0 Gardados para despois

O Estado accede a negociar coa Coruña a xestión pública dos terreos portuarios

Redacción | @prazapublica

A poxa dos terreos da Solana e do Hotel Finisterre, que tanto balbordo levantou na Coruña, suspéndese polo momento. Ese é o acordo ao que na mañá deste venres chegaron o Concello, a Autoridade Portuaria e o presidente de Portos do Estado, José Llorca, logo de que este se reunise co alcalde, Xulio Ferreiro, e máis co concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela. 

A poxa dos terreos da Solana e do Finisterre suspéndese mentres Concello e Portos do Estado manteñen a negociación

"Non se formalizará a poxa mentres sigamos falando", adiantou Llorca. O proceso quedará así paralizado mentres segue unha negociación que continuará o vindeiro 7 de febreiro nunha xuntanza que os mesmos protagonistas manterán no pazo municipal de María Pita. Nela, buscarase unha fórmula para analizar o futuro dos terreos portuarios que quedarán libres coa posta en marcha a pleno rendemento do porto exterior de punta Lagosteira.

Polo momento, acordouse buscar fórmulas para un sistema que garanta o uso público e común dese espazo que quedará liberado e en cuxa xestión puidesen participar diferentes administracións, pero coa ordenación da fachada marítima en mans do Concello.. Será "desde a iniciativa pública" e procurando alternativas para as parcelas que deixan de ter uso portuario, non só as da Solana e o Finisterre, senón tamén os peiraos de Batería, Calvo Sotelo e San Diego, nunha negocación conxunta. 

Portos do Estado accede a negociar co Concello a xestión pública dos terreos portuarios

Portos do Estado, Autoridade Portuaria e Concello acordaron buscar "principios de acordo" para atopar "outras solucións" que acheguen recursos para amortizar a débeda da construción do porto exterior de Arteixo. Non se determinou, no entanto, se está descartada a poxa ou a adxudicación directa que defende o goberno local da Marea Atlántica tras a oferta de 1,4 millóns de euros xa realizada. En todo caso, segundo aclarou o alcalde, hai "vías abertas" que implicarían prazos "diferentes". 

O executivo local, tal e como trasladou na xuntanza, propón o cesamento gratuíto dese espazo e alude á operación urbanística que o porto de Valencia levou a cabo en 2013 e, mediante a cal, o Estado cedeu de balde un millón de metros cadrados ao Concello valenciano. 

En canto á paralización da poxa dos terreos da Solana e do Hotel Finisterre, a decisión chega logo de que fose precisamente iso o que o pleno da Coruña solicitara hai dúas semanas. Daquela, aprobáranse por maioría as tres mocións presentadas por Marea Atlántica, PSdeG e BNG que, con distintas formulacións e camiños, reclamaron o carácter público do espazo e a súa devolución ao Concello.

Precisamente, a única moción aprobada por unanimidade -e a única na que o PP votara a favor- foi a dos socialistas, na que se pedía a paralización da privatización que busca levar a cabo a Autoridade Portuaria e esixíalle ao ente o respecto ao acordo acadado polo Concello e a aceptación da oferta formal, realizada xa en dúas ocasións.

Tanto esa proposta do PSOE como a da Marea esixía da Autoridade Portuaria o respecto aos compromisos aos que en xuño chegou co Concello para a venda do espazo da Solana por 1,4 millóns de euros, un acordo aprobado por unanimidade polo Consello de Administración do Porto, posteriormente incumprido. Así, as dúas mocións instaron a "paralizar a poxa" e a garantir a titularidade pública deses terreos, demandándolle ao ente portuario "admitir a oferta xa realizada e comunicada os días 21 de outubro e 26 de decembro".

Desde o colectivo Véndese Cidade ou da Comisión Aberta en Defensa do Común celébrase o que é "unha vitoria da loita na rúa", pero só "temporal". "Non pararemos ata recuperar o que é de toda a cidade", din. 

#FalemosdaSolana: Xurxo Souto

Véndese Cidade

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Marea e PSOE manteñen a porta aberta para un acordo que evite a cuestión de confianza

Aínda que con posturas ben afastadas aínda, nin Marea Atlántica nin PSOE dan por roto de todo o preacordo que saltou polos aires este xoves e que prevía a aprobación dos orzamentos na Coruña. Logo de que o goberno local acusase os socialistas de botar abaixo o pactado ao anunciar publicamente que os seus proxectos sumaban 14,5 millóns fronte aos 1,5 que se acordaran, a inclusión de Mar Barcón entre os nomes dos concelleiros que debían guiar os proxectos da formación xunto aos edís do executivo local fixo aínda máis improbable un arranxo. 

"Mentres hai vida hai esperanza", advirte Xulio Ferreiro

O propio alcalde, Xulio Ferreiro, asegurou este venres que, aínda que xa ten presentada a documentación para levar a cuestión de confianza a un pleno a vindeira semana, "mentres hai vida hai esperanza". Tampouco pechou a porta a un acordo in extremis o concelleiro de Culturas e voceiro nesta negociación, Xosé Manuel Sande, que asumiu que diferentes actuacións políticas de Mar Barcón nos pasados gobernos de Francisco Vázquez son unha "mochila" que dificilmente aceptaría a asemblea da Marea Atlántica á hora de validar o pacto

Desde o PSOE, o presidente da xestora local, Florencio Cardador, tampouco dá por pechadas as conversas pero aclara que non se aceptará "veto ningún" a ningún concelleiro socialista, tampouco a Mar Barcón. O secretario xeral do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, pola súa banda, asegura que a ruptura do preacordo é "unha oportunidade perdida" e acusou a Marea de centrarse máis nos vetos que en chegar a acordos.