0 Gardados para despois

Lalín vence a Fenosa: anulada a liña de alta tensión prevista nas Fragas de Catasós

Redacción | @prazapublica

Lalín venceu a Fenosa. A xustiza vénlle de dar a razón ao Concello no seu rexeitamento a outorgar á compañía eléctrica a licenza para construír a liña de alta tensión que afectaba a Fraga de Casas Vellas, en Catasós. Así, o xulgado do contencioso-administrativo número 3 de Pontevedra desestima o recurso presentado pola empresa e permite salvar este espazo dunha infraestrutura que acabaría por estragalo. 

A xustiza desestima o recurso presentado pola eléctrica contra a negativa do Concello de Lalín a outorgar a licenza para a liña

A maxistrada, segundo se pode comprobar na sentenza, asegura que a lexislación ambiental debe estar por riba da urbanística e conclúe que o Concello de Lalín non debe outorgar licenza para o proxecto requirido. Ademais, o ditame -que pode ser recorrido ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)- tivo en conta os informes do Consello da Cultura Galega, do Valedor ou os datos achegados en sede xudicial polo catedrático en Botánica da Universidade de Santiago, Javier Guitián. 

A xuíza entende que a Fraga das Casas Vellas e a de Quiroga conforman unha unidade paisaxística e pon en dúbida a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) outorgada pola Xunta, que non recolle a existencia na zona de árbores autóctonas centenarias, tal e como ditaminara o Consello da Cultura Galega. 

"O goberno e o pobo de Lalín salvan a Fraga das Casas Vellas", destaca o alcalde, Rafael Cuiña

"O goberno e o pobo de Lalín salvan a Fraga das Casas Vellas", expresou o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, que agradeceu o traballo dos avogados Darío e Miguel Diéguez e que deu a noraboa a colectivos como a plataforma Salvemos Catasós pola súa loita contra o proxecto de Gas Natural Fenosa, que pretendía unha actuación que podía obrigar a cortar ata 2.000 árbores autóctonas, a maioría castiñeiros, e moitas delas centenarias.

A liña de alta tensión afectaba unha parte dunha área composta por especies autócotonas: carballos, ademais de varios tipos de castiñeiros, un deles de máis de 30 metros de altura. En conxunto, as árbores presentes nestas 4,5 hectáreas rexistran unha das maiores taxas de crecemento de toda Europa. Unha das árbores, derrubada polo furacán Hortensia en 1984, tiña mesmo 270 anos, e comezara a crecer nos tempos de Felipe V. Foi o fitopatólogo norteamericano Filippo Gravatt o primeiro en reclamar, xa en 1954, a protección para este espazo, sorprendido pola súa beleza e pola resistencia destes castiñeiros ás enfermidades. 60 anos despois pode que o futuro deste conxunto arbóreo, que sobreviviu a todo tipo de ameazas durante séculos, estea no aire.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.