Os concellos demándanlle ao Goberno central que lles permita acoller refuxiados

Unha imaxe da manifestación celebrada en Barcelona © Casa nostra, Casa vostra

No outono de 2015, cando a exposición mediática da chamada crise dos refuxiados estaba no seu apoxeo e centos de milleiros fuxían da guerra civil en Siria, a UE barallou acoller 160 mil persoas, das que a España lle corresponderían ao redor de 16.231. Esta promesa nunca se fixo efectiva, pero en dous Consellos europeos (20 de xullo e 22 de setembro de 2015) España si aceptou oficialmente recibir 1.300 e 8.023 persoas que xa se atopaban dentro das fronteiras dos 27, dentro do mecanismo de reubicacións. De igual xeito, aceptou reasentar en dous anos 1.449 persoas que se atopaban en campos fóra dos límites da UE (Turquía e Líbano, principalmente).

Ano e medio despois, as cifras oficiais ofrecidas polo Ministerio do Interior son moito máis cativas. Apenas 811 reubicacións (667 dende Grecia e 144 dende Italia), fronte aos case dez mil prometidos. E só 289 reasentamentos (232 dende o Líbano e 57 dende Turquía), lonxe dos 1.449 anunciados. A maior parte das persoas que chegaron ao Estado español a través destes procedemento son sirias, pero tamén proceden de Irán, Irak ou Eritrea. Deste milleiro de refuxiados e refuxiadas do conflito sirio, a Galicia chegaron apenas unha vintena. 

De nada serviron neste tempo as protestas das forzas da oposición, colectivos sociais e ONGs ou doutras administracións locais, sobre todo de cidades gobernadas pola esquerda, dende Madrid e Barcelona ata A Coruña, Compostela ou Ferrol, que lle veñen reclamando ao Goberno central que as entidades locais poidan xestionar o acollemento de persoas refuxiadas, en colaboración coas organizacións sociais (como Accem, Cáritas ou Ecos do Sur) que xa veñen realizando este labor nos últimos anos. Cómpre salientar que ao longo de 2016 Accem deu acollida na Coruña a máis de 80 persoas, procedentes de Somalia, de Eritrea, de Xeorxia, de Ucraína, de Irán, de Irak, de Paquistán, de Afganistán, de Guatemala, de Venezuela, ademais de Siria.

Na carta demándanlle a Rajoy que os concellos poidan realizar estas xestións, para asegurar o cumprimento das cotas de reubicación asinadas por España

Esta fin de semana, entre 160 e 500 mil persoas manifestáronse en Barcelona para esixirlle ás autoridades españolas e europeas un maior compromiso na acollida de refuxiados. Con ese mesmo obxectivo, os alcaldes e alcaldesas de Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza e A Coruña remitíronlle o 16 de decembro unha carta conxunta a Mariano Rajoy demandándolle que os concellos poidan realizar estas xestións, para asegurar o cumprimento das cotas de reubicación asinadas por España. Agora Carmena, Colau, Ribó, Santisteve e Ferreiro esíxenlle a Rajoy unha resposta á carta, que ata o momento non chegou.

Na misiva, os cinco rexedores e rexedoras solicitaban “unha reunión ao máis alto nivel no menor prazo posible para coadxuvar na busca de vías de colaboración capaces de desbloquear esta grave crise humanitaria”. “Confiamos en que esta proposta de colaboración sexa ben atendida, para abrir así unha vía de diálogo de permita facer fronte a esta catástrofe humanitaria na que nos atopamos, e que entre todos e todas debemos e podemos resolver”, dicían. O texto salienta igualmente que os gobernos locais, por ser as institucións máis próximas á cidadanía, constitúen unha peza fundamental na atención aos dereitos e emerxencias sociais e lembra que "a atención inmediata e a avaliación de situacións de necesidade social a persoas en situación de vulnerabilidade é unha competencia propia dos concellos", tal e como se recolle no artigo 25 da Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local.

"Atopámonos nunha situación de completa impotencia, non podemos ir máis alá, dado que as competencias para xestionar o acollemento dependen do Goberno central, que non está a facer os seus deberes”

A Coruña "leva meses traballando en redes de apoio institucional, coordinación e cobertura coas ONG que actúan directamente coas persoas migrantes”, di Rocío Fraga, edil de Igualdade e Diversidade, que denuncia que "atopámonos nunha situación de completa impotencia, xa que nós non podemos ir máis alá dado que as competencias para xestionar o acollemento dependen do Goberno central, que non está a facer os seus deberes”.

 

Unha imaxe da manifestación celebrada en Barcelona © Casa nostra, Casa vostra
Unha imaxe da manifestación celebrada en Barcelona © Casa nostra, Casa vostra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.