% chegan á asociación pola súa adicción a máquinas recreativas, o 36% a apostas deportivos, o 25% a xogos como a lotería, o 21% a xogo online e o 14% por compras compulsivas. 

"Partamos dunha base: o xogo en España é legal e nós non estamos en contra da súa legalidade nin das apostas, que sería o máis perigoso, nin de calquera tipo de xogo, pero debe haber prevención", insiste Francisco Gil, que lembra que "calquera anuncio reflicte as cantidades que podes gañar ou destaca que che regalan cartos para que comeces a apostar". "A unha persoa non formada todas estas mensaxes poden levala a equívocos", advirte. 

Agalure atende uns 120 persoas ao ano e a débeda conxunta de todos eles polo xogo alcanza case os 2 millóns de euros

En Agalure, o 97% das persoas que se tratan son rehabilitadas e o risco de reincidencia sitúase entre un 20 e un 25%. No conxunto do Estado, o 4,4% da poboación está en risco de ser ludópata, unha porcentaxe semellante á que se daría en Galicia. O colectivo dedicará os fondos que se acaden n'A Radio Conta en conseguir un local -agora compárteo con outras asociacións- e en seguir co programa co que imparten charlas en colexios e institutos. E o seu presidente insiste: "Non é cuestión de alarmar, senón de que a xente saiba o que hai e o que pode pasar de non andar con coidado". 

O programa A Radio Conta terá lugar entre as 17.30 e as 20 horas, e a entrada ao teatro Rosalía de Castro será libre e con doazón voluntaria. A iniciativa tamén promove colaboracións a través dunha fila cero. Así, as achegas solidarias poderanse facer a través do número de conta da propia Agalure: ES67 2100 5827 0002 0004 5904.

Presentación d'A Radio Conta no Concello da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.