Unha 'Porta para o exterior' para a lingua galega, aberta e agora en libre descarga

Cartel do documental © Axóuxere

O pasado 21 de febreiro, Dia Internacional da Lingua Materna, foi liberado na Internet o documental Porta para o exterior, dirixido por Sabela Fernández e José Ramom Pichel e producido por Axóuxere, en cooperación con AGAL, para compartir e descargar libremente na rede.

Porta para o exterior é unha viaxe que nos permite transitar polas experiencias de máis de 70 persoas entrevistadas, "que nos mostran como viven a súa lingua diariamente como unha lingua falada non só na Galiza, mais tamén noutros lugares do mundo -Brasil, Portugal, Angola, Mozambique, Cabo Verde ou Timor Leste- e os desafíos que leva consigo", destacan os seus responsables, que indica que o filme "pretende dar a coñecer sen intermediarios cales as razóns desas persoas para afirmaren que galego e portugués son variedades do mesmo idioma e cales son as súas propostas de futuro para a lingua ao norte do Miño, que pasan por unha mudanza de vía".

AGAL destaca que o documental busca "dar voz directa a un mundo formado por persoas de diferentes idades, ámbitos profesionais e ideolóxicos, que comeza a ser un referente na innovación da cultura galega contemporánea, principalmente no mundo da lingua, e que foi desde os anos 80 inxustamente apagada dos focos, dos libros de texto e dos principais espazos culturais e universitarios galegos até a chegada da Internet".

Cartel do documental © Axóuxere

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.