0 Gardados para despois

A lista de espera do Sergas para consulta de especialidades creceu un 28% dende o 2014

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Un total de 170.461 pacientes están en Galicia en lista de espera para acceder a consulta de especialidades hospitalarias, segundo os datos feitos públicos polo SERGAS o pasado venres. A cifra amosa unha evidente tendencia á alza nos dous últimos anos, dende os 133.302 que se rexistraban en decembro de 2014 e os 163.272 de decembro de 2015. O incremento nos dous últimos anos é do 27,88%. 

O tempo medio de espera en Galicia, con todo, descendeu lixeiramente neste período, pasando dos 50,3 días de 2014 e os 51,4 de 2015 ata os 47,3 de decembro de 2016. Ferrol (65 días), Vigo (59) e A Coruña (53) son as áreas sanitarias cun tempo de espera maior, mentres que Ourense (32) e Pontevedra-Salnés (29) pechan a lista.

En canto ao número total de pacientes en espera, as áreas sanitarias de Compostela (+48%), Ourense (+42%) e Vigo (+28%) rexistran os maiores incrementos, aínda que en todas as zonas se produce un aumento: Pontevedra (+22%), A Coruña (+21%), Lugo (+18%) e Ferrol (+17%)

No que respecta aos e ás pacientes que pasan máis de tres meses na lista de espera, en decembro de 2016 sumaban 21.470 en toda Galicia, un pouco menos que doce meses antes, pero case cinco mil máis que en decembro de 2014. Por área sanitaria destacan Vigo (8.450), A Coruña (6.368) e Ferrol (4.038), co maior número de persoas nesta situación.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.