"Sen dar resposta ás necesidades materiais, é dificil que a esquerda chegue á xente"

Esteban Hernández © Salome Sagüillo

"O noso sistema conserva o mesmo rótulo, pero case non se parece ao da segunda metade do século XX". O capitalismo refinou unha versión de si mesmo na que o crecemento sen límites, a economía financeira e a desaparición de fronteiras marcan o paso dunha sociedade que responde con medo e incerteza. O xornalista Esteban Hernandez, redactor de El Confidencial dende hai 15 anos, está estes días en Galicia para presentar en Vigo (este venres) e Pontevedra (sábado ás 12.30) o seu último libro, Los límites del deseo. Instrucciones de uso del capitalismo del siglo XXI (Clave intelectual), unha obra que analiza "o capitalismo realmente existente" e que continúa o camiño aberto por El fin de la clase media e Nosotros o el caos. Así es la derecha que viene. 

En Vigo Hernández estivo acompañado polo escritor Luis Boullosa e por Manoel Santos e en Pontevedra serán Boullosa e o xornalista Camilo Franco. Falamos con el sobre algúns dos temas que trata no libro e sobre os efectos sociais e respostas políticas que está propiciando.

"A crise é parte dun cambio de sistema. É certo que o capitalismo é un sistema que se adapta moi ben, pero neste caso máis ben está empurrando os cambios"

O capitalismo, ou unha determinada versión del, semella ter saído fortalecido dos últimos anos de crise. Fala isto dunha gran capacidade de adaptación ou a explicación é outra? 

Non é que tiveran lugar unha serie de transformacións ás que o capitalismo se adaptou, senón que é o capitalismo -e unha serie de actores, principalmente financeiros- o que está promovendo estas transformacións, empurrando a sociedade cara a unha nova versión do capitalismo. A crise é parte dun cambio de sistema. É certo que o capitalismo é un sistema que se adapta moi ben, pero neste caso máis ben está empurrando os cambios.

No libro falas do concepto do desexo, que está na base do capitalismo, pero que tamén provoca as súas crises...

Non é unha cuestión exclusiva da nosa sociedade, senón de case todas. Creo que o elemento central aquí é a intensidade desta forza, a ausencia de límites, o querer ir sempre máis lonxe, máis rápido, máis altos, dun xeito absurdo, porque é imposible, e dun modo incesante. O que define o capitalismo actual é ese desexo perpetuo de máis, sen que haxa barreiras que o moderen.

"Hai un medo que ten que ver cunha sensación de inestabilidade permanente. E ese medo á inestabilidade está impulsando o ascenso dos populismos de dereitas"

Outro elemento que tamén resulta cada vez máis cetal é o medo: a quedar sen traballo, aos cambios, a un mundo menos estable...

Hai un dobre medo, si. Un, que ten que ver cunha sensación de inestabilidade permanente, que che dificulta a realización de plans a medio prazo, porque nunca sabes cal vai ser a túa situación nese tempo. E ese medo á inestabilidade está impulsando o ascenso dos populismos de dereitas. Despois está o medo que sofre calquera economía, sexa un país ou unha empresa, que deben xogar cunhas expectativas (de ingresos, de beneficios, de débedas...) que coa inestabilidade actual é difícil cumprir, e iso fai que se incrementen os mecanismos para tentar controlar ese futuro, que moitas veces son inútiles.

"Cando a esquerda alude ao contido material, limítase a ofrecer un solucionismo total. E noutros casos nin sequera dá respostas claras neste senso e queda en variables identitarias, moi ligadas ao activismo"

O populismo de dereitas triunfa porque achega solucións (erradas ou acertadas) reais e concretas á xente?

O éxito dos populismos de dereita ten que ver con chegar dunha maneira bastante directa ás necesidades da xente. Cando Trump chega a Ohio e lles di aos obreiros das zonas industriais depauperadas que con el vai haber emprego, estalles dando a resposta que queren oír. A esquerda isto non llo di, ou dillo dunha maneira máis débil. Isto explica o triunfo dos populismos de dereitas, que achegan solucións concretas, directas e intelixibles aos problemas materiais dunha parte da poboación, que teñen que ver coa falta de traballo, co medo a que o traballo desapareza ou coa degradación das expectativas de vida de cada un no futuro. Pode que sexan solucións equivocadas, pero é o que a xente quere e necesita oír.

A esquerda está sabendo achegar esas solucións?

Creo que non. Hai, por unha banda, unha esquerda que podemos identificar coa vella socialdemocracia, cunha proposta moi feble porque coincide en moitos aspectos coa visión liberal. E despois está, no caso Español, a nova esquerda ou a esquerda populista, que creo que se está trabucando, porque non ofrece as solucións materiais que si achega Trump, o Brexit ou Le Pen. Cando a esquerda alude ao contido material, limítase a ofrecer un solucionismo total, como é a renda básica. E noutros casos nin sequera dá respostas claras neste senso e queda en variables identitarias, moi ligadas ao activismo. E hoxe, sen dar resposta ás necesidades materiais da maioría da sociedade, é difícil chegar á xente e ter unha opción política real.

"Non é un problema de instrumentos, que existen, nin de non saber que facer, porque si hai propostas enriba da mesa, senón de que a política é tan débil con respecto aos poderes económicos que non é capaz de poñer barreiras"

Que papel lle queda á política? As institucións públicas teñen ferramentas para poder controlar a economía ou hai que reformar o sistema para recuperar esas ferramentas?

Hoxe é o Banco Central Europeo o que toma todas as decisións, sen que os gobernos nacionais ou europeo teñan un poder real. Pero si, existen as ferramentas necesarias para que a política, que se converteu en algo completamente subordinado á economía, teña un papel relevante. Isto, a nivel europeo, tería solución con instrumentos que xa temos. É certo que vivimos un proceso de globalización moi forte e que nos farían falla instrumentos novos. Non é un problema de instrumentos, que existen, nin de non saber que facer, porque si hai propostas enriba da mesa, senón de que a política é tan débil con respecto aos poderes económicos que non é capaz de poñer barreiras. Mesmo no caso de Trump, a decisión máis importante que tomou foi desregular aínda máis o mercado financeiro, botando abaixo unha moi tímida reforma que Obama puxera en marcha.

"Os empregos ligados á pequena e mediana empresa foron destruídos pola concentración; os pequenos e medianos comercios foron substituídos polas grandes superficies comerciais e agora estas están sendo substituídas por Amazon"

Están a producirse, ademais, cambios no mundo do traballo, que nos próximos anos van reducir moito os empregos dispoñibles en moitos sectores. Mudará iso a propia concepción que hoxe temos do emprego?

Percibimos unha maior dificultade para atopar emprego ou para conservalo. Esta idea, a de que nos próximos anos os procesos de automatización van destruír moitos empregos, ten unha parte verdadeira e outra falsa. É certo que xa hoxe hai empregos que están desaparecendo por este motivo, de xeito que un mesmo proceso ou servizo é realizado por menos traballadores, porque tecnicamente é posible. Porén, a realidade é que hai moitos outros traballos que se poden crear: mestres, médicos, policías, coidadores..., todos os empregos de prestación de servizos á cidadanía reducíronse ao mínimo e poden desenvolverse moito. Outro tema son os empregos ligados á pequena e mediana empresa, que foron destruídos pola concentración empresarial; os pequenos e medianos comercios foron substituídos polas grandes superficies comerciais. E agora estas están sendo substituídas por Amazon; nese cambio perdéronse moitísimos empregos. Estes procesos de concentración empresarial e oligopolios non ofrecen necesariamente un mellor servizo, pero obteñen moitos máis beneficios e poden impoñer prezos máis altos. En todo caso, os efectos da automatización están aínda por demostrarse. Hai que ser cautos.

"Cando ti entras nun proceso de sobrecarga, obrigado a realizar a tarefa o máis rápido posible, as cousas non saen ben. E iso leva a que a xente estea descontenta co que fai"

Outro proceso paralelo é unha maior precarización de case todos os empregos, reducindo a estabilidade dos traballadores, convertidos case en pezas intercambiables. Que efecto provoca isto? 

Esta situación xera tamén un maior descontento no mundo laboral, no traballo de cada persoa, sexa un albanel, un xornalista ou un avogado. Cando ti entras nun proceso de sobrecarga, de saturación, de banalización, obrigado a realizar a tarefa o máis rápido posible, as cousas non saen ben. E iso leva a que a xente estea descontenta co que fai. E todo, nun contexto hipercompetitivo, porque o traballo é escaso. Iso fai que a nosa vida laboral sexa bastante peor do que podería ser. E, por suposto, todo isto ten consecuencias negativas para os clientes e consumidores; en estruturas oligopolísticas coma as que se se están creando, ao reducirse a oferta se -por exemplo- un banco te trata mal, podes ir a outro, pero as condicións serán semellantes.

"Sabemos que hoxe o sector financeiro, que move moitísimo diñeiro, determina as vidas de poboacións enteiras en todo o planeta. Pero non somos quen de establecer a ligazón entre unhas accións e as súas consecuencias"

A sociedade comprende realmente o que está pasando? Os xornalistas ou libros coma o teu están sabendo explicar o cambio que se está producindo, as análises están quedando na superficie?

Eu, precisamente, escribín o libro porque me interesaba entender cousas que non entendía. Non, non estamos entendendo as cousas porque imos por detrás, vemos os efectos pero non temos moi claro por que pasa o que pasa. Sabemos que hoxe o sector financeiro, que move moitísimo diñeiro, determina as vidas de poboacións enteiras en todo o planeta. Pero non somos quen de establecer a ligazón entre unhas accións e as súas consecuencias, non somos quen de ver as consecuencias que para a nosa vida cotiá ten o que unhas persoas fan cando operan no mercado financeiro, tentando superar en milisegundos outras operacións de trading. Non o entendemos como cidadáns, pero tampouco o mundo político que debería empurrar nunha dirección distinta o está sabendo entender e moito menos dar respostas que cheguen á xente.

 

Portada del libro © Clave intelectual

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.