Alegacións masivas para impedir que as directrices da paisaxe permitan a liña de alta tensión nas Mariñas

Diferentes alternativas para o trazado da liña Dominio Público Praza Pública

O proxecto de Red Eléctrica de España (REE) para a construción dunha liña de alta tensión que cruzará boa parte da área metropolitana da Coruña mantén en alerta a veciñanza. Organizada arredor da plataforma As Mariñas Sen Alta Tensión, diversos colectivos e cidadanía apuran os últimos días na primeira e urxente iniciativa coa que intentan deter as intencións de REE: alegar en masa ás Directrices da Paisaxe de Galicia. O borrador deste regulamento atópase en exposición pública até o vindeiro xoves 2 de marzo, data na que remata o prazo para alegar, e permite, segundo o colectivo, a instalación de tendidos de alta tensión mesmo en espazos protexidos.

A plataforma anima a alegar masivamente contra as Directrices da Paixase, que permiten instalar liñas de alta tensión aéreas en espazos protexidos

A plataforma considera estas alegacións unha "arma poderosísima" da veciñanza ao ser as Directrices un proceso de participación pública que debe ter en conta, sobre todo, a opinión da cidadanía e que "está por riba de calquera outro plan". Son xunto ao Catálogo das Paisaxes, como lembra a Xunta, un dos documentos que integrarán o Atlas das Paisaxes, que se completará neste ano e que "se converterá nun novo e importante instrumento para a ordenación, mellora e restauración dos elementos que compoñen o territorio" en Galicia. 

Ademais, son documentos que veñen impostos pola aplicación do Convenio Europeo da Paisaxe, concluído no ano 2000 e en vigor en España desde 2008. Nel ínstase a autoridades públicas, como lembro o Goberno central, a "adoptar políticas e medidas a escala local, rexional, nacional e internacional para protexer planificar e xestionar as paisaxes europeas con vistas a conservar e mellorar a súa calidade". E aí é onde As Mariñas Sen Alta Tensión considera que as Directrices da Xunta, ao permitir ou non impoñer polo momento restricións aos tendidos eléctricos aéreos sobre espazos protexidos, estarían incumprindo este convenio. "Nin conservaría ni melloraría", insisten. Por iso anima a alegar contra un proxecto que afectaría de cheo á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas - Terras do Mandeo.

A plataforma considera que permitir tendidos eléctricos na reserva da biosfera iría contra o Convenio Europeo da Paisaxe

A liña prevista pasará por Cerceda, Carral, Culleredo e Arteixo ata chegar á Coruña; e sairá de Abegondo, onde na parroquia de Folgoso prevese unha subestación de entre 4 e 8 hectáreas que podería ser ampliada no futuro. Aínda en estudo e sen o visto e prace definitivo, a plataforma censura uns trazados que afectarían o Monte Xalo, camiños históricos, castros ou petroglifos, ademais de unha importante área rural. Tería uns 32 quilómetros de lonxitude e con piares cada 500 metros. Como calquera destas características, o cableado require dunha distancia de afección de entre catro e seis metros de ancho a cada lado, mentres que as obras para postes e instalacións esixirán a actuación de maquinaria pesada e o tronzado de árbores. Un tendido eléctrico aéreo ata pouco antes de entrar na urbe coruñesa, onde pasaría a ser subterráneo.

Desde o colectivo contrario á liña tamén se destaca que nas Directrices da Paisaxe que prepara a Xunta lévanse a cabo "contradicións", ao anunciar medidas para eliminar as liñas de alta tensión aéreas pero tamén prever actuacións ante as "novas" que se dispoñan. Segundo As Mariñas Sen Alta Tensión, o regulamento iría contra o Convenio Europeo que prevé accións "encamiñadas a conservar e manter os aspectos significativos ou característicos dunha paisaxe, xustificadas polo seu valor patrimonial derivado da súa configuración natural e/ou a acción do home". 

Por todo isto, a plataforma insta á veciñanza a continuar presentando alegacións e facilita a ligazón á web da Xunta onde se poden levar a cabo, así como follas para presentalas e puntos de recollida das mesmas, en localidades como Abegondo, Cambre e Culleredo. Ao tempo, lamenta "a falta de interese respecto da ameaza" mostrado desde o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) AS Mariñas-Betanzos, "sobre o que non ten noticias se presentou ou vai presentar alegacións ás Directrices". 

Zona de afectación da liña de alta tensión prevista © As Mariñas sen Alta Tensión
Eguas no Monte Xalo, en Culleredo CC-BY-SA el Buho nº30

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.