A represión franquista durante a Guerra Civil e os anos posteriores afectou a políticos, sindicalistas e a todo tipo de profesionais e traballadores e traballadoras. Tamén a xuíces. En Vilagarcía de Arousa o 4 de decembro de 1936 foi asasinado Luis Pando Varela, nacido en Asturias e que exercera como maxistrado na vila durante os catro anos anteriores, despois de traballar en México e Santiago de Compostela. De mentalidade aberta e progresista, o seu nomeamento foi mal recibido dende o inicio polas forzas conservadoras da localidade, que mesmo organizaran en 1931 un mitin na súa contra. En decembro de 1936 foi levado xunto con outros sete veciños arousán ao campo de concentración da Illa de San Simón e posteriormente fusilado na Caeira. Tiña 40 anos.
Hai unhas semanas, cando se cumpriu o 80 aniversario da súa morte, o colectivo Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica reclamou que o Concello lle dedique unha rúa. Este mércores celebrouse un novo acto de homenaxe ao maxistrado, cunha ofrenda floral ante o monumento As Rosas Rotas, na que participou Baltasar Garzón, xunto con familiares de Pando Rivero. Garzón adheriuse á demanda de que a memoria do xuíz asasinado sexa honrada na vila arousá.
A Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica comezou o pasado ano as súas actividades para esixir o recoñecemento das persoas perseguidas ou asasinadas pola represión franquista. As súas accións continuarán en febreiro coa colocación das dúas primeiras placas do Roteiro da Memoria Vilagarciana.