O Colexio de Traballo Social insta os gobernos a non revelar datos sanitarios e sociais da veciñanza

Marta Capeáns, presidenta do COTSG © COTSG

O recente caso de violencia machista acontecido no Carballiño prendeu de novo as alarmas entre os profesionais do traballo social. Alén da información relativa ao asasinato dunha muller e as circunstancias que o arrodearon por parte das autoridades, neste caso do concello da vila ourensá, incorreuse no que a presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Marta Capeáns, define como un "modus operandi demasiado habitual e máis que cuestionable ética e legalmente": A difusión de datos sociais e clínicos, neste caso do presunto asasino, "non sabemos se contrastados ou non" e, en todo caso, "altamente protexidos" por referírense á saúde das persoas e a expedientes manexados polos servizos sociais municipais.

"Baixo o amparo de informar moitas veces conséguese xusto o contrario: desinformar, estigmatizar ou crear alarmas falsas", indica Capeáns, xa que "o dereito á información non implica usasr e sobreexpoñer información innecesaria que non achega nada útil para coñecer e entender a noticia". "Un exemplo claro" son, ao seu xuízo, as enfermidades mentais.

"Se un acto violento aparece ligado a un diagnóstico de transtorno mental", como sucedeu no caso do Carballiño, "dáse por suposto que vai implícita a propia violencia no diagnóstico, cando sabemos perfectamente que non é así: hai moi pouas enfermidades e transtornos mentais que desemboquen en actos violentos". "Esta estigmatización -explica a presidenta do COTSG- crea unha alarma social que prexudica enormemente a integración das persoas con problemas de saúde e se reflicte en feitos tan simples como alarmas en núcleos de poboación cando se pretende abrir un centro que trate estas doenzas". 

Marta Capeáns: "Se un acto violento aparece ligado a un diagnóstico de transtorno mental dáse por suposto que vai implícita a propia violencia no diagnóstico"

Alén do caso máis recente, a presidenta do COTSG cita un dos sucesos máis mediáticos dos últimso anos, a agresión a Mariano Rajoy durante un paseo electoral en Pontevedra. Naquela xornada "interesou a nivel mediático e político, non sei moi ben a razón, relacionar un diagnóstico coa execución dun acto violento. "Coñecemos, seguramente, máis dun caso no noso entorno" de persoas "a tratamento ou con diagnóstico depresivo; de verdade alguén pode asociar esta circunstancia á violencia? Semella un despropósito".

Isto non implica, advirte Capeáns, que responsables políticos como os membros dos gobernos locais responsables dos servizos sociais non poidan acceder a esta información. "Son datos moi relevantes para que poidan tomar medidas" como, por exemplo, "evitar que por esperas, desatención ou desidia" problemas sociais ou de saúde poidan derivar en "accións con consecuencias terribles". "É cuestión fundamental e clave que os datos non poden utilizarse para finalidades incompatibles con aquelas para as que se recabaron". "Unha cousa é coñecelos" para tomar decisións de goberno "e outra, difundilos sen autorización da persoa ou do seu representante legal".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.