A Coruña, Santiago e Pontevedra inician os protocolos para protexer do frío as persoas sen fogar

Albergue Xoán XXIII, en Santiago de Compostela © Concello de Santiago

Os termómetros marcarán este mércores ata os 3 graos na Coruña, os 2 en Compostela e 1 grao en Pontevedra, e as mínimas seguirán en descenso ata o sábado, cando chegarán a ser de 2 baixo cero en Santiago e mesmo de 4 baixo cero en Lugo ou Ourense. Chega o máis duro do inverno, e os Concellos da Coruña, Compostela e Pontevedra veñen de poñer en marcha dispositivos e protocolos para protexer do frío as persoas sen fogar, reforzando os servizos de albergues e realízanse percorridos e pescudas polas cidades para detectar casos de risco e dirixilos cara a estes espazos nos que pasar as noites. Estas iniciativas lévanse a cabo en colaboración con colectivos sociais de apoio aos e ás máis desfavorecidas.

Nas tres cidades realízanse percorridos e pescudas polos barrios para detectar casos de risco e dirixilos cara a estes espazos nos que pasar as noites

Na Coruña, por exemplo, o Concello traballa conxuntamente coa Cruz Vermella e coa ONG Accem, para poñer en marcha desde esta semana e durante o que queda de inverno un Dispositivo de Frío, co obxectivo de facilitar a aqueles cidadáns e cidadás en situación de especial vulnerabilidade a posibilidade de acceder a un aloxamento, así como a reducir a exposición deste colectivo ás condicións meteorolóxicas adversas. O dispositivo realizará saídas diarias polos distintos barrios, "para ter controlada as situacións destas persoas, especialmente aquelas que presentan maior risco para a saúde e a seguridade", indica a concelleira Silvia Cameán. De igual xeito, contactarase con entidades e servizos da cidade, para dar a coñecer este operativo e establecer pautas de coordinación e apoio.

Estas iniciativas lévanse a cabo en colaboración con colectivos sociais de apoio aos e ás máis desfavorecidas

Caméan destaca igualmente o proxecto municipal do local de baixa esixencia, que busca ampliar a cobertura a persoas sen teito e que podería poñerse en marcha “no prazo de dous meses, de cara a poder proporcionar un reforzo moi importante á atención nocturna das persoas sen fogar que están en situación de marxinación ou exclusión social”. O Goberno local incluíu no seu proxecto de Orzamentos para este ano un incremento de 100.000 euros para este servizo de baixa esixencia, ata os 257.000. Do mesmo xeito, o proxecto presupostario inclúe un novo convenio con Accem por importe de 15.000 euros para financiar o centro de día da cidade que atende a persoas sen teito, ademais dun convenio con Cruz Vermella cun importe de 89.000 euros. 

 

Compostela

De igual xeito, o Concello de Santiago vén de poñer en marcha un protocolo específico para combater o frío que as previsións meteorolóxicas apuntan para as vindeiras xornadas. O dispositivo ten como finalidade atender as persoas sen fogar que habitualmente pernoctan nas rúas de Compostela e que a concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, estima roldan as 15 persoas. O protocolo é resultado da última xuntanza da Mesa de traballo e coordinación sobre as persoas sen fogar, que leva reuníndose de forma periódica e da que forman parte colectivos sociais, entidades e o Concello de Santiago.

Os termómetros marcarán este mércores ata os 3 graos na Coruña, os 2 en Compostela e 1 grao en Pontevedra, e as mínimas seguirán en descenso ata o sábado, cando chegarán a ser de 2 baixo cero en Santiago e mesmo de 4 baixo cero en Lugo ou Ourense

O dispositivo actívase con temperaturas inferiores a 4 graos, con alerta amarela por frío e/ou con vento de máis de 80 quilómetros por hora e está dirixido a coordinar a todos os equipos que habitualmente traballan coas persoas sen fogar de Santiago (os equipos de Cruz Vermella, Policía Local, Protección Civil…). Estes equipos terán saídas específicas todos os días de 8 a 12 da noite. Ademais, o albergue Xoán XXIII estará aberto as 24 horas do día e disporá de 10 prazas máis que as habituais durante estes días de onda de frío. Tamén o Centro Vieiro abrirá durante as fins de semana en horario de 8 da mañá a 6 da tarde. 

 

Pontevedra

Tamén en Pontevedra está listo un protocolo de loita contra os efectos do frío. O protocolo, que comezou a funcionar no inverno 2012-2013 actívase de xeito automático cando están cheos os albergues asistencias que hai na cidade. Nese momento ofréceselle a estas persoas un hostal para pasar a noite. Ademais, distribúese entre os que rexeitan a axuda, roupa de abrigo, sacos de durmir e termos con bebidas quentes...

De momento, aínda non se activou, pois os albergues aínda teñen camas baleiras: o de Cáritas ten ocupadas 10 das 20 camas dispoñibles e o de Calor e Café "ten máis ocupación pero ninguén quedou sen sitio", informan dende o Concello. O que si houbo foi xa unha primeira distribución de material para o frío (sacos, calzóns, calcetíns, camisetas, vasos térmicos...) e este mesmo mércores haberá un novo reconto da situación ante as previsión do tempo. A Concellería de Benestar Social ten contabilizados, a día de hoxe, 16 persoas sen fogar, que dormen na rúa. Con todos eles falarase de novo estes días para lles ofrecer a posibilidade de durmir baixo teito.

No inverno 2012-13 o protocolo estivo activo 23 noites e o hostal foi usado por 19 persoas. No inverno 2013-14, estivo activo 33 noites e usaron o hostal 4 persoas. No inverno 2014-15, estivo activo 22 noites e usaron o hostal 8 persoas. Finalmente, o inverno pasado estivo activo 27 noites e usaron o hostal 18 persoas.

 

Albergue Xoán XXIII, en Santiago de Compostela © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.