A Xustiza sentencia que alegar "indefensión" ante unha multa por estar escrita en galego non ten "fundamento"

Sinal de tráfico en Pontevedra © pontevedra.eu

Trátase dunha estratexia para eludir o pagamento de multas que non é inédita, pero que neste caso non funcionou. Unha condutora foi multada con 100 euros pola Policía Local de Pontevedra en xuño de 2015 por estacionar o seu vehículo nunha zona prohibida. A muller recorreu a sanción ante o Concello, que desestimou o recurso, e decidiu acudir aos tribunais. Un xulgado da cidade vén de sentenciar sobre este recurso administrativo por carecer de "fundamento" as alegacións da recorrente que, entre outros aspectos, aseguraba ser vítima de "indefensión" porque a sanción estaba redactada en galego.

Segundo a parte dispositiva da sentenza, achegada ao Goberno local dende a Asesoría Xurídica Municipal, a recorrente asegurou que os axentes "vulneraran" a súa "presunción de inocencia" e mais o dereito á tutela xudicial efectiva. Entre os seus argumentos sinalaba "falta de motivación da resolución" e, xunto a ela, "que se produciu indefensión porque a denuncia e o expediente se tramitou en galego". "A sentenza -informa a asesoría xurídica- rexeita todas e cada unha das queixas" da muller sancionada "porque non tiñan maior fundamento".

Esta sentenza vai na liña doutra ditada en 2013 polos xulgados do contencioso-administrativo de Ourense. Naquel caso un condutor fora multado con 200 euros por estacionar nunha zona de carga e descarga reclamaba que non lle fose aplicada a multa porque no sinal figuraban palabras como "laborábeis" ou "agás".

Un xulgado de Ourense rexeitara en 2013 anular unha sanción de aparcamento na que o condutor alegaba non entender palabras como "laborábeis" ou "agás"

Dado que, xunto ao texto, a placa incluía "linguaxe gráfica universal de obrigado coñecemento para todos os condutores", o xuíz concluía que "só dende posicións absolutas ou maximalistas" era posible eximir alguén de cumprir as normas de tráfico por este motivo e agregaba que "a indicación laborábeis, que se traduce en castelán por laborables, resulta intelixible incluso para un foráneo que nunca antes estivese en Galicia".

No entanto, outra sentenza ditada en Pontevedra si dera a razón a un condutor que alegara razóns semellantes tras ser sancionado por aparcar en carga e descarga. O idioma galego, argumentara, impedíralle "ter un coñecemento exacto das condicións en que estaba restrinxido o estacionamento", e a xuíza instara o Concello a facer "correcións" nos sinais.

Sinal de tráfico en Pontevedra © pontevedra.eu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.