0 Gardados para despois

'In the same boat', reflexión sobre o futuro do planeta e testamento de Bauman, este venres en Vigo

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Na semana na que nos deixou Zygmunt Bauman chega a Galicia o documental In the same boat, dirixido por Rudy Gnutti e producido por Films 59. O filme reflexiona sobre o presente e o futuro dunha civilización que devora os recursos do planeta e na que os elevados niveis de desemprego ameazan por converterse nunha característica permanente das nosas sociedades. Na película achéganse as visións de Zygmunt Bauman, do ex presidente uruguaio José Mujica ou dos economistas Serge Latouche, Anthony B. Atkinson, Mauro Gallegati, Erik Brynjolfsson e Mariana Mazzucato, que analizan un horizonte marcado pola insuficiencia de recursos e o desenvolvemento tecnolóxico.

O documental estrearase este venres en Vigo (Multicines Norte, 20:10) cunha charla na que participará o seu director, Rudy Gnutti

O documental estrearase este venres en Vigo (Multicines Norte, 20:10) cunha charla na que participará o seu director, Rudy Gnutti. O filme, que permanecerá cando menos unha semana na carteleira dos Norte, podería pasar despois por salas de Compostela, A Coruña e Ferrol, en datas aínda por confirmar. Estreado en Madrid e Barcelona o 18 de novembro, permaneceu cinco semanas en salas comerciais, todo un éxito para un documental.

Na película achéganse as visións de Zygmunt Bauman, do ex presidente uruguaio José Mujica ou dos economistas Serge Latouche, Anthony B. Atkinson, Mauro Gallegati, Erik Brynjolfsson e Mariana Mazzucato

In the same boat está dividido en cinco capítulos. Ademais da reflexión sobre os límites do planeta ("a perspectiva actual é que en trinta anos necesitaremos catro planetas para satisfacer as nosas necesidades. E aínda non sabemos onde imos atopar eses planetas", denuncia Bauman no filme), e da crítica a unha crecente desigualdade nos países desenvolvidos e á -neles- cada vez maior concentración de rendas e riqueza, a película afonda nos efectos de vivir nun planeta globalizado. "A globalización é real e non podemos revertela. E significa que dependemos os uns dous outros: o que pasa nun recuncho do planeta afecta a todos os lugares. E resulta imposible saber cales van ser todas as consecuencias con antelación. E ese é probablemente o impacto máis negativo da globalización, porque xera unha situación de incerteza crónica e a imposibilidade de saber cales serán os efectos das nosas accións", subliña Bauman. 

"Os gobernantes dos países centrais terían que gobernar tres ou catro días para os seus países e dous ou tres días para o mundo", di José Mujica a este respecto, denunciando ademais a falta de dirección política desta globalización: "é a globalización a que nos goberna, nós non a gobernamos a ela". "Está pasando algo moi importante: por vez primeira na historia a idea de Humanidade é real. Xa estamos todos no mesmo barco. Pero o que nos falta son os remos e os motores que poidan levar este barco na dirección correcta", engade Bauman, nunha idea sobre a que xira o propio título do filme.

E, igualmente, o documental analiza a través das achegas dos economistas e filósofos que nel participan o impacto que a tecnoloxía ten na economía, no emprego e na forma en que se organizan as nosas sociedades desenvolvidas. "A tecnoloxía afecta á distribución dos salarios, pero tamén afectou ao balance entre o traballo e o capital", explica Tony Atkinson, eterno candidato ao Nobel de Economía e falecido o pasado 1 de xaneiro, que salienta que os países desenvolvidos xa non son quen de crear empregos como facían, de xeito que os altos niveis de paro poden converterse nunha característica permanente: "O desemprego é un dos maiores retos aos que nos enfrontamos e fálase moi pouco do tema. Creo que, dalgún xeito, a xente acabou por aceptar niveis de desemprego bastante elevados. Deixamos que a preocupación desaparecese, e especialmente no caso da xente máis nova. A min gustaríame que o desemprego fose unha prioridade maior para os Gobernos da UE", subliña.

Tony Atkinson: "O desemprego é un dos maiores retos aos que nos enfrontamos e fálase moi pouco do tema"

Bauman destaca a este respecto que mentres no pasado o desemprego era visto como unha situación estraña, sendo o pleno emprego o estado normal da sociedade, "hoxe comeza a empregarse cada vez máis o concepto de redundancia, que vén dicir que as habilidades dunha persoa non son necesarias nese lugar". O filme busca igualmente ideas para crear un novo Estado do Benestar, introducindo a proposta da renda básica universal, que na película explica Daniel Raventós.

O filme busca igualmente ideas para crear un novo Estado do Benestar, introducindo a proposta da renda básica universal, que na película explica Daniel Raventós

A película constitúe unha das derradeiras intervencións públicas de Zygmunt Bauman e unha boa oportunidade para escoitalo reflexionar a cabalo entre o mundo que viu nos seus 91 anos e o mundo futuro que albiscaba e as súas complexas problemáticas e retos: "Non teño unha teoría completa de como un mundo mellor podería organizarse. Desafortunadamente, vivín moitos anos e polo tanto pasei por moitas frustracións. Cando miro atrás, parécese moito a un cemiterio de esperanzas. As esperanzas viñeron unhas detrás de outras e cando se puxeron en práctica non funcionaron como se esperaba. A cuestión, hoxe, non é tanto 'como facelo?' senón 'quen o vai facer?'".

 

Zygmunt Bauman en 'In the same boat'

© Films 59

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.