Ramón Varela, Patricia Gabeiras e Ribeiregas, premios Osíxeno ás mellores actuacións ambientais

Premios Osíxeno e Dioxina © Adega

ADEGA anunciou esta semana os e as gañadoras dos seus premios Osíxeno e Dioxina, cos que cada ano distingue as "mellores actuacións ambientais" e as "accións máis nefastas", respectivamente. O conflito de Reganosa e a problemática da eucaliptización estiveron moi presentes nas escollas.

En primeiro lugar, con motivo da celebración dos 40 anos da asociación, ADEGA quere recoñecer co premio Osíxeno de Honra o labor de Ramón Varela, ex-presidente de ADEGA e científico experto en contaminación atmosférica. "O seu compromiso coa defensa do ambiente e do país fronte a agresións como nucleares e celulosas, continúa hoxe cun traballo excepcional e rigoroso sobre as fontes de contaminación industrial na Galiza", destaca a entidade.

Con motivo da celebración dos 40 anos da asociación, ADEGA quere recoñecer co premio Osíxeno de Honra o labor de Ramón Varela, ex-presidente de ADEGA e científico experto en contaminación atmosférica

O Premio Osíxeno 2016 na súa categoría individual foi para Patricia Gabeiras, avogada do Comité Cidadán de Emerxencia para a ría de Ferrol, "polo seu denodado traballo en defensa da ría e da cidadanía e contra as ilegalidades de Reganosa" que tivo como resultado a anulación por parte do Supremo da autorización da planta de gas e do proxecto de construción. Na súa categoría colectiva, o recoñecemento foi para as mulleres de Ribeiregas, marca da cooperativa Ribeiras do Navia (Negueira de Muñiz) "por ir moito máis aló da produción ecolóxica de alimentos e contribuir co seu proxecto á revitalización das aldeas e a fixar poboación no rural galego".

O Premio Dioxina 2016 na súa categoría individual foi para Alberto Platas, alcalde de Aranga, "pola súa intención de desprotexer o 9% do seu territorio, con importantes valores naturais, para adicalo á plantación de eucaliptos"

Pola súa banda, o Premio Dioxina 2016 na súa categoría individual foi para Alberto Platas, alcalde de Aranga, "pola súa intención de desprotexer o 9% do seu territorio, con importantes valores naturais, para adicalo á plantación de eucaliptos". O premio na súa categoría colectiva foi para os responsables políticos da Consellaría de Medio Rural "pola súa total entrega ao lobby pasteiro-enerxético e o abandono no cumprimento da lexislación, favorecendo intencionadamente o caos normativo arredor do eucalipto".

Os premios entregaranse no decurso dun xantar de confraternización que terá lugar o vindeiro sábado 28 de xaneiro a partir das 14:30 horas no restaurante A Marola (Hotel Zenit Coruña, rúa Comandante Fontanes 19, A Coruña).

 

Premios Osíxeno e Dioxina © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.