O xulgado cita a declarar este mes os dous altos cargos do Sergas polo caso da hepatite C

Os cargos investigados pola hepatite, chegando aos xulgados cos letrados da Xunta © CRTVG

Xa hai data para a declaración. O titular do xulgado de instrución número 3 de Santiago, Andrés Lago Louro, citou os dous altos cargos do Sergas investigados por un suposto delito de homicidio imprudente para o vindeiro mércores 22 de febreiro ás 10 da mañá. O que fora director xeral de Asitencia Sanitaria do Sergas -e actual xerente da área sanitaria de Vigo-, Félix Rubial, e Carolina Gómez-Criado, subdirectora xeral de Farmacia, declararán de novo en sede xudicial, onde xa compareceran por un suposto delito de prevaricacións na causa aberta polas eivas no subministro nos tratamentos de hepatite C en Galicia. 

Os dous altos cargos comparecerán agora como investigados por presunto homicidio imprudente tras facelo xa por suposta prevaricación

O xulgado dá así cumprimento ao auto da Audiencia Provincial da Coruña, que o pasado mes de decembro estimara parcialmente o recurso da Fiscalía, ao que se adheriu a plataforma de afectados, polo que os dous responsables investigados serano non só por prevaricación senón por estoutro delito máis grave. Comparecerán por un presunto homicidio imprudente no caso de seis dos oito enfermos falecidos incluídos na causa. 

A investigación que está aberta trata de aclarar se houbo un atraso ilícito na avaliación de doentes con hepatite C e, xa que logo, na subministración de medicamentos que poderían terlles salvado a vida. Ademais dun suposto delito de prevaricacións, polo que os dous investigados declararon no pasado mes de abril, a Fiscalía atribuíulles tamén o de "homicidio por imprudencia profesional grave" ao atrasar a administración dos fármacos "por razóns orzamentarias", tal e como adiantara este diario ao destaparse o caso. Desde a Xunta, tanto o presidente Núñez Feijóo como Sanidade defenderon que "sempre" se usaron criterios clínicos para a atención de pacientes.

Os investigados descargaran toda a responsabilidade nos médicos na súa anterior declaración ante o xuíz

Hai agora un ano, o xuíz Lago Louro ditou auto de incoación por prevaricación administrativa e os dous investigados compareceron a prestar declaración a finais de abril, momento no que descargaron toda a responsabilidade nos médicos. Con todo, o maxistrado impedira daquela que tanto a Fiscalía como a representación legal da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C cuestionasen sobre aspectos directamente relacionados coa posible comisión de delitos de homicidio imprudente, algo que si acontecerá agora. 

Malia as peticións da propia plataforma e de boa parte da oposición, Feijóo negouse a destituír os dous altos cargos e advertiu que ambos "cumpriran co seu traballo" e que o auto non lle preocupaba en absoluto. Xa hai varios meses, cando se coñecera a acusación da Fiscalía, o presidente da Xunta fora moi duro cos médicos que formularon as denuncias, aos que cualificou de "indignos" e mesmo definira como "insidias" as acusacións de que a decisión de non aprobar tratamentos provocara o falecemento de pacientes. Atribuía as demandas a "leas que hai nos hospitais entre servizos e nos mesmos servizos" e mesmo fora máis aló ao atribuír á oposición as acusacións do Ministerio Fiscal e cualifícalas de "disparate" e "insulto" mentres se gababa de "pagar" os tratamentos. "Por dous ou tres pacientes, non me parece lóxico relacionar esas denuncias coa austeridade", sentenciara.

Agora, a Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C agarda que a celeridade coa que se chama a declarar os dous investigados sirva para "reactivar" un caso que estivo "moito tempo parado".  

Os cargos investigados pola hepatite, chegando aos xulgados cos letrados da Xunta © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.