ADEGA achega un vídeo como proba das batidas de lobo autorizadas "fraudulentamente"

Captura do vídeo © Adega

ADEGA vén de difundir un vídeo que, segundo a entidade proba, a "actuación irregular da Xunta" ao autorizar controis poboacionais recorrentes (3 nos últimos 4 meses) nos montes de Cotobade. Oficialmente non se abatiu lobo algún, polo que o Goberno galego seguiu dando permisos para novas batidas, a última celebrada este mesmo domingo. Porén, segundo a asociación, a loba que aparece no video tería sido abatida semanas atrás. "Con esa loba morta ilegalmente, altéranse gravemente as condicións xustificativas da autorización do último control concedido pola Xunta", di.

"Con esa loba morta ilegalmente, altéranse gravemente as condicións xustificativas da autorización do último control concedido pola Xunta"

ADEGA solicitara ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural a suspensión desta última batida "ao termos constancia de que a administración dispuña desta información e había tempo suficiente para anular o permiso". "Lamentabelmente, a batida estase a celebrar, feito que outra volta proba o desleixo e a actuación irregular da administración, que podería estar incorrendo nun delicto de prevaricación", di a entidade. "Este novo caso engádese aos escándalos (Friol, Barbanza...) arredor deste tipo de autorizacións fraudulentas, eufemisticamente chamadas controis e que só perseguen o exterminio total do lobo", subliña a asociación, que asegura que non existen probas de que nos últimos tempos se incrementara a poboación do lobo nos montes galegos.

A entidade engadirá "esta e outras probas" á denuncia presentada diante da Fiscalía do TSXG polas autorizacións de caza do lobo por parte do Goberno galego

A entidade engadirá "esta e outras probas" á denuncia presentada diante da Fiscalía do TSXG polas autorizacións de caza do lobo por parte do Goberno galego. A asociación ecoloxista entende que a Xunta está a favorecer unha actividade cinexética que a lei de caza limita ostensiblemente, incumprindo o Plan de Xestión do Lobo. "Estase a dar unha incorrecta execución desta norma, e en consecuencia causando un prexuízo ambiental e ecolóxico a esta especie, menoscabando a protección da nosa fauna e flora máis singular", asegura.

Captura do vídeo © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.