"Estar no rural non implica que te teñas que dedicar só a facer feiras gastronómicas. Hai máis cousas"

Imaxe dun dos obradoiros da novena edición © Senunpeso

O Laboratorio Audiovisual de Vedra fai dez anos. O LAV, organizado coma sempre pola Asociación Cultural Senunpeso, celebrará a vindeira fin de semana (do venres 17 ao domingo 19) a súa décima edición, ofrecendo unha ducia de cursos e obradoiros centrados no audiovisual, a fotografía e o cinema, entre outras actividades. Haberá ademais unha festa de celebración do décimo aniversario das xornadas (o sábado 18), e unha sesión (RebobinaLAV, o venres 17) na que se proxectará unha selección de curtametraxes realizadas polo alumnado do LAV nesta última década.

Polo LAV pasaron nestes dez anos uns 1.500 alumnos e alumnas, todo nun evento organizado por unha entidade con poucos recursos e escasas axudas institucionais (agás unha pequena colaboración do Concello: 2000 euros, o 20% do orzamento), realizado nunha localidade rural de pouco máis de 5.000 habitantes, pero que conta co traballo estusiasta dun feixe de activistas culturais que levan o nome de Vedra por Galicia adiante. Máis difícil que poñer en marcha unha iniciativa deste tipo é mantela no tempo, realizando todos os anos un pequeno milagre, e mesmo con beneficios económicos que serven para asegurar a aposta para o ano seguinte.

Os 12 obradoiros que este ano ofrece o LAV de Vedra son: Xogando coa holografía, Reporteirismo gráfico - Operador de cámara ENG, Videoproxeccións para espectáculos en vivo, Timelapse avanzado: controlando a luz en movemento, Música electrónica con materiais cotiáns, A costela de Adán (Interpretación), Luz escénica, Escritura de diálogos para TV (e cine), Edición de video para principiantes, A arte da cinematografía, Radio para maiores e A montaxe audiovisual. Moito onde elixir, aínda que practicamente todos coas súas prazas xa cubertas.

"Ao final trátase diso: de aprender, de divertirse e de non quedar parados. Unha sociedade autoorganizada é unha sociedade que funciona”, destacaba hai tres anos Xurxo Guitián, que sinalaba que "queremos demostrar tamén que en Galiza hai vida no rural, e que non é soamente sacho e arado, hai de todo e pódese facer de todo. Non se pode marcar esa fronteira de que a tecnoloxía é cousa de cidade e a bioloxía é cousa do rural”. Desta volta falamos con outro dos integrantes do colectivo organizador, Abelardo Rendo, que nos relata as novidades da presente edición do LAV e bota a vista atrás para valorar o camiño percorrido por esta iniciativa.

Dez anos xa. Cando comezastes pensabades que o LAV ía chegar ata aquí?

Para nada, claro. O primeiro ano comezamos pensando a ver como saía a cousa, con moita incerteza. A primeira idea fora facer un festival de cine no rural, pero como daquela xa había algún festival de curtas e mostras, decidimos apostar polo tema da formación. E funcionou tan ben que ao final a formación comeu a mostra. A xente agradecíao moito, divertíase..., e así quedou, convertido nun evento de formación. O formato foi variando. Houbo algún ano que duraba dúas fins de semana, chegamos a organizar 21 cursos á vez, con case 300 alumnos e alumnas... E despois diso decidimos facer algo máis pequeno, que non nos queimase, sobre todo pensando en que a cousa perdurase no tempo. Este tipo de iniciativas requiren moita dedicación, e as persoas que participamos nas asociacións culturais temos un traballo, nenos, outras actividades..., e cada vez custa máis sacar tempo libre para organizar algo de forma amateur. Poderíamos montar algo máis ambicioso, pero optamos por algo máis pequeno, no que o alumnado e o profesorado desfrutase e tivese unha boa experiencia.

"As persoas que participamos nas asociacións culturais temos un traballo, nenos, outras actividades..., e cada vez custa máis sacar tempo libre para organizar algo de forma amateur"

Canta xente se ocupa habitualmente de facer realidade o LAV? Como vos organizades?

Sempre fomos un equipo moi reducido, de 8 ou 10 persoas. Hai xente que estamos dende o primeiro momento e aínda continuamos, outros marcharon pero están aí por se hai que botar unha man, e hai outra xente que estivo na retagarda e que agora se incorporou ao primeiro plano. É moi bo que entre xente nova, con ganas, que nos pon as pilas ao resto e axuda a renovar. Agora na asociación estamos buscando incorporar máis socios e socias, sobre todo para ir preparando o relevo nuns anos. Que os que levamos dez anos tamén queremos descansar un pouco e ir a algún curso!, que eu ao final só puiden ir a un obradoiro en todo este tempo. Pero claro, cando estás na organización só pode atender a iso, non podes sacar un córner e rematalo...

Cal é o perfil do alumnado? Foi variando nestes anos?

É complicado. O Laboratorio Audiovisual de Vedra naceu en principio como espazo de iniciación, para aprender de cero, para espertar a curiosidade da xente sobre estas cuestións, as ferramentas, as técnicas... Pero fomos medrando, fomos facendo cursos máis específicos, e comezaron a inscribirse moitos e moitas profesionais do audiovisual, o que nos levou a facer cursos de iniciación, cursos de nivel medio e cursos avanzados. Este tipo de público foi facéndose cada vez máis numerosos, pero hai un par anos decidimos facer menos cursos pro e máis cursos de iniciación. Porque creo que a nosa misión como asociación cultural é espertar a curiosidade da xente e dar a coñecer o mundo do audiovisual e as súas profesións. Se cadra a formación de profesionais correspóndelle a outro tipo de colectivos.

"A nosa misión como asociación cultural é espertar a curiosidade da xente e dar a coñecer o mundo do audiovisual. Se cadra a formación de profesionais correspóndelle a outro tipo de colectivos"

Como decidides cada ano que obradoiros e actividades forman parte do programa?

Pois normalmente uns meses antes reunímonos a xente da asociación, e diante dunhas cervexas comezamos a pensar en posibles temas e nomes. Hai anos que quizais son máis atrevidos en canto aos obradoiros que propoñemos e outros, coma este, que poden ser máis conservadores, porque os cursos son máis convencionais. Hai cursos que facemos todos os anos, porque sempre teñen moita demanda, coma os de interpretación. Tentamos sempre ir renovando o profesorado, como unha forma de darnos a coñecer por máis xente e tamén de coñecer nós a máis profesionais. Ademais, sempre lle damos unha enquisa aos alumnos e alumnas, para que valoren a organización e o profesorado, e aí tamén nos fan suxestións, que temos en conta.

Unha das cousas que chama atención é que o LAV é economicamente sustentable e funciona con fondos propios. É complicado manter isto?

Sempre buscamos que as xornadas fosen economicamente autosuficientes. A maior parte do financiamento vén das matrículas dos cursos, que sempre son en grupos reducidos. Iso serve para pagarlles aos profesores e profesoras, hospedaxe, desprazamentos..., e sempre sobre algo para a organización de actividades gratuítas ou para pagar algún obradoiro que se cadra non encheu as prazas. Temos unha axuda do concello, pero buscamos ser sustentables só cos fondos propios; esa achega sérvenos tamén para organizar actividades ao longo do ano, sobre todo proxeccións de cinema galego durante o verán.

Vedra está moi preto de Compostela e sei que nalgún momento valorastes a posibilidade de organizar alí o LAV. Con todo, entendo que para vós é fundamental facelo en Vedra, que é o que lle achega ao Laboratorio a súa razón de ser, non é?

Moita da xente que está impulsando isto vive en Santiago, ou traballa ou estuda alí. Pero para nós é fundamental que isto se faga en Vedra. Creo que moita xente lle ten cariño ao LAV porque está feito no rural e porque o facemos con moito amor. Galicia ao final é unha grande aldea, todos nos sentimos orgullosos do noso rural e é unha forma de darlle vida, de amosar que se poden facer cousas interesantes. Porque o feito de que esteas no rural non implica que te teñas que dedicar só a facer feiras gastronómicas, que están moi ben, pero hai máis cousas. Houbo un momento que valoramos a posibilidade de facer o LAV en Santiago, pero para nós é importante facelo nun concello rural.

"Houbo un momento que valoramos a posibilidade de facer o LAV en Santiago, pero para nós é importante facelo nun concello rural"

Que novidades destacarías nesta décima edición?

Facemos un curso de radio gratuíto pensado para xubilados e xubiladas. Ao igual que nos gusta moito facer obradoiros para rapaces e rapazas, que sirvan para introducilos no mundo do audiovisual e para que aprendan a utilizar as ferramentas máis comúns, fainos moita ilusión que participe a xente máis maior, e tamén é unha forma de involucrar máis á veciñanza de Vedra. Hai xa bastantes persoas apuntadas. Tamén hai que destacar que un dos cursos de montaxe o imparte Sandra Sánchez, que este ano ten dúas nominacións aos Mestre Mateo.

E para o futuro?

Temos o reto de involucrar máis á xente de Vedra. A maior parte das persoas que se inscriben nos cursos veñen de fóra, aínda que hai xente de aquí, que ademais tamén asisten ás mostras, que son de balde. E as proxeccións que facemos ao longo do ano teñen moita xente, ás veces con case 100 persoas.

 

Web da Asociación Cultural Senunpeso Dominio Público Praza Pública
Un dos obradoiros do pasado ano © Senunpeso
Un dos obradoiros celebrados en febreiro do 2016 © Senunpeso
Unha das proxeccións que tivo lugar na edición anterior © Senunpeso
A asociación organiza actividades tamén no verán © Senunpeso
Outra proxección © Senunpeso
Entrega dos diplomas dun dos obradoiros © Senunpeso
Obradoiro de Arduino © Senunpeso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.