A Autoridade Portuaria da Coruña recibe carbón por "vender a cidade"

Activistas de #VéndeseCidade, este venres na sede da Autoridade Portuaria da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

"Hoxe, neste día de agasallos, deixamos carbón na porta da Autoridade Portuaria da Coruña. É o que merecen". Así comeza o manifesto que este venres acompañou a acción do colectivo #VéndeseCidade ante a sede do ente portuario. Alí deixaron nove sacos de carbón, de cinco quilos cada un, como protesta simbólica ante os plans deste órgano público, dependente do Ministerio de Fomento, de privatizar os terreos da Solana, ignorando a oferta realizada polo Concello da Coruña, que busca devolverlle ao espazo un uso público.

A figura do presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, centra as accións (iniciadas o pasado 31 de decembro), personificando nel a acción do ente, cuxo Consello de Administración aprobou hai dúas semanas incumprir o compromiso que acadara antes do verán co Goberno municipal.

A acción rematou coa lectura dun manifesto que, ademais se denunciar o proxecto de privatización, sinalou a "xestión nefasta que arruinou o Porto" levada a cabo por Losada e acusou o ente de "pretender que a cidade pague as súas chapuzas". Lembrouse que os cartos que a Autoridade Portuaria espera obter con esta operación -10 millóns- son só unha parte moi pequena da débeda que arrastra -300 millóns-, xerada polas obras dun Porto Exterior que "ía custar 400 millóns cando xa vai camiño dos 1.000" e que o Estado central se nega a pagar, a pesar de ser un porto de interese xeral e ser, polo tanto, da súa competencia.

Ademais, alertouse de que "primeiro son a Solana e o Finisterre, pero logo van querer vender o resto da fachada marítima: Calvo Sotelo, Batería, San Diego...". As críticas estendéronse ao Partido Popular, "o único que defende a especulación na Solana", subliñándose que "cando gobernaba María Pita, cambiaron o plan urbanístico para permitir a venda que hoxe nos queren colar". O texto péchase dicindo "Queren vender a cidade. Non lles deixemos", e recoñecendo o traballo desenvolvido pola Comisión Aberta en Defensa do Común e outros colectivos.

 

Texto completo do manifesto

Hoxe, neste día de agasallos, deixamos carbón na porta da Autoridade Portuaria da Coruña. É o que merecen

Por xogar a ser unha Autoridade inmobiliaria
Por tentar convencernos de que os cartos son o primeiro
Por unha xestión nefasta que arruinou o Porto
Por dicir que o Porto Exterior ía custar 400 millóns cando xa vai camiño dos 1.000
Por coller un Porto con beneficios e levalo, en seis anos, a ter unha débeda de máis de 300 millóns de euros
Por mentir cando din que a venda da Solana e o Finisterre é para pagar a súa débeda. Vanlle sacar 10 millóns a eses terreos. Deben máis de 300, insistimos. Por ignorar a oferta pública do Concello para recuperar a Solana para a veciñanza e preferir venderlla a unha inmobiliaria.
Por que primeiro son a Solana e o Finisterre, pero logo van querer vender o resto da fachada marítima: Calvo Sotelo, Batería, San Diego...
Por pretender que a cidade pague as súas chapuzas
Por mentireiros. Por dicir hai dous anos que era absurdo pensar na privatización que agora queren levar a cabo.

Un saco extra de carbón vai para o Partido Popular. O único que defende a especulación na Solana. Cando gobernaba María Pita, cambiaron o plan urbanístico para permitir a venda que hoxe nos queren colar.

#VéndeseCidade, barata e con trampas. Xa abonda. A fachada marítima non é súa. É nosa. É daxente da Coruña. Se queren facer negocio con algo, que sexa co Porto Exterior, que é o propio. Teñen só o 10% ocupado e nin Pemex quixo instalarse aí. Iso era outra mentira.

Somos #VéndeseCidade, un grupo artivista que nace para denunciar a especulación co espazo público da Coruña. Queremos sumarnos ao traballo xa feito pola Comisión Aberta en Defensa do Común e outros colectivos cidadáns que levan anos nas rúas.

Queren vender a cidade. Non lles deixemos.

45 quilos de carbón quedaron depositados ante a sede do ente portuario CC-BY-SA Praza Pública
Os e as activistas, ante o edificio CC-BY-SA Praza Pública
Os e as activistas, ante o edificio CC-BY-SA Praza Pública
Ao remate da acción repartiuse o manifesto lido Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.